De parte do común

A finais de 1847, de cheo na grande vaga revolucionaria que percorre Europa, dous filósofos alemáns escriben un manifesto visionario. A súa mirada sitúase máis aló da revolución que axita os ánimos da burguesía triunfante. Pero o seu obxectivo non é limitarse a comprender os acontecementos en curso. Aspiran a xerar un movemento real na sociedade que supere o estado das cousas.

O opúsculo en cuestión é o Manifest der Kommunistischen Partei e o seu título adoita ser traducido de dous xeitos: un máis literal Manifesto do Partido Comunista e outro máis abreviado Manifesto Comunista. Ningunha destas traducións escapa á súa particular historicidade, polo que paga a pena reflexionar que supoñen hoxe para unha política democrática e se pode haber algunha lectura alternativa.

No momento en que foi escrito, os autores non eran membros de ningún «partido», senón dunha «liga» (Bund) dos comunistas. O proletariado ao que invocaban estaba por se organizar na «Asociación Internacional de Traballadores» (1864). Dúas xeracións despois, a idea dun «Partido Comunista» aínda non era a que pensamos. Lenin, por exemplo, militara no Partido Socialdemócrata Ruso e Rosa Luxemburgo no Partido Socialdemócrata de Alemaña, do que marcharía para fundar a Liga Espartaco (Spartakusbund).

Que tipo de axencia política poderían ter entón Marx e Engels en mente? Tiremos do fío da tradución. O título da obra tamén é susceptíbel de ser traducido a prol dunha axencia máis democrática da que institúen os partidos actuais. Estamos a pensar, mais no concreto, en Manifesto da Parte Comunista ou, mellor aínda, Manifesto de Parte do Común.

A clave deste xiro teórico radicaríase na polisemia do significante alemán Partei, que en galego tanto podería valer para «partido» como para «parte litigante» ou «parte en conflito». Non é un xiro menor. Falar «da parte comunista» ou «da parte do común» recupera o carácter plural do antagonismo democrático suprimido na deriva do Partido único stalinista. Ao cabo, Stalin foi quen instituíu en 1925 o «Partido Comunista de toda a Unión (bolxevique)» para renomealo despois como «Partido Comunista da Unión Soviética» en 1952.

Partir desta tradución opcional non só pode desactivar o oxímoro co que foron instauradas as ditaduras stalinistas: o «Partido únic. Ao estar «de parte do común», o partido, en tanto que parte en conflito, tamén podería ser de utilidade na democracia liberal. Neste tipo de réxime podería diluír as barreiras formais á participación democrática no modelo constitucional vixente: o Estado de partidos ou Parteienstaat.

Mesmo se hoxe semella que os partidos levan aí toda a vida, o certo é que a súa entrada nas constitucións é recente. Polo xeral aconteceu logo da Segunda Guerra Mundial, cando foi precisa unha segunda vaga de democratizacións (Italia, Alemaña occidental, Xapón…) para restaurar o liberalismo. Fronte á fraxilidade dos partidos nos réximes democráticos previos, a súa incorporación a un Estado de partidos foi un paso decisivo na consolidación da democracia liberal.

O éxito do Estado de partidos, porén, foi tan pouco cuestionábel como breve. Nos anos sesenta o partido viu aparecer un duro competidor: o movemento social. Moito máis áxil que as grandes burocracias partidistas, os movementos interferían con éxito na elaboración das políticas públicas tomando «parte» a prol dos oprimidos. Nos oitenta, os partidos que dicían defender eses intereses comezaron a perder apoio.

No Reino de España, o Estado de partidos foi instituído co réxime do 78 a fin de limitar o éxito dos movementos antifranquistas. Logo da Transición, tres vagas de mobilizacións recuperaron un pulo movementista cada vez maior. A primeira arrancou mediados os oitenta (reconversión industrial, OTAN, movemento estudantil, 14D…), a segunda a finais dos noventa (altermundialismo, LOU, Prestige…) e a terceira, que identificamos co 15M, aínda chega agora á súa fin.

A fase de declive actual déixanos, con todo, unha lección: ser «parte» antes que «partido». Só de asumirmos que a política de partido debe ser subsumida na de movemento como «política de parte» será posíbel reactivar unha democratización que afronte as involucións autoritarias das que son indicadores os partidos ultras e os contramovementos reaccionarios nos que se sustentan.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail