Coma pezas de dominó, os gobernos europeos van caendo nos últimos anos en mans da extrema dereita, de dereita radical ou de partidos euroescépticos profundamente conservadores. En Italia, en Hungría, na República Checa, en Eslovaquia, de xeito tecnocrático en Países Baixos, como socios parlamentarios en Suecia e, agora, en Bélxica.
O país que acolle as institucións europeas ten unha nova coalición de goberno, a Arizona, polas cores dos seus partidos membros, semellantes aos da bandeira dese Estado norteamericano. O azul dos liberais valóns do Movemento Reformador, vermella polos socialistas flamencos, o laranxa dos cristiáns demócratas e o amarelo que representa os nacionalistas flamencos da N-VA, de ultradereita, líderes dese executivo do novo primeiro ministro, Bart de Wever.
Se unha persoa non se pode estigmatizar pola súa familia, esas raíces tamén explican quen é. De neno, De Wever criouse nunha casa simpatizante da ocupación nazi de Bélxica, período no que o seu avó foi secretario da Liga Nacional Flamenca, único partido recoñecido entón polos invasores. Máis tarde, de mozo, os seus pais eran conserxes do local das xuventudes independentistas flamencas de extrema dereita, movemento do que el mesmo formou parte. Bart de Wever foi o alcalde de Antuerpen que encheu a cidade de cámaras de seguridade para facer dela un pequeno gran irmán na loita contra o tráfico de drogas e a delincuencia. E hai un días, De Wever converteuse no novo xefe do executivo belga.
Os precursores deste asalto ao poder foron os ultracatólicos polacos do PIS (Lei e Xustiza), que perderon recentemente o mando logo dunha década no máis alto. Xunto a eles, o húngaro Viktor Orbán, quen segue no poder. Os dous gobernos representaron durante anos os enfant terrible da UE, sempre contrarios nos Cumios de Bruxelas a máis integración, a ofrecer asilo e repartir refuxiados entre os Estados Membros, ou a impulsar políticas medioambientais. Pero estaban sós. En Francia, os Le Pen non acadaban o poder; o osixenado neerlandés Geert Wilders era unha illa berrando contra a suposta islamización dos Países Baixos; os socios do leste bailaban entre gobernos liberais, democristiáns ou socialdemócratas; e, en Italia, Silvio Berlusconi, coas súas excentricidades machistas, o control mediático e as asociacións coa banca, industria e outros poderes escuros locais, termaba dos postfascistas como socios minoritarios.
Coido que varios fenómenos derrubaron os diques de contención. Primeiro, a crise económica da pasada década levou por diante o bipartidismo hexemónico do continente e á terceira pata representada por liberais. No Premio Pulitzer de Historia do 2010, Liaquat Ahamed explica nunha profunda investigación os graves problemas orixinados coas súas decisións polos presidentes dos bancos centrais do Reino Unido, Alemaña, Francia e os Estados Unidos durante o período de entreguerras. Os señores das finanzas: os catro homes que arruinaron o mundo é o libro contemporáneo no que comprobamos á perfección o contexto económico que sementou o nacemento do fascismo. Agardo que non pasen oitenta anos para que un académico explique polo miúdo cunha prosa tan fina os profundos erros económicos que arruinaron a zona euro do 2008 ao 2015, por ser xenerosos nese intervalo temporal, e que provocaron as bancarrotas de varios países e milleiros de desempregados ao tempo que levaban por diante as esperanzas vitais de varias xeracións de mozas e mozos.
Coas feridas aínda en carne vida, un paro xuvenil moi elevado, coa cultura, o tecido asociativo e as pequenas empresas de barrio recuperando folgos, estoupou a pandemia da Covid que tan ben manipularon negacionistas, antivacinas e demais populistas nas redes sociais e na Internet imperante. E aí, nese ecosistema de mentiras, grazas á quebra partidista consecuencia da economía e diante dunha esquerda derrotada pola troika, renaceron con forza as extremas dereitas en Europa.
Hai en Bruxelas unha sensación de inevitabilidade, de que xa é imposible frear o seu desembarco. Primeiro Salvini e logo Meloni chegaron ao poder en Italia; Wilders acaba de colonizar a coalición tecnocrática nos Países Baixos; Eslovaquia e República Checa hai tempo que están en mans de euroescépticos; e Marine Le Pen ten todas as papeletas para ser a vindeira presidenta de Francia. No Parlamento Europeo, os tres grupos de extrema dereita pídenlle abertamente ao PP europeo que rache con liberais e socialdemócratas e forme unha nova coalición con escanos maioritarios dabondo na cámara. A tentación é moi grande e todo dependerá das eleccións de Alemaña en dúas semanas.
Como no período de entreguerras, nese país mais tamén en todo o continente, os conservadores tradicionais, a administración, hoxe funcionariado, a burguesía de clase media alta e os industriais devotos ollan cara a outro lado mentres votan ou pactan coa extrema dereita, hexemónica no relato e empoleirada entre as clases populares empobrecidas.