INGOMA NSHYA, o poder dos tambores

Nada pode borrar o ocorrido entre abril e xullo de 1994 en Ruanda, un xenocidio que deixou case un millón de mortos (dunha poboación que non chegaba aos oito millóns), dividiu o país en dous e do que quedan rancor e receo. Mais si se poden intentar suavizar os efectos deste na memoria. Así é como nace Ingoma Nshya, un proxecto onde Odile Gakire Katese decide unir a mulleres hutus e tutsis a través da pel dun tambor, creando o primeiro grupo de percusión feminino do país. O proxecto xorde cunha dobre intención: dar ferramentas de empoderamento á muller a través do tambor –ata agora unha práctica cultural reservada aos homes–, así como cicatrizar feridas mediante a reconciliación.

Chegamos cedo a Huye, un distrito da provincia do sur de Ruanda, considerada a capital intelectual do país desde a época colonial –cando era coñecida como Butare–, e a segunda cidade máis importante de Ruanda, á que Kigali lle arrebatou a capitalidade pola súa situación xeográfica. Atopámonos cunha cidade deserta, sen o habitual balbordo das vilas e pobos que fomos coñecendo polo camiño. Dáse a casualidade de que a nosa visita coincide co Umuganda, que se celebra o último sábado de cada mes entre as sete e as once da mañá, no que se chama á poboación de entre 18 e 65 anos a facer traballos comunitarios. Cóntannos que ese día todos os ruandeses traballan xuntos para reconstruír o país facendo traballos de mantemento, limpando rúas, plantando árbores ou calquera outra actividade comunitaria que contribúa á mellora do país. Non sabemos se eses traballos en comunidade se fixeron nos arredores da cidade ou no campo, pero o certo é que en Huye apenas vemos un par de grupos realizando tarefas de mantemento en dúas rúas e un home podando unha árbore da estrada principal a golpe de machete.

Fotografía: Oscar Espinosa
Fotografía: Oscar Espinosa

Ao mediodía, como por encantamento, rexorde a vida en todos os recunchos da cidade, abren os comercios, inúndase a rúa principal de bicicletas, coches, boda boda [taxis bicicleta ou motocicleta] e xente camiñando en todas as direccións.

Quedamos fronte á igrexa de Santa Tareixa, á beira da estación de autobuses, con Marguerite Mushimiyimana, unha muller de 26 anos, de aspecto fráxil e delicado que tras presentarse timidamente nos conduce ata o lugar onde ensaian ela e o resto do grupo. Cruzamos a estación de autobuses e chegamos a un edificio de ladrillo onde nos esperaban 16 das 20 integrantes desta formación, ataviadas con coloridos panos africanos, dando os últimos retoques de maquillaxe e rematando de vestirse para a ocasión, coma se se tratase dunha actuación prevista.
Deseguido decatámonos de que aquilo non era un ensaio habitual. Logo dun ir e vir de mulleres, entre sorrisos e mans cheas de baquetas, cargando pesados tambores de distintos tamaños, saen ao patio que hai xusto á beira do local de ensaio e sen mediar apenas palabra colócanse diante do seu tambor.

Fotografía: Oscar Espinosa
Fotografía: Oscar Espinosa

Un pequeno silencio e, de súpeto, un berro de tambores rompe o borboriñar daquela cidade tranquila. A enerxía séntese como un golpe no estómago, cando o grupo de dezasete mulleres comeza co seu ensaio semanal. Nuns segundos, aquelas mulleres tímidas e reservadas explotan con tal forza e alegría, que é imposible non deixarse levar. Rapidamente, persoas curiosas rodean o grupo, maioritariamente homes, que atraídos polo latexar telúrico daquela música, escoitan con interese e admiración. O son dos tambores entrelázase nunha complexa coreografía con cantos, bailes, saltos e gritos, que durante unha hora fan que prestemos atención a cada un dos seus movementos, até rematar exhaustas mentres miran para nós cun sorriso de satisfacción e complicidade ao final da actuación.

Foi sendo directora artística do Centro Universitario das Artes e Teatro da Universidade Nacional de Ruanda en Huye, tralo seu exilio no Congo, cando Odile Gakire Katese, actriz, directora de teatro, cineasta e poeta se propón crear un espazo inclusivo, un lugar onde poder proporcionar ás mulleres ferramentas para o seu propio desenvolvemento e un escenario onde todas, as de ambos lados do conflito sufrido en Ruanda entre abril e xullo de 1994, poidan compartir; un conflito que foi un intento de exterminar a poboación Tutsi, masacrando entre 800.000 e un millón de persoas en apenas 100 días, cuxos cadáveres, a día de hoxe, seguen a aparecer en fosas ocultas, deixando no país profundas feridas abertas, e onde as mulleres pasaron a formar o 70% da poboación. Nese contexto é cando a polifacética artista funda en 2004 Ingoma Nshya, o primeiro grupo de percusión de mulleres de Ruanda.

Nun principio, Odile empezou traballando principalmente con estudantes, explorando un campo artístico que era exclusivo dos homes pero, chegado o momento de profesionalizarse, as estudantes non contaban con suficiente tempo para dedicarlle á percusión, así que recorreu a mulleres doutros ámbitos, principalmente amas de casa que logo de terminar os labores do fogar tiñan ganas de saír de casa a explorar outros espazos.

Aínda que os primeiros anos foron duros, porque o proxecto era inviable economicamente debido ao gran número de participantes e aos receos dos homes fundamentalmente, en 2008 a situación cambiou de maneira radical ao reducir o grupo a 20 mulleres e contratar profesorado doutros países, o que converteu Ingoma Nshya en todo un referente; un proxecto que vai máis aló do artístico, un exemplo de que en Ruanda as mulleres poden traballar unidas, facendo cousas que antes eran impensables para elas.

 

Fotografía: Oscar Espinosa
Fotografía: Oscar Espinosa

«Vin un anuncio na universidade onde buscaban mulleres para tocar o tambor e enseguida me interesou e apunteime», explica Agnès Mukakarisa, de 48 anos, ao terminar o ensaio. Ela veu desde Nyaruguru logo de perder o seu marido e os seus fillos no xenocidio, e leva no grupo desde os seus inicios en 2004. «Estaba moi soa logo de perder a miña familia, e entrar no grupo tróuxome de novo a felicidade. Ata puiden saír de Huye e coñecer outras cidades de Ruanda e viaxar a Senegal por primeira vez», comenta cun sorriso nos beizos. A Fundación Fair Saturday, que distingue a aquelas persoas e iniciativas que aplican a cultura con fins de superación social, outorgou o pasado mes de xuño o Premio Fair Saturday a Odile como colofón a quince anos de percorrido do grupo xerando cambios sociais a través da cultura. «O grupo é un exemplo para o resto de mulleres, xa que antes críase que os tambores era cousa de homes», di Marie Louise Ingabire. Ten 31 anos, é de Huye e leva no grupo desde que as viu ensaiar por primeira vez a todas xuntas hai xa máis de once anos. «Os tambores son moi pesados. Antes do xenocidio non había mulleres que fixesen as tarefas máis pesadas, elas estaban na casa coidando os fillos e facendo as tarefas do fogar, pero despois do xenocidio, moitos homes morreron e as mulleres tivemos que reconstruír o país, facendo os traballos máis pesados. Por iso, Ingoma Nshya é un exemplo para as mulleres do país e o resto do mundo, porque te capacita para o teu propio desenvolvemento a través da música –insiste, orgullosa do conseguido ata agora–. Somos o primeiro grupo de mulleres percusionistas de Ruanda». Marie Louise puido pagar os estudos universitarios grazas ao soldo que recibe por tocar con Ingoma Nshya. «O grupo axudoume moito, non só economicamente, tamén vencín a miña timidez. Elas fixéronme cambiar, agora podo tocar diante de moitísima xente sen medo nin vergoña. Ata viaxei a Holanda para tocar nun festival en Amsterdam».

Desde antigo, en Ruanda unha muller non podía nin achegarse a un tambor. Tiñan prohibido tocalo, era algo exclusivo de homes. Na Ruanda precolonial, os percusionistas eran unha categoría de Abiru, gardiáns da historia e a tradición oral, que se encargaban de aprender de memoria os diferentes rituais que rodeaban o rei, así como a historia dos reis anteriores. E, aínda que os tambores perderon o seu código sagrado e a súa práctica sexa hoxe máis popular, as mulleres seguían sen poder tocalos. Moita xente pensaba que non eran o suficientemente fortes para levar un tambor. Mesmo algúns argumentan que tocar o tambor ten unha connotación sexual na cultura do país, onde homes e mulleres teñen roles específicos que non poden intercambiarse: o home toca o tambor mentres a muller baila.

Fotografía: Oscar Espinosa
Fotografía: Oscar Espinosa

Rose Ingabire, ten 28 anos, é de Huye e leva dez anos co grupo. «Antes era bailarina de danza tradicional e cando regresaba dun ensaio pasei por diante do sitio onde ensaiaba Ingoma Nshya e quedei atrapada. Xusto estaban buscando mulleres para unirse ao grupo e apunteime decontado. Comparándoo coa danza, os tambores son moito mellor, teñen moita máis forza e enerxía –comenta, mentres recolle o seu tambor-. Decidín quedar co grupo e non regresar á danza. Agora tamén bailo aquí, xa que combinamos a percusión co baile». Rose recoñece que Ingoma Nshya cambioulle a vida, nunca imaxinou que viaxaría e que coñecería outros lugares como Suecia, Sudáfrica, Etiopía, Inglaterra ou Nova York. Quere seguir no grupo durante o resto da súa vida e poder ensinar a máis mulleres a tocar o tambor. «Estando aquí non te fas maior –asegura mentres solta unha gargallada–. Ademais, estamos ensinando a unha trintena de nenas de entre 6 e 16 anos a tocar os tambores tamén».

Este grupo de vinte mulleres, logo de anos de duro traballo, conseguiu traspasaras fronteiras de Ruanda. Olive Ngorore, ten 43 anos e é de Nyaruguru. Leva doce anos en Ingoma Nshya e recoñece que é moi difícil tocar o tambor, porque son moi pesados e hai que levar o control de moitas cousas. «Eu tardei algo máis de tres anos en aprender un espectáculo –confesa Olive–. Cando coñecín o grupo e vin que só eran mulleres quedei moi sorprendida e inmediatamente lles pedín se me podían ensinar a tocar os tambores». E aínda que actuaron en diferentes países veciños, e ata en Europa e nos Estados Unidos e actualmente están preparando unha xira por Alemaña para o próximo ano, Ingoma Nshya é moito máis que un grupo artístico, é unha comunidade de mulleres que atopou o seu propio modo de xestión do territorio. «Ao principio non tiñamos beneficios económicos, pero seguimos aí porque nos encanta tocar. Despois converteuse nunha profesión, á parte de felicidade e alegría deunos un traballo co que poder axudar as nosas familias –explica orgullosa Olive–. Cando teño problemas e non estou contenta, ou cando teño mil cousas na cabeza, póñome a tocar os tambores e todo desaparece, só toco e gozo».

Son conscientes de que o momento é histórico e revolucionario. Ademais de conseguir eliminar o rancor posterior ao xenocidio, deron forma ao empoderamento da muller en Ruanda. Reclamando a través do tambor a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, desterrando os clixés machistas tradicionais e esixindo o dereito da muller á liberdade de expresión, así como a súa participación na cultura.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail