Galicia vive unha emerxente resposta social contra o que algunhas asociacións ecoloxistas consideran unha «invasión» de aeroxeradores, que ameaza con alimentar a animadversión contra unha das alternativas máis baratas e ecolóxicas para a produción de electricidade
Desde hai meses sucédense en Galicia manifestacións, marchas e protestas veciñais contra os preto de 300 proxectos de novos parque eólicos que tramita a Xunta, moitos deles previstos en zonas de enorme riqueza natural, paisaxística, histórica e arqueolóxica. O Executivo de Alberto Núñez Feijóo, pero tamén o Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, están a evaluar as correspondentes autorizacións no medio de tal silencio e falta de transparencia que aparentan máis sensibilidade cara aos beneficios da industria eléctricas que cara á inquietude cidadá. E todo revolto pola polémica xurdida pola subida do prezo da luz, nunha das comunidades do Estado que máis electricidade produce e onde, paradoxalmente, máis cara a pagan os seus habitantes.
«Non estamos contra a enerxía eólica senón contra a industrialización do monte e dun modelo enerxético depredador que beneficia ás eléctricas á conta da natureza, a paisaxe e as persoas», di Xilberte Manso, portavoz de SOS Groba, unha asociación que quere evitar que se instalen 44 aeroxeradores na Serra da Groba e outros trece na lindeira Serra do Galiñeiro. Son dous macizos montañosos que cruzan de norte a sur os municipios de Vigo, O Porriño, Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal e Tui, cunha paisaxe espectacular sobre a costa e onde, segundo Manso, se concentra «a maior densidade de toda a Península de xacementos arqueolóxicos catalados e sen catalogar».
SOS Groba pertence a Rede Galega STOP Eólicos, que agrupa a unha trintena de organizacións que cren que lexislación actual, de hai 25 anos, é demasiado laxa cos parques eólicos. Tamén advirten de que a industria evolucionou e é capaz de colocar hoxe muíños de 220 metros de altura alí onde antes non superaban os 30 metros, e que en Galicia a normativa vixente permite instalalos a 500 metros dunha vivenda, coa correspondente afectación para o futuro demográfico das zonas rurais. «Non hai un só dos municipios galegos que teñen aeroxeradores onde non caese a poboación no que vai de século», subliña Manso.
A contestación social ameaza ademais con converterse nun novo fracaso da estratexia eólica da Xunta. Hai catro anos, a Xustiza xa a condenou a pagar tres millóns de euros en indemnizacións por anular o concurso eólico do Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG, que distribuíra proxectos a cambio de que os beneficiarios asumisen que o 14% das súas ganancias se dirixirían a executar plans industriais e de desenvolvemento nas comarcas afectadas. Feijóo tombou aquel plan aos catro meses de chegar á Presidencia da Xunta, e deseñou unha nova repartición menos esixente coa industria.
Agora, ademais dos parques previstos na Serra da Groba e na Serra do Galiñeiro, hai tamén solicitudes de autorización na Mariña lucense, na comarca pontevedresa do Deza, nos municipios coruñeses de Betanzos, Cabana, Mazaricos, Malpica, Ponteceso, Dumbría, Vimianzo, Coristanco… Un dos que máis rexeitamento levantou é o que a empresa Desenvolvementos Renovables Iberia Gamma SL quere explotar e a Serra do Eixo, na fronteira entre Ourense e Zamora, a escasos quilómetros de Pena Trevinca. Iberia Gamma é unha das filiais españolas de Statkfrat, propiedade do Estado noruegués, o que dá lugar a outra paradoxo: a ministra de Enerxía dese país, Tina Bru, acaba de asegurar que o seu Goberno prevé no futuro facilitar «un desenvolvemento limitado e máis moderado da enerxía eólica», segundo recolleu Luzes no artigo A ética e a estética do vento.
Galicia xa é a segunda maior produtora de enerxías renovables do Estado e a terceira en produción de enerxía eólica, con capacidade para poñer cada hora na rede case 4.000 megawatios de electricidade procedente dos seus aeroxeradores, repartidos en 186 parques. É dicir, só por detrás de Castela-León e de Aragón. Galicia produce o triplo de eólica que Cataluña, que ten tres veces máis poboación, e máis que Andalucía, que conta con tres veces máis superficie. Un megawatio hora pode iluminar unhas 330 vivendas durante unha hora, así que, se os novos proxectos se aprobaran, Galicia acabaría contando con capacidade para iluminar case 2,7 millóns de fogares. Segundo o Instituto Galego de Estatística só ten 1,3 millóns de vivendas habitadas.
A comparación é obviamente equívoca, porque, a electricidade non serve só para iluminar casas, senón tamén para que a industria funcione. Especialmente a electrointensiva, como sucede no sector de produción de aluminio. E niso Galicia tamén se sitúa noutro vergoñento paradoxo, exemplificado na factoria de aluminio de Alcoa en San Cibrao, en Lugo. Os seus donos, estadounidenses, anunciaron o seu peche, que deixaría na rúa a unhas 600 familias, alegando que o prezo da enerxía eléctrica en Galicia é demasiado caro. O paradoxal é que, como explica Xilberte Manso, en só cincuenta quilómetros á redonda ao redor de San Cibrao hai máis de 1.500 muíños xeradores de electricidade.
A situación serviu ao Bloque Nacionalista Galego para armar un discurso baseado nese suposto agravio comparativo, e a cualificalo de «espolio enerxético», en palabras de Néstor Rego, deputado da formación no Congreso e quen nunha nota de prensa cuestionaba así a semana pasada os custos da factura galega da luz: «Entre os cargos que agora pagamos están algúns, como os de transporte, que correspondería pagar a quen consome a nosa enerxía a 600 quilómetros de distancia, e non a nós, que a producimos á beira das nosas casas». Refírese, claro, a Madrid, a única comunidade española que non conta cun só xerador eólico no seu territorio, pero cuxo consumo eléctrico equivale ao que xera Galicia en todo un ano.
Rego reclama ao Goberno que paralice os novos parques, algo que xa fixera meses antes que el, e non mediante declaracións aos medios senón a través de varias iniciativas, Antón Gómez Reino, deputado do grupo parlamentario de Galicia en Común-Unidas Podemos-En Comú Podem. Nunha pregunta escrita dirixida en febreiro pasado á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, Gómez Reino lembraba que moitos dos novos parques proxectados en Galicia atópanse en zonas que deberían figurar no catálogo da Rede Natura 2000 da Unión Europea, e que a Xunta non os tiña elevado a Bruxelas nos prazos ordenados pola Comisión Europea porque o que pretende é primar as facilidades para a instalación de muíños. O Ministerio de Ribera limitouse a contestarlle que «non é competente» para valorar esa cuestión.
Tamén alegou falta de competencias para pronunciarse, como lle reclamou Gómez Reino, sobre os parques proxectados na Serra da Groba, alegando que individualmente suman menos de 50 megawatios á hora e que só os que superan esa potencia deben ser avaliados polo Goberno do Estado. E aí xorde outra das críticas que apuntan os ecoloxistas: as empresas trampean a lei fraccionando o mesmo parque en tantos anacos como faga falta para que non superen os 50 megawatios e, así, contar coa suposta aquiescencia dunha avaliación ambiental máis laxa por parte da Administración autonómica. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de anular a concesión de dous parques en Mondoñedo (Lugo) porque, segundo os xuíces, o proxecto «foi dividido artifciosamente polo promotor» para impedir que se avaliase correctamente o seu impacto paisaxístico e ambiental. A Xunta e a empresa Norvento -a principal de Galicia de entre as eólicas que teñen maioría de capital galego- acaban de recorrer a sentenza no Tribunal Supremo, segundo informa Praza Pública.
Para as empresas, con todo, a división dun mesmo proxecto en varios anacos non é unha treta, senón a resposta a unha necesidade. «A fragmentación só se fai para minorar riscos. Os parques vanse levantando gradualmente porque ninguén arrisca 120 millóns de euros dunha vez. A avaliación ambiental non só non se suaviza coa fragmentacióno, senón que o seu control se reforza porque hai que abrir un expediente por cada proxecto. No caso de Mondoñedo son dous parques que se construíron cunha diferenza de seis anos», explica Manel Pazo, presidente de EGA, a Asociación Eólica de Galicia, na que se agrupan unhas corenta empresas. Hainas grandes, como Iberdrola, Endesa, Naturgy e Villar Mir Enerxía; e medianas, como Greenalia e Norvento. Pero tamén pequenas.
Pazo xa estaba no sector eólico en 1987, cando se levantou o primeiro aeroxerador de Galicia en Estaca de Bares, ao norte da provincia da Coruña. «Non había ecoloxista que non nos recibise como a solución á contaminación e ao cambio climático, pero hoxe quérennos converter nos malos por unha motivación política», sinala. «Non se vai a levantar ningún parque eólico que teña a máis mínima complicación ambiental, e non só porque o sector ten un compromiso elemental con iso, senón porque ningunha empresa vai xogar cun proxecto se se arrisca a que un preito o eternice nos xulgados».
O portavoz da patronal eólica galega alega ademais que as empresas só cumpren as normas que lles impuxeron as administracións, e que as zonas nas que a industria presenta proxectos son as incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia, aprobado en 1997 e modificado posteriormente co apoio de todos os partidos galegos, incluídos os que agora os cuestionan .
O presidente de EGA opina que a motivación política que estaría detrás da contestación social aos novos parques, con independencia de que moitos proxectos sexan medioambientalmente reprobables e non vaian saír adiante, está a facer un enorme dano «a un sector que podería ser o futuro de Galicia». «A aposta pola enerxía eólica é unha política de esquerdas. Nós somos ecoloxistas, producimos a electricidade máis barata e estamos a contribuír a que Galicia deixe de contaminar o planeta coas 30.000 toneladas diarias de CO2 que as súas centrais térmicas de carbón vertían á atmosfera hai poucos ano», di, e engade: «Non entendo o que está a suceder agora contra a enerxía eólica se non é acudindo a esa motivación política, porque a verdade é que durante os catro anos do Goberno bipartito do PSOE e o BNG autorizáronse máis parques eólicos dos que autorizou o PP en doce anos».
Pazo reitera en varias ocasións que proxectos como o da Serra da Groba e o de Pena Trevinca, con evidente impacto ecolóxico, non se van a construír. Pero as miles de persoas que asistiron hai dúas semanas a unha marcha pola serra convocada por SOS Groba non se fían. E denuncian que, malia que o proxecto aínda está en proceso de tramitación administrativa, xa se levantaron alí dúas estacións meteorolóxicas, o paso previo á instalación de xeradores. «Poida que algúns parques finalmente non se constrúan, pero se é así vai ser pola presión social», responde Xilberte Manso, quen critica á Xunta e ao Goberno pola opacidade e o silencio co que están a xestionar o proceso. «Non hai dereito a que a cidadanía teña que perder o seu tempo e o seu diñeiro, contratando avogados e asesores, para defender algo que terían que defender as nosas institucións», conclúe».
Pola súa banda, a Consellería de Economía, Emprego e Innovación, que dirixe Francisco Conde, quen ocupa tamén a Vicepresidencia Segunda do Executivo de Feijóo, alega que a Xunta defende «un desenvolvemento das enerxías renovables en xeral -e da eólica en particular- a través de proxectos que conten coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais», e que son sometidos a un rigoroso proceso de avaliación ambiental segundo a normativa vixente, «que é a mesma en Galicia que no resto de España».
O departamento de Conde subliña ademais que xa informou desfavorablemente sobre 35 proxectos «tramitados polo Goberno» do Estado e cuxa localización estaba prevista «fóra das áreas previstas no Plan Sectorial Eólico de Galicia». Pero está a resultarlle difícil convencer a quen critica o seu modelo. Unha polémica que se alimenta ademais da recente subida do prezo da electricidade, que indigna a moitas familias que teñen que empezar a pensar en pasar o ferro de madrugada para poder chegar a fin de mes, mentres as compañías eléctricas seguen obtendo plusvalías multimillonarias explotando recursos naturais que son de todos. Só entre Acciona, Endesa, Iberdrola e Naturgy, con miles de aeroxeradores en Galicia e a súa sede fiscal fóra do país, declararon o ano pasado máis de 5.000 millóns de euros en beneficios netos. No primeiro trimestre do 2021 xa van máis de 2.000 millóns.
A Rede Galega STOP eólicos convocou para este sábado ao mediodía unha manifestación en Santiago á que chama a unirse a quen defenden un modelo de produción de enerxía eólica disinto ao que puxo en marcha a Xunta. Coincide co Día Mundial do Medio Ambiente, ese no que millóns de persoas de todo o mundo se manifestan por un planeta azul e verde, na crenza de que a rebeldía e a contestación social son o que move o mundo a mellor e de que empresas e gobernos, en moitas ocasións, non son xigantes, vuesa mercé. Só muíños.