A Coruña.- O portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, denunciou este xoves que entre 2019 e 2021 a Xunta foi a administración autonómica do Estado que maior volume de contratación pública adxudicou a dedo.
Segundo o portavoz socialista, o 46% do diñeiro adxudicado neses anos, cando a Xunta estaba gobernada por Alberto Núñez Feijóo, realizouse mediante contratos menores ou polo procedemento negociado sen concorrencia competitiva, e por tanto «excluíndo á competencia» e abrindo a porta «á corrupción pola vía de establecer incentivos para a mesma».
Eses contratos adxudicáronse coas mesmas fórmulas que empregou a Xunta para entregar máis de 1,2 millóns de euros a varios medios de comunicación estatais con sede en Madrid, cando Feijóo preparaba o seu asalto á presidencia do PP, ou como os que lle deron 50.000 euros de fondos públicos ao ultra Javier Negre para que se gravase a si mesmo co seu teléfono móbil facendo algúns tramos do Camiño de Santiago coa escusa de promocionar eses vídeos na súa páxina web.
Arangüena, que tomou como referencia os datos ofrecidos polo rexistro de contratos do sector público do Ministerio de Facenda e Función Pública, asegura que a Xunta está «á cabeza de España en importe dos contratos adxudicados a dedo» e que é «a penúltima que menos adxudica por procedemento aberto ou aberto simplificado».
Máis de 2.600 millóns a dedo en tres anos
Segundo o Ministerio de Facenda, a Xunta contratou entre 2019 e 2021 bens e servizos por valor de 6.576 millóns de euros. Seguindo os cálculos de Arangüena, máis de 2.600 millóns adxudicáronse a dedo.
Estas prácticas, engadiu o deputado, «dificultan o control, impiden a transparencia» e limitan o acceso das pequenas medianas empresas mercado de de a contratación pública, ademais de supoñer un incumprimento da normativa que esixe que a contratación menor dunha administración teña carácter residual.
O PSOE presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego para pedir á Xunta que inste á Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) que avalíe o sistema de contratación da administración galega, que non foi aprobada polo voto en contra do PP, que ten maioría absoluta na Cámara. Na mesma proposta, os socialistas reclamaban outra avaliación do Consello de Contas, o órgano que fiscaliza as contas públicas da comunidade.
Arangüena tamén pedía que os membros da Comisión Galega da Competencia sexan designados «en función dun criterio estrito de solvencia profesional e independencia, e non da súa vinculación política», tras lembrar que dous dos tres membros do pleno deste órgano, incluíndo o seu presidente, foron deputados do Partido Popular.