Noite americana

Hoxe tócame turno de noite. Cando vou ao coche, o sol xa se agochou detrás dos montes verdes da casa dos meus pais. A metade do ceo na que o sol acaba de desaparecer ten as cores do solpor (laranxas, violetas, malvas, rosas), a outra metade está gris de tormenta, un gris escuro, case como pintado con lapis. As árbores baixo o ceo gris grafito están iluminadas pola luz suave da bocanoite. Parece que estou nunha escena de película grabada en noite americana. Vendo La nuit américaine de Truffaut, Aaron explicoume como a noite americana é unha técnica que se usa no cine para simular que é noite nunha escena grabada no día. Desde entón sempre me decato cando a vexo, esa luz do día escondida tras a subexposición da postprodución. E agora estou nunha noite americana, e estou pensando en Aaron.

Inés e Raquel

No coche, poño unha das cancións que me puxo desde o asento do copiloto cando me veu a visitar. Chámase «Faceshopping», de SOPHIE. Hai algo na producción caótica e recargada do tema que pon o meu cerebro en silencio. É o tipo de canción que sei que lle vou acabar poñendo a Inés no coche. Aquela vez que volvimos en dous coches a Santiago para saír no Apóstolo, dividímonos no coche Lorde e no coche Bad Bunny, e Inés, Raquel e máis eu escoitamos «Melodrama» de principio a fin, repetindo «Ou entendes a entendes ou non a entendes». Cando escoito unha canción, sei se lle vai gustar a Inés. Oh, e Raquel! Moito nos gusta ir no coche. Encántannos as excursións, e escoitar música, e lerchear. O vrao pasado non paramos de escoitar a Franco Battiato. Pregúntome se lle gustará esta canción. Con ela non estou tan segura. Só sei que estou escoitando «Faceshopping» nunha noite americana, e estou pensando en Inés e Raquel.

Collo o camiño longo ao traballo, o bonito coa estrada estreita e feita un Cristo. Este camiño ten moitas árbores a ambos lados da pista, que se bican a medio camiño, formando un túnel de pólas e follas. Túnel de árbores, chámao a miña nai. Case podo escoitar a súa voz; ela, no asento do condutor, eu, na parte de atrás, no meu asento. Mira, Malva, un túnel de árbores. Os túneles de árbores fanme sentir como unha nena na parte de atrás do coche da miña nai, recollida, segura, de camiño á casa, cos ollos cheos de verde e de bonito. Estou conducindo por un túnel de árbores, escoitando «Faceshopping» nunha noite americana, e estou pensando na miña nai.

Cando inspiro polo nariz, recoñezo o ulido do ambientador que merquei no Carrefour con Mars o outro día. Mars veume a visitar catro días e cando fumos ao súper a comprarlle algo de comer para o voo de volta á súa casa, en Galway, aproveitei para tirar dez minutos intentando escoller un ambientador que non me fora cansar. Elu convenceume de que collera o de cereixas, e agora o meu coche arrecende á nosa despedida na porta do aeroporto. Estou conducindo por un túnel de árbores nun coche que cheira a piruleta, escoitando «Faceshopping» nunha noite americana, e estou pensando en Mars.   

Mars

Fixo bochorno todo o día e non me gusta poñer o aire acondicionado, así que vou coas ventás baixadas. Cando levo á miña sobriña no coche coas ventás baixadas e a música ben alta, como agora, ela apoia os brazos na repisa e pousa a cabeza enriba, como se fora a protagonista nun videoclip. Teño unha foto dela e todo. Dá igual se vai diante ou atrás. Claudia vive no meu coche e na miña memoria nesa postura, ocupando sitio ata cando non está, facéndome compañía a centos e centos de kilómetros de distancia, sen saber que está comigo pasando por un túnel de árbores nun coche que cheira a piruleta, escoitando Faceshopping nunha noite americana, sentada no asento do copiloto, co pelo voando e os olliños a medio pechar polo vento.

Claudia asomada no coche

É neste momento no que me decato de que a luz é de Aaron; a música, de Inés e Raquel; a paisaxe é da miña nai; o olor, de Mars e o asento ao meu carón, da miña sobriña. Eu son todo retrincos das persoas que quero, os meus ollos ven un mundo máis cheo de curiosidades e cousas bonitas a través dos ollos dos demais. Como puiden pasar eu tanto tempo sentíndome soa, se sempre levo anaquiños doutras persoas no peto, e nas palmas das mans, nas orellas, no naris, na punta da lingua e nos ollos? A música soa máis rica cando a escoito con Inés, as viaxes en coche son máis curtas coa miña nai no asento do condutor e coas miñas sobriñas no asento do copiloto; La nuit américaine é unha das miñas películas favoritas porque ma ensinou Aaron, a mellor persoa do mundo coa que aprender a apreciar un filme. Son un mosaico das miñas persoas favoritas. Como non me vou querer?

De KateVEVO – Kim Petras feat. SOPHIE no LadyLand Festival CC BY 3.0.

As árbores están iluminadas pola luz do luscofusco baixo o ceo escuro coma a noite. «Faceshopping» de SOPHIE para de soar, comeza «Sunflower» de Vampire Weekend con Steve Lacy. Seguro que lle gusta a Inés. Levo a noite americana de Aaron nos ollos.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail