Entre disfraces e troula, orellas e filloas, non podo evitar pensar que hai unha teima innecesaria nos premios do cine en contraprogramar (ou copiar, directamente) a época da matanza. Non é isto un símil mal tirado do caso Karla Sofía Gascón (escribiría sobre ela, pero queda algo que dicir?), senón que o avituallamento para poder desfrutar do cocido típico desta época comezou aló por novembro-decembro (Premios do Cine Europeo, Forqué), pasando por xaneiro (Globos de Ouro, Feroz, Critics’ Choice) e rematando en febreiro-marzo (César, Bafta, Goya, Oscar, Mestre Mateo). É certo que a maioría de casas, coa xente emigrada da aldea, axéitase aos festivos nacionais para honrar o santo patrón do porco, porque as prioridades son as prioridades e non somos nós os primeiros en facer da Constitución papel mollado, pero hai lugares onde esta tradición se leva a cabo en diferentes datas entre novembro e febreiro. A única condición: que sexa sempre antes do Entroido.
Cando falamos de premios do audiovisual adoitamos irnos a eventos magnificentes, pero igual que o cocido hai que planificalo polo miúdo con antelación, son as pequenas cousas as que manteñen vivo o cine, que non é o mesmo que o espectáculo do cine. Do porco todo se aproveita, e as miudanzas quizais non locen tanto coma o solombo ou a zorza, pero sen corazón, fígado ou pulmóns, o resto non existiría.
Este xoves 6 de marzo preséntase a programación ao completo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que terá lugar entre o 12 e o 16 deste mes en Santiago de Compostela, co Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX como sedes da programación. A MICE cumpre 20 anos de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, sendo un festival único no seu xénero en toda Galicia e un dos poucos a nivel estatal. E, a pesar diso, ten que facerse espazo a cotobeladas co resto de eventos cinematográficos da época.
Este ano poñerá o foco nun dos filmes fundacionais do cinema galego, O carro e o home, un documental de escasos 11 minutos que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da propia MICE. A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román e en 1980 fíxose unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada en colaboración co cineasta Eloy Lozano, con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión protagonizará a sesión inaugural do 12 de marzo no Teatro Principal, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de colaborar co patrimonio cultural do país, que contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices.
Entre a programación da MICE tamén cómpre salientar a sección paralela Lindes, que se estreará o 13 de marzo coa proxección de SALVAXE, SALVAXE, gañador da Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27a edición do Festival de Málaga, e cun coloquio posterior co seu director o sábado 15; a sección Impropias, un espazo específico para o cinema realizado ou producido por mulleres que este ano contará coa guionista e directora de cinema letoa Laila Pakalnina (Liepaja, 1962), creadora dun cine afastado da solemnidade que repasa o absurdo de certas situacións con humor, e que presentará seis das súas pezas e conversará coas persoas asistentes ás proxeccións; ou o ciclo MICE Petís, a sección didáctica para centros escolares con proxeccións presenciais e/ou virtuais, onde haberá contidos para o alumnado desde infantil ata bacharelato.
As entradas serán gratuítas e estarán dispoñibles a partir do 6 de marzo, e todas as sesións contarán con subtitulado en galego.
Porque nesta época de Entroido, tan nosa, cómpre lembrar cales son as grandes miudanzas que nos alimentan.