O luns non haberá entrega das Medallas Pardo Bazán no Pazo de Meirás. Quen contaba! Cousas que pasan. O novo e lexítimo propietario, o Goberno, di que non está en condicións, que xusto isto os pilla con obras de acondicionamento, tanto no interior como nos xardíns, e que está todo feito un cristo. Vaia por Deus. Quero supoñer que o custo desas obras descontarase da indemnización que –se os recursos xudiciais non o impiden– habería que pagarlles aos Franco… que calquera caseiro queda con parte da fianza se ten que repintar unha parede ou cambiarlle un tirador a unha porta, e nós non imos ser menos. Así que, ata abril, como mínimo, nada.
Esta oportunísima reforma vén de impedir que a Xunta poida levar a cabo un 2×1 das súas especialidades: o «quen pega primeiro, pega dúas veces» combinado coa apropiación dos símbolos. Dende a sentenza sobre o Pazo quedou claro que ao Goberno galego lle molestaba lembrar o pasado franquista do recinto –como lle molesta o do seu fundador– e por iso tentou consagralo a unha figura hoxe xa nada incómoda como é a de dona Emilia. A esa estratexia viríalle que nin pintado que o primeiro acto dende a recuperación das Torres estivese directamente relacionado coa condesa; enchouparse no seu legado daríalles unha pátina de feminismo tan crible coma o do galeguismo que amosan cando invocan a Castelao, outro coñecido medallista.
A capacidade do capitalismo de absorber a disidencia, limarlle as súas arestas e cuspila en forma de bens de consumo (as camisolas de Inditex co logo anarquista serían un bo exemplo desta práctica) palidece ante o talento de asimilación do PP galego, ao que practicamente xa só lle faltan Foucellas e Moncho Reboiras para acabar de facer propio todo o santoral laico dese espectro ideolóxico que se desactiva coa palabra «galeguismo».
Os populares son kriptonita para calquera reivindicación. Bromuro. Non hai máis que escoitar as interpretacións do himno nos actos oficiais. Nin Paco Rodríguez se atrevería a erguer o puño con esas versións edulcoradas. Por non lembrar o que fixo Rafael Louzán –ao que xa non hai que chamar presunto– coa selección galega de fútbol, tan lonxe do que significou como símbolo en tempos do puto bipartito. Hoxe, volvemos aos coros e danzas do folklorismo franquista; a Blanco Campaña –ao que hai moito tempo que ninguén lle chama presunto– falando no Luar de que a liberdade que había nos anos 60 foi a que permitiu representar na Quintana Os vellos non deben de namorarse. «Cautivo y desarmado el ejército rojo», agora imos polo violeta.
Imaxinades os promotores da reforma laboral facendo bandeira do salario xusto «todos os días, non só o 1 de maio»? Por aí van os tiros
Hai uns días, o Bloque ironizaba en Twitter co que Feijóo aprendeu en dous anos: se en 2019 evitaba declararse feminista por descoñecer «o alcance do concepto» (canto dano fixeches, Manquiña), esta semana usaba á Pardo Bazán para «reivindicar ese feminismo democrático de todos os días, non só do 8 de marzo». Imaxinades os promotores da reforma laboral facendo bandeira do salario xusto «todos os días, non só o 1 de maio»? Pois por aí van os tiros.
É certo que o feminismo (burgués, clasista e profundamente antigalego) de doña Emilia podía soar revolucionario nos salóns do seu tempo, pero resulta que a condesa morreu hai xusto un século e, dende entón, as cousas cambiaron moito. Hoxe, o seu elitismo emparentaría directamente co de Margaret Thatcher, á que a dereita ofrece sempre como prototipo de rachadora de teitos de cristal. Porén, ela nunca agochou as súas ideas sobre a liberación da muller. «Odio o feminismo. É un veleno».
Unha e outra coinciden no seu ideal: mulleres de clase alta empoderadas para tomar decisións transcendentais por si mesmas sen dependeren dun home: «Ofrecéusenos e accedemos». Elena e Cristina aínda van merecer cadansúa Medalla Pardo Bazán. Ou esa, ou a dos Amigos da III República.
«The witch is dead», escribiron trala morte de Thatcher. Xa se sabe que as bruxas, Habelas Hainas.