A Coruña.- A empresa de telemarketing vinculada ao cuñado de Alberto Núñez Feijóo á que a Xunta adxudicou contratos por 19,2 millóns de euros entre 2020 e 2023 polos servizos de call center, información telefónica sobre o covid e rastrexo de casos durante a crise sanitaria, pagou 1,16 millóns de euros anuais en salarios os traballadores e traballadoras aos que destinou a cubrir esas tarefas.
Así figura no expediente do concurso do acordo marco adxudicado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) a Universal Support, a compañía coruñesa da que Ignacio Cárdenas, irmán de Eva Cárdenas, parella de Feijóo, é o director comercial da firma. Mediante ese acordo, a Xunta asinou coa empresa 25 contratos por 4,06 millóns de euros.
Previamente, o Sergas asignara polo menos outros 18 contratos a Universal Support por valor de máis de 15 millóns de euros mediante o procedemento de emerxencia derivado da flexibilización das condicións de licitación da administración pola crise do covid. O Sergas informou de todos eles ao Consello da Xunta que entón presidía Feijóo.
Do persoal que a empresa destinou a cubrir servizos para a Xunta relacionados co covid, máis do 80% tiña contrato temporal
Segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, Universal Support destinou ao último acordo marco coa Xunta a 78 traballadores ou traballadoras, cuxa retribución anual bruta media foi de 14.855,6 euros. O soldo mínimo anual -7.57 euros- percibiunos un ou unha teleoperadora especialista con xornada de 20 horas semanais, e o máximo, un ou unha responsable de servizos que gañaba ao redor de 30.500 anuais.
En total foron 1.1587.37,54 euros ao ano en retribucións. O acordo tiña unha duración dun ano pero prorrogouse por outros 12 meses, o que supón un total estimado de 2.317.475,08 euros en toda a súa vixencia.
Do persoal que a empresa destinou a cubrir servizos para a Xunta relacionados co covid, 63 empregados -máis do 80%- tiñan contrato temporal e só 11 de xornada completa. A maioría,
máis de 60, incorporáronse á firma entre setembro e decembro de 2020, é dicir coincidindo coas primeiras adxudicacións sen concurso que a empresa obtivo da Xunta.
Sen antigüidade
Apenas unha ducia deses empregados tiñan unha antigüidade de máis de dous anos na compañía, incluíndo ao responsable de servizos, a un supervisor e a catro coordinadoras.
Universal Support ten o seu centro de operacións en Galicia no polígono industrial de Bergondo, preto da Coruña, forma parte da multinacional Konecta e o seu obxecto é o telemarketing e as actividades vinculadas a esa actividade. Non ten relación co sector sanitario, pero segundo un informe do Consello de Contas de Galicia foi a empresa que máis contratou coa Xunta con cargo aos fondos de emerxencia habilitados para combater o covid.
A oferta económica máis cara
En abril de 2021, e tras asignarlle sen concurso 15,2 millóns, a empresa gañou outra licitación da Xunta, esta vez con concurso público, a pesar de que a súa oferta económica era a máis cara. Puido facerse co contrato porque a mesa que decidiu a adxudicación lle outorgou as mellores puntuacións en aspectos de avaliación subxectiva como a calidade dos seus plans de xestión e formación do persoal, a súa infraestrutura tecnolóxica e os controis de calidade.
Segundo informou este xoves o diario El Salto, Universal Support tamén obtería da Xunta outros 204.076,18 euros mediante dous contratos menores asignados tamén sen concurso público en decembro de 2021 baixo o concepto «call center» por 33.318,56 e 170.757,62 euros, respectivamente.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou o escurantismo da Xunta nas adxudicacións á empresa na que traballa Ignacio Cárdenas, e advertiu de que a Administración autonómica non facilitou ao Consello de Contas toda a información sobre as mesmas, segundo o deputado autonómico Luis Bará.
O PSOE tamén pediu explicacións a Feijóo, que este xoves acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de «poñer o ventilador» para esquivar o caso Koldo.