Todos os nomes do presidente

O núcleo de colaboradores que acompaña desde hai anos ao xefe do Executivo galego, na súa maioría homes avogados ou xornalistas, converteron a súa figura no referente da dereita española

A Coruña.- A política española ten a súa sede en Madrid, pero Alberto Núñez Feijóo conseguiu posicionarse como o referente da dereita patria a seiscentos quilómetros de alí grazas á súa capacidade para sortear escándalos, ao seu sentido da oportunidade e a unha personalidade atrapavotos que namora o ecosistema mediático nas distancias longas. Tamén grazas ao equipo de colaboradores que o acompañan desde hai anos e que o axudaron a moldear eses valores ata convertelo no produto político máis sólido co que conta hoxe o PP.

A ese grupo tamén hai que atribuírlle conxuntar partido e Goberno autonómico, transformados durante os mandatos de Feijóo nunha única e poderosísima maquinaria electoral imbricada ata o último floco do tecido socioeconómico e cultural do país. Eles lograron que o PP se confunda coa Xunta, a Xunta con Galicia e Galicia con Feijóo.

Ese reducido núcleo está formado abrumadoramente por homes, na súa maioría xornalistas ou avogados e case todos máis novos que o presidente. Algúns acompáñano desde hai máis de tres lustros e é probable que moitos o sigan agora ata Madrid. Este artigo glósaos por unha orde que non identifica o seu grao de influencia e poder.

Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 1968)

Alfonso Rueda

Máis que o seu amigo persoal, o seguro herdeiro de Feijóo é o seu home de confianza e a persoa á que encomendou no 2006 reorganizar o PPdeG e modernizar as súas estruturas tras a caída de Manuel Fraga. Licenciado en Dereito, ex secretario municipal de varios pequenos concellos e funcionario da Administración local, Alfonso Rueda fixo un traballo exquisito como secretario xeral e en poucos anos conseguiu poñer ao servizo de Feijóo todas as faccións do partido, evitando que a sucesión de Fraga derivase nunha crise similar á que atenaza hoxe a formación a nivel estatal. Aos tres anos da súa chegada á secretaría xeral o PP recuperou a Xunta e Rueda foi nomeado número dous, posto que segue ocupando trece anos despois e, desde o 2012, como vicepresidente primeiro. Probablemente Feijóo desexaría telo nun despacho contiguo en Génova, pero iso suporía deixar orfo o partido na sucesión en Galicia.

Francisco Conde López (Monforte de Lemos, 1968)

Francisco Conde

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, antes da súa entrada na política estivo ligado á xestión universitaria. Foi o asesor económico de Feijóo durante a súa primeira lexislatura á fronte da Xunta e actualmente é conselleiro de Economía, Empresa e Innovación. Mantén unha íntima relación de amizade co presidente e é o seu nexo co poder económico e empresarial de Galicia, unha posición desde a que foi gañando fronte a Rueda a condición de sucesor. Feijóo animou a súa candidatura hai dous anos, ascendéndoo a vicepresidente segundo, pero a abrupta crise do PP deixouno sen tempo para consolidarse. Iso abre a posibilidade de que poida acompañalo en Madrid.

Mar Sánchez Sierra (A Coruña, 1969)

Mar Sánchez Sierra e Alberto Núñez Feijóo

Xornalista, coñeceu a Feijóo a principios dos anos noventa na Consellería de Sanidade que dirixía José Manuel Romay Beccaría, e é en boa medida a artífice da construción da imaxe pública do presidente. Desenvolveu case toda a súa carreira xunto a el como a súa inseparable xefa de prensa: marchou a Madrid con Romay cando Aznar o nomeou ministro de Sanidade, dirixiu o departamento de Comunicación de Correos cando Feijóo presidía a empresa e regresou a Galicia cando o dedo de Fraga o designou como o seu delfín. Á fronte da Dirección Xeral de Medios desde a vitoria do 2009 e da Secretaría Xeral de Medios desde o 2012, goza de máis poder que a maioría de conselleiros da Xunta –o xornalista Anxo Lugilde, un dos maiores coñecedores das tripas do PPdeG, cualifícaa como «a vicepresidenta na sombra»–. A estratexia de Sánchez Sierra de asegurarse con axudas millonarias o favor dos medios de comunicación privados e de controlar persoalmente os públicos –segundo varios xornalistas da Televisión de Galicia, supervisa diariamente as escaletas dos seus informativos de maior audiencia–, conseguiu que os escándalos nunca salpiquen a Feijóo nin a súa contorna, e que a resposta social ás súas políticas apenas atope eco no debate público en Galicia. Resulta difícil imaxinar que poida ser outra a persoa encargada de xestionar a estratexia de comunicación en Génova cando Feijóo se faga coa presidencia do PP.

Álvaro Pérez López (A Coruña, 1973)

Álvaro Pérez López, na súa toma de posesión como secretario xeral da Presidencia da Xunta

Avogado coruñés especializado en medio ambiente, formou parte do círculo íntimo de Feijóo desde que levara a coordinación do grupo parlamentario do PP na oposición entre o 2005 e o 2009. É un dos seus principais asesores e dirixiu o gabinete do presidente desde a súa chegada á Xunta no 2009 ata o ano pasado, cando foi ascendido a secretario xeral da Presidencia. Paradoxalmente, o seu irmán Xoán Antón Pérez-Lema foi director do gabinete do vicepresidente Anxo Quintana, do BNG, durante parte do goberno de coalición presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño. Pérez López é outro dos membros do núcleo de confianza de Feijóo con posibilidades de acompañalo á fronte do partido en Madrid, onde tamén se lle supoñen boas relacións coa estrutura da organización.

Miguel Tellado Filgueira (Ferrol, 1974)

Miguel Tellado

Xornalista licenciado en Ciencias Políticas, na súa época de estudante coqueteou co nacionalismo. Desde hai seis anos ocupa a secretaría xeral do PPdeG e desde 2017 forma parte do comité executivo do PP a nivel nacional. É un fontaneiro político de libro, responsable de vertixinosas manobras como as que permiten a Manuel Baltar manterse á fronte da Deputación Provincial de Ourense a cambio de soster na alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome, imputado por corrupción, sen que iso lle provoque a Tellado rubor ningún. O seu punto débil é o escaso poder urbano do partido, que non ten logrado o mando en ningunha das grandes cidades de Galicia. En calquera caso, se Feijóo decidise levalo a Madrid, ao PPdeG resultaralle difícil atopar un cadro político da súa eficacia á hora de dar estabilidade e orde á organización.

Pedro Puy Fraga (Granada, 1962)

Pedro Puy Fraga

Doutor en Dereito e profesor titular na USC, sobriño de Manuel Fraga, é o portavoz do PP no Parlamento de Galicia. Ocupou cargos de responsabilidade baixo os gobernos do seu tío e formou parte do equipo inicial que apostou por Feijóo como o seu sucesor. Na campaña de 2009, a da primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo, Pedro Puy compuña, con Rueda o núcleo duro da candidatura. Foi o responsable do programa electoral, e sempre desmentiu que fose un dos ideólogos da campaña de descrédito contra Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana desatada pola prensa autonómica e estatal conservadora. Encarna a facción máis liberal e dialogante do partido.

Diego Calvo Pouso (San Sadurniño, A Coruña, 1975)

Diego Calvo Pouso

Ex concelleiro en Ferrol, deputado no Parlamento de Galicia e ex presidente da Deputación da Coruña. Durante os primeiros días da guerra entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso o seu nome circulou polo partido como a proposta persoal de Feijóo para resolver a crise e substituír a Teodoro García Egea na secretaría xeral do partido. Aínda que goza de toda a súa confianza, non parece que a súa candidatura manteña agora demasiadas posibilidades despois da entrada en escena de Esteban González Pons. Pero non sería descartable que Feijóo contase con el para armar a súa estrutura de mando en Génova.

Luis de la Matta Cantó

Luis de la Matta

Xornalista, ex redactor de ABC e de El Mundo, é o director de Comunicación do Partido Popular en Galicia e ideólogo do argumentario do partido. Tamén é o responsable de esconder as súas siglas nas campañas autonómicas para reforzar a transversalidade electoral de Feijóo, e de facelas reaparecer agora que está obrigado a converterse na súa principal referencia. É o representante dos populares no consello de administración da Corporación Radio e Televisión de Galicia.

Lucas Martiñón Torres (Ourense, 1980)

Lucas Martiñón Torres, con Feijóo e Mar Sánchez Sierra

Xornalista, foi director de comunicación da Presidencia da Xunta desde o 2009 ata o 2020 e a persoa que redactaba os discursos de Feijóo durante tres lexislaturas. Está casado con Fabiola García, a quen Feijóo nomeou conselleira de Política Social no 2018. Aínda que Martiñón deixou a Xunta para montar a súa propia empresa de comunicación hai apenas dous anos, segue mantendo unha estreita relación co presidente e quen o coñecen cren que non dubidaría en seguilo a Madrid se el llo pedise.

Marcos Gómez Román (Vilalba, 1981)

Marcos Gómez Román

Xornalista, formou parte do equipo fundador do diario Xornal. Foi o xefe de prensa de Alfonso Rueda desde o 2009 ata que hai dous anos Feijóo o designou director xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta. A súa posición actual e a súa proximidade con Rueda fan pensar que será o sucesor de Mar Sánchez Sierra á fronte da poderosa Secretaría Xeral de Medios cando o vicepresidente primeiro se converta en presidente de Galicia.

Celso Delgado (Ourense, 1958)

Celso Delgado

Avogado e deputado no Congreso, é considerado o home de Feijóo en Madrid e a súa ligazón coa política estatal. Foi o encargado de desenvolver na capital do Estado a campaña de limpeza que emprendeu o círculo íntimo do presidente cando se desvelou a relación que mantivo durante anos co narcotraficante Marcial Dorado e se publicaron as fotos a bordo do seu iate e compartindo vacacións familiares. A proximidade que mantivo coa dirección de Pablo Casado o seu compañeiro de grupo Jaime de Olano, deputado por Lugo e defensor de Teodoro García Egea ata que este caeu en desgraza, sumaron puntos para Delgado, o único membro do círculo íntimo de Feijóo que o supera en idade.

Marta Varela Pazos (Santiso, A Coruña, 1983)

Marta Varela, xurando o seu cargo

Xornalista, exredactora de Cope e Europa Press, Marta Varela foi asesora na Xunta desde o primeiro Goberno de Feijóo e xefa de Comunicación da Presidencia desde o 2013 ata o 2020. É unha das persoas máis próximas ao presidente, quen en xaneiro do 2020 a nomeou xefa do Gabinete da Presidencia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail