Franco pagaba con diñeiro público os seus medicamentos, as medias da súa muller e ata os apósitos dos netos en Meirás

A Coruña.- Durante a súa última estancia nas torres de Meirás no verán de 1975, Francisco Franco non só pagaba co orzamento da Casa Civil do xefe do Estado os medicamentos que lles receitaba o seu médico a el e á súa esposa, Carmen Polo. Tamén aboaba con diñeiro público as medias da súa muller, os analxésicos e sedantes para a súa filla e ata os apósitos adhesivos que lles poñían aos seus netos.

Así o revelan os documentos dos arquivos do pazo aos que tivo acceso Luzes-Público, nos que os responsables da citada Casa Civil rexistraron todo o que sucedía nas Torres, en Sada (A Coruña), durante aquel verán de 1975.

Desglose de gastos persoais dos Franco en Meirás aboados co orzamento público / Arquivos Meirás

Anotaban desde os puros, cigarros, viños e licores que se consumían nas comidas e ceas na residencia estival do tirano e quen entraba e saía delas e a que horas; ata a dieta que o médico dos Franco ordenaba preparar aos cociñeiros do pazo e as cantidades e conceptos que os funcionarios máis próximos ao ditador aboaban polos gastos diarios, seus e da súa familia.

Os recibos están asinados polo persoal de máxima confianza de Franco: Ricardo Catoira Garaboa, o seu secretario particular; José Luis Salazar Soto, xefe de Administración e da Pagaduría da Casa Civil da Xefatura do Estado; e Fernando Fuertes de Villavicencio, xefe e intendente xeral desa institución.

Os Franco adoitaban pasar os veráns en Meirás desde 1938, cando puxeron en marcha a operación para roubar o inmoble en plena guerra civil, que consumaron cunha falsa compra en 1941. En 1975 chegaron ás torres o 28 de xullo, co tirano, que contaba 82 anos, nunha delicada situación de saúde derivada do párkinson que padecía desde había case unha década e da embolia que sufrira o ano anterior.

Anverso (arriba, en horizontal) e reverso (debaixo, en vertical) dunha das notas de gasto dos Franco en Meirás pagadas con diñeiro público. Arquivos Meirás

O seu novo médico era Vicente Pozuelo Escudero, que substituíra o anterior por orde da familia. Pozuelo establecía a diario os réximes alimentario e médico de Franco e a súa esposa. Os medicamentos encargábanse a unha farmacia local que llos levaba ao pazo, onde os funcionarios que os recibían os pagaban do seu peto. Logo, contra presentación dos tíckets e facturas correspondentes, a Pagaduría da Casa Civil devolvíalles ese diñeiro.

«Por mercromina, auga osixenada e apósitos, para os netos de SSEE [súas excelencias], 66 pesetas», reza un dos detalles de gasto. Aplicando a inflación desde entón, serían uns seis euros de hoxe. Esa anotación está datada o 31 de xullo e forma parte dunha nota conxunta semanal por un total de 1.295 pesetas –uns 117 euros de 2026–, que inclúe outra factura de 150 pesetas –uns 14 euros– de tinturaría «por limpeza de vestido de SE a señora»; e outra de 231 pesetas –21 euros– de papelería «por compra de papel de envolver».

As notas sucédense con carácter semanal e a maioría de gastos refírense á compra de medicamentos –incluídos analxésicos para a filla de Franco a 152 pesetas–, pero tamén obxectos de uso persoal: «Por un par de medias ‘descanso’ para a señora SE, 235 pesetas –21 euros hoxe». «Por catro rotuladores adquiridos para o despacho de SE, 64 pesetas –5,70 euros–».

Solicitude de adianto de diñeiro para aboar un billete de avión para Francisco Franco Martínez-Bordiú, neto do ditador / Arquivos de Meirás

Durante o verán de 1975, entre o 27 de xullo e o 8 de setembro, o día en que os Franco abandonaron Meirás, os recibos da Pagaduría da Casa Civil da Xefatura do Estado contemplan o aboamento de gastos menores como os citados por un total de 12.602 pesetas, que serían uns 1.137 euros de 2026.

A documentación á que tivo acceso Luzes-Público inclúe unha petición de adianto de 2.369 pesetas –uns 213 euros–, datada o 4 de agosto, para o aboamento do «importe dun billete de avión para o neto de SSEE, Francisco Franco [Martínez-Bordiú], do venres 1 de agosto (A Coruña-Barajas)». A solicitude, escrita a máquina, inclúe unha anotación a man do xefe da Pagaduría que asegura que o importe foi liquidado o 7 de agosto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail