A Audiencia Provincial da Coruña avala o proceso penal contra a cúpula da CRTVG

A Coruña.- A Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso do director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, e doutros oito directivos da empresa, contra a prórroga da investigación da causa penal contra eles que se segue no Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago.

A decisión da Audiencia supón un aval para a maxistrada dese xulgado, Ana López Suevos, quen imputou aos nove investigados por un delito de acoso e contra os dereitos dunha traballadora que sufriu unha campaña de mobbing e de descrédito persoal e profesional durante cinco anos que lle causou severos danos piscológicos e emocionais.

No auto da sección sexta da Audiencia, datado o pasado 10 de xaneiro e ao que tivo acceso Luzes-Público, os tres maxistrados validan as razóns que levaron á xuíza para decretar por segunda vez unha prórroga de seis meses na instrución do caso. López Suevos quería tomar testemuño á vítima por segunda vez –farao este xoves pola mañá–, despois de facelo co resto dos acusados, tras detectar contradicións nas súas declaracións.

«É obvia a importancia da nova declaración da querellante pendente de practicar e que do seu resultado e o que poida declarar pode xurdir a necesidade de acordar outras novas dilixencias para o esclarecemento dos feitos» din os tres maxistrados da sala provincial. «O auto ditado é conforme ao que establece o artigo 324 da lei de axuizamento criminal e está xustificada a necesidade da prórroga da instrución neste caso particular, pola natureza esencial da dilixencia pendente cuxa reiteración xorde ademais tras a práctica das declaracións dos investigados no curso dunha investigación complexa», engaden.

Traslado sen aviso previo

Os feitos remóntanse a 2018, cando a traballadora, con máis de 30 anos de antigüidade na CRTVG, foi trasladada, sen aviso previo e sen consultala, desde o departamento comercial, onde levaba varios anos, á redacción de informativos da Radio Galega. Denunciouno nun xulgado ao considerar que era unha decisión discriminatoria e sexista –a dirección alegou que necesitaba «unha voz feminina» para a emisora autonómica–, pero o xuíz fallou na súa contra.

Desde entón, segundo figura na querela que presentou en 2023, sufriu unha campaña sistemática de fustrigación e humillacións profesionais e persoais, que incluíron a súa localización nun posto de traballo situado fronte aos xefes que a acosaban e que mantiñan con ela un actitude pasivo-agresiva de constante desprezo; o ninguneo ao non convocala ás reunións diarias co resto dos seus compañeiros; a denegación das súas solicitudes de libranza e vacacións e o impedimento para conciliar os seus horarios co coidado do seu pai, de 94 anos, ao que trataron de impedir que acompañase cando ingresou nunha residencia negándolle o día de asuntos propios que solicitou.

Entraba a traballar ás 7.30 da mañá sen que se lle encargase tarefa algunha ata cinco ou seis horas despois, e moitas das pezas que se lle encomendaban nin sequera chegaban a emitirse. Ademais, relegárona ás peores quendas, onde non podía obter as remuneracións por traballo en festivos e acumulación de días libres que si gozaba o resto do persoal de redacción. Foi a única convocada a traballar o 1 de xaneiro de 2019; a única muller á que se impediu seguir a folga feminista do 8M dese ano; e a única xornalista da Radio Galega excluída tres meses despois da cobertura das eleccións locais e europeas.

Ese ano recibiu un premio profesional de prestixio que o exercicio anterior recaera noutro compañeiro, que foi entrevistado no informativo de maior audiencia da cadea. No seu caso, a emisora nin sequera se fixo eco de que llo outorgaron a ela.

Ansiedade e depresión

Ese verán, a traballadora sufriu varios episodios de ansiedade e trastornos depresivos que levaron aos seus médicos a decretar a baixa. Ata tres profesionais –un psiquiatra privado, o facultativo do Sergas e a médico da empresa– diagnosticaron que o seu trastorno era compatible co acoso no seu traballo que lles describía. A responsable dos servizos sanitarios da CRTVG incluso recomendou por escrito á dirección que fose trasladada a un posto de traballo menos hostil, sen que o equipo de Sánchez Izquierdo atendese esa demanda.

Durante a baixa, a xornalista decatouse grazas aos seus compañeiros dun novo cambio de horario que a dirección non lle comunicou, e cando se reincorporou pediu a mediación da comisión contra o acoso da empresa, que pechou o caso a pesar de que os dous dos seus catro membros consideraron que padecía unha evidente situación de mobbing. O comité de empresa tamén alertou de que estaba a ser discriminada e acosada e que a dirección estaba a poñer en risco a súa saúde.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, co director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

A xuíza de Instrución de Santiago considera que existen indicios dun delito de acoso moral e contra os dereitos dos traballadores polo que imputa ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, e outras oito persoas, que forman ou formaban parte do seu equipo cando ocorreron os feitos: o director de negocio, Xosé Pereira Fariña; o director de recursos humanos, Víctor Tubío Villar; a súa predecesora, Susana Fernández Veiguela; o subdirector dos servizos informativos, Alejandro López Carballeira; a exxefa de programas, Tania Fernández Lombao; a xefa de persoal, Paula Veloso Pereira; o xefe de seguridade e saúde laboral, Manuel Casás Macía, e a coordinadora de persoal, Vitalina Cuña Palencia.

Todos declararon xa diante da maxistrada, acompañados dos seus respectivos avogados dado que comparecen en calidade de investigados por un tipo penal que se castiga con penas de entre seis meses e dous anos de cárcere. En canto á traballadora, a xuíza ofreceulle o apoio dunha psicóloga da Oficina de Atención á Vítima, e reclamou ao Instituto de Medicina Legal de Galicia que un equipo forense valore se padece danos morais e psicolóxicos derivados dos feitos que denuncia.

Sánchez Izquierdo responsabiliza aos seus subordinados

Na súa declaración no xulgado, que se produciu hai un ano pero que non transcendeu ata o mes pasado, o director xeral negou ter coñecemento dos feitos e derivou toda a responsabilidade cara aos seus subordinados. Durante os seus preto de 16 anos á fronte dos medios públicos de Galicia, a CRTVG recibiu centenares de sentenzas xudiciais en contra por vulneración de dereitos fundamentais e laborais, así como denuncias por sexismo e machismo nos contidos dos seus programas, así como por manipulación a favor do PP e falta de neutralidade e pluralidade nos servizos informativos. Varias desas denuncias foron amparadas por fallos condenatorios das xuntas electorais.

O propio Sánchez Izquierdo confesou á xuíza durante a súa declaración que a empresa mantén abertas na actualidade un centenar de causas por vulneración de dereitos. Nos últimos dous anos e medio, a CRTVG perdeu nos tribunais preto de 40 procedementos xudiciais polos que tivo que pagar, con diñeiro público, preto de 300.000 euros en indemnizacións por despedimentos improcedentes e entre 20.000 e 30.000 polas costas xudiciais derivadas.

A CRTVG perdeu 40 causas por violación de dereitos nos últimos dous anos e medio e mantén abertas outro centenar

Sánchez Izquierdo, que o ano pasado cobrou un salario de máis de 102.000 euros, foi nomeado por Alberto Núñez Feijóo en 2009 e mantense irregularmente no cargo desde 2011, cando se aprobou unha lei que obrigaba a que o seu posto fose cuberto por un candidato apoiado por polo menos os dous terzos das deputadas e deputados do Parlamento de Galicia, unha maioría da que o PP non ten disfutado nunca. O sucesor de Feijóo na presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, ven de poñer en marcha a tramitación dunha nova lei que lle permita nomear ao substituto de Sánchez Izquierdo só cos seus votos.

Luzes-Público tense dirixido en repetidas ocasións á dirección da CRTVG para obter unha valoración sobre as acusacións contra a súa cúpula, pero a empresa declinou ofrecela alegando que, como sociedade mercantil, «non está nin denunciada, nin demandada, nin querellada», e que carece de información sobre o procedemento penal que se segue contra Sánchez Izquierdo e os seus oito subordinados.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail