Os buracos de Feijóo en Galicia: o triplo de débeda, 8.600 millóns polas caixas e 5.600 na Seguridade Social

A Coruña.- Os gobernos de Alberto Núñez Feijóo deixaron en Galicia un elevado nivel de endebedamento e diversos buracos financeiros en forma de déficit e recortes de investimento. Un deles é a débeda de 558 millóns de euros que, segundo o Consello de Contas de Galicia, se creou arredor da administración paralela das 87 entidades instrumentais da Xunta, que inclúe fundacións, empresas públicas, axencias, organismos, consorcios e «chiringuitos varios». Pero non é o único, nin o máis grande.

O triplo de débeda pública

O expresidente da Xunta e líder do PP cualificou a pasada fin de semana de «pufo» a débeda pública coa que, do mesmo xeito que sucede en todos os países do mundo, se financia o Estado. Mesmo a individualizou para dar contundencia ao seu argumento: 6.000 euros por cidadán.

Se se segue ese discurso, cabería pensar que Feijóo asume que el mesmo «empufou» os galegos, xa que a débeda pública de Galicia multiplicouse por tres durante os seus trece anos de mandato. Eran 3.923 millóns de euros ao final do primeiro trimestre de 2009 -Feijóo gañou as eleccións o 1 de marzo e tomou posesión o 18 de abril-, que se converteron en 11.314 millóns ao final de marzo de 2022 –Feijóo deixou a Xunta para liderar o PP o 30 de abril deste ano–.

Trátase dun incremento do 188,4%, que provocou que a débeda pública da comunidade represente xa o 90% do teito de gasto non financeiro da Xunta. Representa máis de 4.200 euros por cada habitante de Galicia.

O buraco das caixas

Feijóo chegou ao poder en plena crise financeira e coas grandes caixas públicas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, en serios problemas pola súa exposición ao crac inmobiliario, unha política expansiva de investimentos que resultaron catastróficos e un enorme descrédito comercial pola estafa das preferentes. A pesar de todo, Feijóo negouse a que o Estado as interviñese e impulsou a súa fusión, encargando un suposto informe de solvencia a unha consultora privada que acabou resultando ser falso.

Caixanova e Caixa Galicia, fusionadas como NovaGaliciaBanco tras despedir a preto de 2.000 traballadores, crebaron moi pouco despois e tiveron que ser rescatadas polo Estado, que gastou na operación 9.404 millóns de euros, dos que segundo o Banco de España só se recuperaron 783 millóns. É dicir, un buraco de 8.621 millóns de euros, o terceiro máis oneroso despois dos de Caixabank e CatalunyaCaixa.

As caixas galegas acabaron en mans de Banesco, propiedade do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, quen as adquiriu en 2014 practicamente gratis dado que non tivo que desembolsar nin un só euro porque os pagos pola adquisición estaban suxeitos á obtención de beneficios. Abanca e Escotet convertéronse desde entón no principal soporte financeiro dos gobernos de Feijóo. Este respondeu concedéndolles axudas millonarias mesmo para a instalación de caixeiros automáticos, a pesar de que entre 2015 e xullo de 2022 a entidade acumula beneficios netos continuados de máis de 2.454 millóns de euros. Tamén deu o visto e prace a unha Universidade Abanca, cuxo reitor é o irmán de Escotet e a pesar da posición en contra das tres universidades públicas galegas.

14,72 millóns de déficit diario da Seguridade Social

Se Galicia xestionase a súa propia caixa da Seguridade Social, hai anos que o sistema tería crebado. O déficit entre os ingresos e gastos do organismo ascendeu na comunidade a 5.375 millóns de euros en 2021. É dicir, 446,92 millóns ao mes, máis de 14,7 millóns cada día. A finais do pasado maio, o décifit acumulado de 2022 xa era de 2.351 millóns, o que fai prever que o exercicio pechará cun saldo negativo de máis de 5.600 millóns de euros.

As galegas e galegos son os quintos habitantes do Estado coas pensións máis baixas –931 euros de media, 160 euros menos que a media estatal–. Pero a enorme diferenza entre o que a Seguridade Social ingresa, principalmente por cotizacións sociais, e o que gasta en pensións, gastos correntes e de persoal, é enorme e creceu un 73% no últimos dez anos.

É certo que a Xunta non ten competencias en Seguridade Social e pensións. Pero si as ten plenas sobre as políticas que poderían elevar tanto o número de afiliados á Seguridade Social e as súas bases de cotización, como a planificación económica e industrial, a promoción do emprego e as medidas destinadas a combater o envellecemento demográfico e o despoboamento. Durante os trece anos de mandato de Feijóo, a poboación ocupada en Galicia caeu en 64.800 persoas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail