A vítima perfecta

Apareceu nas últimas semanas un debate en redes que me leva ao pasado, ao polémico xuízo no caso de Johnny Depp e Amber Heard en 2022. Trátase do caso de Blake Lively e Justin Baldoni. Todo empezou cunha denuncia por parte da actriz, que acusou a Baldoni, director e coprotagonista da película Romper o círculo, de comportamentos inapropiados durante a rodaxe da mesma. Baldoni denunciou o Times, o periódico, por difamación.

Non vou meterme nas particularidades do caso, porque aínda non foi resolto, e non está claro o que ocorreu e o que interpretou cadaquén nin de que maneira. O que si quero comentar son os flashbacks que me causa esta situación en relación ao caso de Depp e Heard.  Para comparar, atopámonos ante unha demanda por difamación presentada por un home contra unha muller que o acusou dalgún tipo de abuso. Ambas mulleres son famosas, ricas e convencionalmente atractivas. En canto ás diferenzas, no caso de Heard, aquela era a segunda demanda presentada por Depp, tras perder un xuízo previo en Londres. Tratábanse, ademais, de acusacións de violencia doméstica dentro dun matrimonio, non coma entre Lively e Baldoni, no cal a relación era, en principio, profesional.

A pesar das diferenzas, e probablemente a causa das similitudes, a resposta nas redes foi moi parecida: en vez de xulgar o acusado, e atender as probas a favor e en defensa do mesmo, a xente leva as mulleres ao xuízo da opinión pública. Malia ter a fisionomía das vítimas perfectas, sendo rubias, brancas e guapas, recibiron pouca simpatía por parte da sociedade nas redes. O seu privilexio como mulleres ricas parece alienalas do estatus de vítimas, incluso antes de que fora publicada a sentenza.

En 2022 era agonizante estar en TikTok e ver todos os pseudopsicólogos analizar cada movemento de Amber Heard durante o xuízo, cada reacción, cada mirada. Fixera o que fixera, era un argumento a favor da súa culpabilidade, mentres que cada xesto incrédulo, despectivo ou de hilaridade por parte de Depp era proba da súa inocencia. A ela chamábana mala, mesquiña, borde, antipática e maleducada, coma se todas estas características significasen que non podía ser vítima da violencia. Johnny Depp gañou o seu caso en Virginia, si, pero soamente despois de perdelo en Londres, onde o xuíz atopou que as acusacións do periódico estaban fundadas e, polo tanto, non era difamación. A diferenza entre os xuízos? Un foi por xurado; o outro non.

Agora, con Blake Lively e Justin Baldoni, vemos unha reacción similar nas redes sociais. Antes de saír á luz proba algunha en calquera dirección, TikTok xa estaba cheo de vídeos de Lively sendo borde, maleducada ou respondéndolles mal aos xornalistas. Calquera proba que a afastara da imaxe dunha vítima xurdiu neses días, e as acusacións de mentir circulaban pola app. Foi criticada non polas probas que presentou contra Baldoni, senón pola súa actitude ante a prensa desde o principio da súa carreira. Parece ser que, aos ollos dun preocupante número de persoas en Internet, para ser considerada vítima dun abuso non soamente tes que demostralo, senón que debes caer ben e portarte ben sempre que haxa unha cámara diante.

Pode que Justin Baldoni sexa culpábel, e pode que sexa inocente, iso non o saberemos ata que teñamos máis probas e saia a sentenza, pero o que si sabemos e podemos dicir con toda claridade é que a opinión pública xa atopou a quen culpar. E é que o feito de que Johnny Depp e os seus avogados atacaran cada reacción e cada minúsculo detalle do comportamento de Amber Heard creou un precedente que xa está levando e levará no futuro a que este tipo de casos, sobre todo mediáticos, e sobre todo cando teñen que ver con mulleres ricas e privilexiadas, sexan xulgados non polas probas ou os testemuños, senón pola forma de actuar da posible vítima. Xa que é imposible compracer a todo o mundo, cabe deducir que a única vítima perfecta é a que non reacciona. Noutras palabras, a única vítima perfecta é a vítima morta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail