A Coruña.- A empresa á que se asociou a papeleira portuguesa Altri para construír unha macrofábrica de celulosa en Palas de Rei (Lugo) é unha multinacional enerxética vinculada a excargos do Partido Popular e do sector financeiro de Galicia, que acelerou o seu crecemento durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.
No consello de administración de Greenalia, propiedade do empresario coruñés Manuel García Pardo, sentan, entre outras persoas, Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente de Feijóo e actual responsable de seguridade e desenvolvemento corporativo da firma; e Antonio Couceiro, exconselleiro de Industria cos executivos populares da era de Manuel Fraga e expresidente do Deportivo, cuxo accionista maioritario é Abanca, a entidade xurdida á súa vez da errada fusión das caixas galegas impulsada por Feijóo e hoxe en mans do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet.
García Pardo, un discreto, novo –47 anos– e adiñeirado empresario que xestiona hoxe os seus activos a través da sociedade patrimonial Smarttia e que nunca se pronunciou en público sobre a celulosa de Altri, iniciou a súa actividade con 18 anos cunha pequena sociedade familiar de servizos agrarios e forestais, que empezou a desenvolver actividades relacionadas coa valorización enerxética da biomasa e saltou á produción de electricidade a través de fontes renovables, especialmente a eólica. A súa empresa administra hoxe parques eólicos in e outshore, ademais de instalacións solares e plantas de biomasa e hidróxeno en España e Estados Unidos. O ano pasado tivo beneficios de máis de 37 millóns de euros.
A finais de 2020, Greenalia fichou a Beatriz Mato, enxeñeira industrial e conselleira dos gobernos de Feijóo desde que o hoxe líder do PP accedera á presidencia da Xunta en 2009. Mato foi primeiro responsable de Traballo e Benestar e desde 2015, conselleira de Medio Ambiente. En 2018 cesou do seu posto para preparar e encabezar a candidatura do PP nas eleccións municipais na Coruña, e aínda que gañou os comicios de 2019 por 400 votos sobre o PSOE, non puido facerse coa alcaldía e anunciou a súa retirada da política.
Porta xiratoria
A súa contratación por Greenalia pouco despois levantou unha soada polémica porque apenas tres anos antes a Consellería de Medio Ambiente que dirixía asinara a autorización ambiental integrada e o informe de impacto da planta de biomasa da compañía en Curtis (A Coruña). Tanto ela como Feijóo negaron entón que se tratase dunha «porta xiratoria» ilegal contraria ás incompatibilidades normativas ás que están suxeitos os altos cargos da Xunta.
Greenalia defínese en maiúsculas na súa web como «The Green Company» –«A Empresa Verde»–, condición á que apela mesmo na caracterización do seu equipo de conselleiros e xestores, ao que define como «The Green Team». Ese «green» co que o que colorea de verde as súas actividades aparece nos nomes de case todas as súas filiais: Greenalia Forest, Greenalia Logistics, Greenalia Biomass Power, Greenalia Solar Power… Luzes-Público tentou contactar con portavoces da empresa para contar coa súa opinión na elaboración deste artigo, pero á hora na que se terminou de redactar a peza non obtivera resposta.

A principios de 2022, Altri aterrou en Galicia usando técnicas de greenwashing –simular prácticas sostibles e ecolóxicas para camuflar proxectos lesivos co medio– anunciando que quería instalar en Lugo unha fábrica «verde» de lyocell, un tecido semisintético, a base de fibras téxtiles ecolóxicas. Tivo éxito e mesmo logrou que o BNG e o PSOE votasen no Parlamento de Galicia, por primeira vez en moito tempo, a favor dunha iniciativa do PP, neste caso destinada a aplaudir o proxecto. Ninguén sabía entón que se trataba en realidade dunha fábrica de celulosa.
Pouco menos dun ano despois, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil da Coruña recolleu o cambio de nome dunha filial de Greenalia, Greenalia Solar Power El Patio, para rebautizarla como Greenfiber Development e dar entrada no seu capital a Altri, e no seu consello de administración, a José Soares da Pina, Carlos Alberto Sousa Van Zeller e Victor Miguel Martíns Jorge da Silva, CEO, director de operacións e director financeiro, respectivamente, da compañia portuguesa. Os estatutos da filial de Greenalia modificáronse entón para que o seu obxecto social, ata entón a promoción e futura explotación dun parque de muíños, incluíse «a produción e comercialización de fibras celulósicas» e o «desenvolvemento de plans para a xestión de bosques co obxectivo de producir fibras sostibles».
Moitos meses antes, en setembro de 2021 segundo denunciou este martes no Parlamento de Galicia Luis Bará, viceportavoz do BNG, Altri e a Xunta de Feijóo xa subscribiran un acordo garantindo a autorización da fábrica de celulosa a través da Sociedade Impulsa, unha empresa público-privada que promove grandes proxectos tractores industriais na comunidade susceptibles de ser financiados con diñeiro da UE. A Administración autonómica ten un 40% do capital da sociedade, e Abanca, outro 38%. Tres dos conselleiros de Impulsa son conselleiros de Alfonso Rueda, e outros catro, directivos da entidade financeira que preside Escotet.
Precisamente, o presidente non executivo de Greenalia é José María Castellano, o ejcutivo que liderou a errada entidade xurdida da fusión das caixas galegas –Caixa Galicia, con sede na Coruña, e Caixanova, en Vigo–, impulsada por Feijóo e que Escotet converteu en Abanca tras comprala ao Estado despois de que fose rescatada con máis de 9.000 millóns de euros entre inxeccións de capital e avais públicos. Castellano, que posúe un 6% do accionariado de Greenalia e cuxo fillo Pablo tamén senta no consello de administración da empresa de García Pardo, foi vicepresidente de Inditex e máis tarde do grupo editor de La Voz de Galicia.

La Voz foi o diario ao que a Xunta filtrou o pasado venres o informe de avaliación ambiental positivo sobre o proxecto de Altri que a entidade Augas de Galicia debía emitir para valorar a afectación que terá a planta sobre o río Ulla. Extraerá diariamente do seu cauce 46 millóns de litros de auga –o equivalente ao consumo de toda a poboación da provincia de Lugo– para devolver 30 millóns de litros depurados pero aínda contaminados e cuxo destino final será a ría de Arousa.
O informe é un dos máis importantes de entre os 36 que debe aprobar a Xunta para dar o visto e prace á macrofactoría. Segundo puido saber este diario, eses documentos contan co rexeitamento de boa parte do persoal técnico da Administración autonómica que debería subscribilos, pero moitos dos cales se negan a asinalos a pesar de recibir presións nese sentido do Goberno de Rueda, que contratou a persoal temporal e a sociedades externas para estudar e resolver as máis de 23.000 alegacións presentadas ao proxecto.
Presións aos técnicos para que asinen os informes
O BNG denunciou esas presións, que o Executivo do PP nega con rotundidade. O certo é que na Xunta producíronse movementos recentes relevantes en servizos relacionados co proxecto de Altri. Así, a principios do pasado setembro o presidente da Xunta substituíu a Ramón Martínez Boga, director xeral de Medio Ambiente e Sostibilidade –o departamento que debe validar o estudo de impacto ambiental da celulosa–, por María José Echevarría Moreno, esposa de Antonio Casal Lago, director en Galicia de Ence, á súa vez propietaria de planta de celulosa instalada desde o século pasado na capital pontevedresa.
A semana pasada, Altri e Greenalia anunciaron que acordaran a venda á primeira, por un prezo non desvelado, de Greenalia Forest e de Greenalia Logistic, as filiais da división forestal da empresa de Manuel García Prado. Segundo o proxecto que a firma portuguesa ten trasladado á Xunta a través de Greenfiber, a planta de Palas consumirá 1,2 millóns de toneladas anuais de eucalipto, o que a oposición e as asociacións ecoloxistas e veciñais consideran contribuirá a intensificar o proceso invasivo desa especie no monte galego, que xa se atopa poboado de eucaliptales case nun 30%. Quizá sexa casualidade, pero só tres días despois dese anuncio Alfonso Rueda asinou outro cambio relevante na súa Administración autonómica: Alfredo Fernández Ríos substituíu a Jacobo Aboal Viñas á fronte da Axencia Galega da Industria Forestal, que ten por labor a xestión e o impulso da actividade económica asociada á explotación dos montes.

Altri, cuxa planta custará uns 1.000 millóns de euros que espera financiar ao 25% con fondos europeos, achandou a súa aterraxe en Galicia da man do consultora Acento, especializada en lobby internacional ante as administracións española e europea e liderada polo exministro socialista José Blanco, quen durante a súa etapa de eurodeputado dirixiu o grupo do PSOE na Eurocámara; e o exministro do PP Alfonso Alonso. Blanco, natural de Palas de Rei e quen nos últimos meses separou a súa imaxe pública do proxecto e evitou as entrevistas, foi unha das caras máis visibles en defensa do suposto carácter ecolóxico da planta de Altri cando aterrou en Galicia.
Esa campaña de greenwashing segue activa e traslada mensaxes paternalistas e pseudonaturalistas que aseguran que a fábrica estará baseada na economía circular e que será a primeira do mundo que produza fibras téxtiles pechando o ciclo produtivo desde a madeira ata o lyocell, sen citar en ningún momento a palabras «celulosa» ou «pasta de papel». En realidade, e segundo pode lerse no proxecto que a propia empresa presentou á Xunta e que esta sacou a exposición pública hai uns meses, Altri fabricará 60.000 toneladas anuais de lyocell e 250.000 de celulosa convencional, cuxa produción se realiza mediante un dos procesos industriais máis contaminantes. Co tempo, terá capacidade para fabricar 200.000 toneladas dese tecido supostamente ecolóxico por máis de 400.000 toneladas de pasta de celulosa.