O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cancelou este domingo a reunión telemática coas forzas políticas galegas por terceira vez. O barón galego rexeita unha prórroga do estado de alarma e a oposición acúsao de «intereses electorais» para poder convocar os comicios antes de outubro.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, volveu a cancelar este domingo a reunión telemática coas forzas políticas galegas tras a reunión cos presidentes rexionais, a terceira vez. Un dos temas para tratar sería as eleccións autonómicas -suspendidas pola crise sanitaria-, xa que o líder do PP galego negou a semana pasada que as eleccións estivesen «na axenda», pero nunha rolda de prensa na Televisión de Galicia (TVG) este domingo, si tratou os comicios, e pediu «fórmulas» para poder celebralos antes de outubro.
Coincidindo unha vez máis co lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, quen anunciou tamén a semana pasada que pretende celebrar eleccións en xullo, pide o fin do estado de alarma xa que o decreto galego contempla que debe finalizar para poder ir ás urnas. E é que no caso de que non se puidesen convocar as eleccións no verán, a situación sanitaria pode dificultar votar con posterioridade debido a que se espera un repunte da COVID-19 na comunidade no outono.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Feijóo apuntou que prorrogar a lexislatura máis de catro anos sería «a peor solución» e pide «buscar fórmulas», con todo, tamén abriu a porta para «improvisar» un escenario legal para aprazalas máis aló deste ano. Así mesmo, considerou na rolda de prensa que «dentro da incerteza na que vivimos desde o punto de vista sanitario, temos que aproximarnos ao escenario que dea maior certeza sanitaria para poder facer eleccións». O presidente falou duns comicios «con dificultades, con distanciamento social, con colexios electorais máis amplos, con lugares onde haxa menos aglomeracións e cunha campaña importante de voto por correo».
O que prometera o presidente da Xunta ao comezo da crise do coronavirus é que «escoitaría» aos partidos políticos no tema electoral. Con todo, aínda non acudiu este abril á Deputación Permanente, órgano de control á xestión do Goberno autonómico, e tampouco se puxo en contacto con ninguén da oposición. Este luns sóubose que acudirá ao Parlamento previsiblemente a finais de semana, a segunda vez desde o pasado 14 de marzo, día que se declarou o estado de alarma. Onde si asiste o líder do PP galego é á Televisión de Galicia (TVG), ata máis dunha vintena de veces desde o inicio da emerxencia sanitaria, algo moi criticado pola oposición ao utilizar os medios públicos por motivacións partidistas.
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, explicou este luns nunha rolda de prensa telemática que hai «incerteza» pero que «aos poucos se irá despexando a data». A formación popular en Galicia tamén coincide en levantar o estado de alarma e afirmou que «é unha invasión de dereitos das persoas e das comunidades autonómicas».
Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, transmitiu nunha comparecencia online este luns que Feijóo «quere liderar aos baróns do PP na estratexia de confrontación» contra o Goberno estatal e que «se escondeu» ao non acudir á reunión cos partidos galegos. Manifestou que son os «intereses electorais» os que preocupan ao presidente autonómico e que os seus movementos van dirixidos a «evitar» o debate electoral para «eximirse das súas responsabilidades», como en materia de residencias. Os socialistas, engade Caballero, están «preparados» para cando haxa que ir ás urnas. O líder do PSdeG-PSOE apoiou ao Goberno de Madrid e notificou que «o estado de alarma é un instrumento útil e efectivo ante unha pandemia».
Da mesma maneira, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino afeou a Feijóo por «volver faltar á súa palabra» ao non convocar ao conxunto de forzas políticas sen trasladar ningún tipo de información. Recoñece que desde o grupo están «preocupadas» polas declaracións do presidente e por «aliñarse» con Casado e con VOX. «Parece que non importa xa a situación epidemiolóxica que temos. Os datos non son todo o positivos que desexamos». Gómez-Reino tamén reprochou a Feijóo que o domingo pola mañá «pida diálogo na TVG» a Madrid e que pola tarde «o evite». Así mesmo, asegurou que lles parece unha «irresponsabilidade democrática poñer encima da mesa continuar gobernando fóra dos procedementos establecidos».
Tamén a candidata do BNG, Ana Pontón, criticou ao presidente da Xunta por conxelar «o diálogo» sen ter «ningunha información sobre a proposta para a desescalada». Pontón cre que Feijóo prefire «quedar na crítica» ao Goberno estatal, e ante unha posible data electoral, respondeu a preguntas de xornalistas que «sorprende que dixese hai unha semana que as eleccións non estaban na súa axenda e que esta semana queira pisar o acelerador».
Desde o BNG postulan que non é «sensato» falar de data electoral e que cando o líder do PP «reclama o fin do estado de alarma non está a pensar na defensa dos dereitos e das liberdades públicas» senón nas eleccións. O BNG apoia unha nova prórroga do estado de alarma, pero pide ao Goberno central que «rectifique os seus erros» por unha «política de centralización» que «non permite o diálogo nin o acordo».