Todo o que conta de nós o embarque prioritario dun aeroporto

Había ata agora varios lugares dos que admiraba o seu potencial igualador. E ningún deles ten que ver coa Constitución. Máis ben falaba de camposantos e aeroportos. Excepción feita desas criaturas celestiais que son as tripulacións, aeroportos e cemiterios son deses poucos lugares nos que o tempo mide igual para todos. Tanto dá nun cadaleito de bidueiro como o Das dezaseis árbores do Somme ou na primeira clase de Qatar Airways. O barqueiro tarda sempre o mesmo en despegar.

Ou iso pensaba eu ata que a pasada semana choquei coa nova de que en Alvedro comezaba a funcionar un «carril rápido» no que polo módico prezo de 4 euros un pode deixar de perder o tempo como o resto dos mortais e avanzar directo cara a terra prometida. Nunca foi tan barato chegar .

O certo é que hai tempo que os aeroportos deixaron de ser o que eran. Cando me indignei en Twitter, que xa se sabe que é onde hoxe en día se fan as folgas modernas –velaí que da xornada de 40 horas pasamos á de 168– houbo amigos que me recordaron que iso dos embarques prioritarios e os carrís sen cola xa o inventaron tempo atrás os dos voos de baixo custe. Debeu ser cando nomearon a Ryanair ministro da xuventude e ocio da Unión Europea: que hai máis democratizador ca ir pasar a finde a Londres?

Mais o que eu quería dicir, e nunca consigo explicar, é todo o que conta de nós un carril de embarque prioritario. Cando Frantz Fanon publicou en París o seu Pel negra, máscaras brancas, alá por 1952, acabou por dicir que só «estaba tratando de entender por que ao negro das Antillas lle gustaba tanto falar francés». E non era pouco a pregunta. Penso que algún intelectual desta época (non transxénico, a poder ser) debería reflexionar sobre a conquista mercantilizadora das nosas vidas. Sobre como pode ser que á «maioría silenciosa», cun salario de pouco máis de 1.200 euros ao mes, lle guste tanto pagar por non ser como os demais? Polo menos, no momento de ir coller o avión.

En realidade, iso de vendernos ser especiais vén funcionando dende algún tempo. Nas ventas privadas de Internet ou nas colas das discotecas. Será que o posnegocio da globalización era vendernos unha identidade a cachiños?

Ter teñen unha arma moi poderosa. Conquistaron as palabras para dicir o que queren dicir. Branquear é sempre mellor que escurecer. Funcionarial hai tempo que é un adxectivo pexorativo.  É ‘Ya no trabajas para Hacienda: España se ‘libera’ hoy de pagar impuestos’ imbúe a idea de que contribuír á Sanidade ou á Educación pública é unha idea horrible. Chegados a este punto, como non nos van convencer de que pagar 4 euros por saltar a cola do control de seguridade é algo xusto? Despois de todo, o tempo non vale igual para todos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail