Neutralidade ideolóxica: eduquen na ignorancia fronte ao xenocidio

A Consellería de Educación denegoulle á Nova Escola Galega a homologación previa do XXXVI Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz. Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio, de xeito que lle impediu ao profesorado participante beneficiarse do recoñecemento desta formación. Faino inicialmente, e segundo a única comunicación que dirixiu a entidade, «por incumprir o principio de neutralidade ideolóxica contido na Resolución do 5 de xuño de 2025», unhas polémicas instrucións orientadas a regular as actividades dos centros escolares.

En resposta á prensa, a Administración educativa engade que a actividade «non está aliñada coas liñas estratéxicas do Plan de Formación do Profesorado e é susceptible de confrontar co principio de neutralidade». Unha revisión do devandito Plan permite recoñecer na actividade censurada a coincidencia entre os seus obxectivos e as previsións da área social e, máis en concreto, da «competencia inclusiva, social e cidadá,  que pretende desenvolver a conciencia intercultural e internacional, e atender a prevención e resolución de conflitos, fomentando a xustiza social e o respecto».

Cartel informativo do XXXVI Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz. Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio. Fonte: Nova Escola Galega.

Na súa dilatada traxectoria, estes Encontros estiveron sempre aliñados co mandato de educar nos dereitos humanos e para unha cidadanía global, desde a non violencia e a paz, que compromete o conxunto do sistema educativo. Esta edición garda continuidade temática e metodolóxica coas anteriores, particularmente coa celebrada e homologada no 2024: Os camiños da paz en tempos de guerras.

Logo dos cantos de serea arredor da autoridade do profesorado, á hora da verdade concúlcanse as súas liberdades académicas e limítase a súa autonomía profesional

Preguntámonos entón que mudou para que de xeito impensable se adoptase esta decisión. Parece evidente que se trata dun novo chanzo na escalada polo control do que se move criticamente nas escolas. A saída daquelas instrucións fora interpretada nesta liña por diferentes entidades da comunidade educativa. Logo dos cantos de serea arredor da autoridade do profesorado, á hora da verdade concúlcanse as súas liberdades académicas e limítase a súa autonomía profesional ao condicionar as actividades dos centros ou mesmo as escollas sobre a propia formación.

A administración envólvese no principio de neutralidade para dar unha aparencia de suposta obxectividade a decisións claramente ideolóxicas: deslexitimar o traballo pedagóxico arredor do xenocidio –unha das conculcacións máis graves dos dereitos humanos- non é en absoluto unha decisión neutral. U-la educación crítica e para a cidadanía global? Onde quedan os compromisos do sistema cos dereitos humanos, reflectidos no currículo escolar e na formación inicial e permanente do profesorado ?

A administración educativa pretende descualificar como ilexítimo e sospeitoso este labor pedagóxico das comunidades educativas, agardando que a propia autocensura vaia baleirando a escola de ocupacións cívicas. Non é novo e teñen experiencia. As dereitas desenvolveron unha cruzada contra o suposto adoutrinamento da materia de Educación para a Cidadanía, e avanzaron en propostas de confrontación como o do «veto parental». De sobra coñecían a súa alegalidade, mais o caso é sementar confusión e poñer baixo o foco censor aqueles temas que consideran incluídos na súa guerra cultural: entre outros, a educación sexual, a igualdade, o cambio climático, a memoria histórica ou o xenocidio.

Velaí a falacia da neutralidade educativa, arma de coerción e sinónimo de capitulación fronte ao pluralismo ideolóxico e ao dereito a unha educación crítica.

A axenda cultural ultra foi escribindo unha folla de ruta de carácter transnacional: a Escola sem Partido no Brasil, durante o goberno de Bolsonaro; o programa de Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen en Francia, que esixía «neutralidade absoluta en cuestións políticas, ideolóxicas e relixiosas»; ou o actual Pacto para a Educación Superior de Trump, que impón a «neutralidade institucional» como condición para o financiamento universitario.

Velaí a falacia da neutralidade educativa, arma de coerción e sinónimo de capitulación fronte ao pluralismo ideolóxico e ao dereito a unha educación crítica. O  modelo educativo ultraconservador descansa na conformidade ideolóxica co pensamento único que propaga o poder, lonxe das escolas como espazos de construción cidadá, nas que as controversias sociais son sometidas a escrutinio.

O compromiso das institucións educativas coa mocidade é equipala para comprender un mundo crecentemente complexo, na procura dunha cidadanía informada e activa que aspire a un mundo máis xusto. O contrario pon en perigo a democracia mesma.

[Mariló Candedo é a presidenta da Nova Escola Galega]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail