Os bicos e a epidemia

Ademais das mortes, o máis triste que deixa o coronavirus é a frase do subsecretario de Prevención e Promoción de Saúde de México: «Eviten los besos y los abrazos». Sabiamos o do metro de distancia, o de lavar as mans con xabón, os dos calafríos e a dispnea, pero o de deixar de tocarnos por algo que non chega ao nivel dunha gripe é moi decepcionante.

Pasa o mesmo na miña casa coa miña filla Xulia. A súa cardiopatía conxénita –Xulia é cardiópata con bambán no xardín– veu de serie cunha insuficiencia pulmonar que non lle impide facer unha vida completamente normal (esa vida de saltar, correr, suar e ir a zumba) pero un mal catarro podería ser, por puro control, un ingreso hospitalario dun par de días. Por iso, cando alguén da familia nota algo de moco, deixamos de bicar a Xulia. Ese metro de distancia que mantemos con ela mentres o Stop Cold non fai efecto é tamén un acto de amor. Logo volvemos a Xulia con morreos de cine, como a ela lle gustan. Previdos, acción e morreo!

Non usamos máscaras nin xel desinfectante. Gardamos distancias sen alarmismos, sen adoptar por casa posturas de Ferreras, non temos ningunha intención de ser clickbait de nada. Mais é certo que, como defensores templarios da sanidade pública, si nos preocupou todo este disparate; o morbo de contar en alto o número de infectados, de que Italia nos gañe pero non pasa nada porque nós xa lle gañamos na final da Eurocopa en 2012, de quen será o «paciente 0» patrio –vén de aparecer–, das máscaras esgotadas nas farmacias. A irresponsabilidade das máscaras. Selfies con máscaras. Máscaras para ir ao pan. A máscara con esta blusa.

Nun país no que ninguén deixará de bicar os pés inmaculados da Virxe aínda que o prohiban as autoridades sanitarias, recoñezamos que o único que nos salva é a confianza na sanidade pública. O único bonito que o coronavirus foi quen de sacarlle á sociedade é unha cumbia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail