A Coruña.- O Museo Militar da Coruña segue honrando o ditador Francisco Franco cun busto e un retrato situados en lugares preferentes do recinto e entre outras obras e símbolos que conmemoran e lembran a reis, xefes de Estado e próceres da historia militar española. Segundo a Lei de Memoria Democrática, que entrou en vigor hai máis de tres meses, ambos deberían ser retirados.
O busto de Franco, con uniforme militar, banda e condecoracións, é obra do escultor galego Francisco Asorey e atópase ao final do corredor que bordea a escaleira de acceso ao museo, que preside o primeiro retrato de Felipe VI como xefe do Estado tras a súa coroación. É a última dunha vintena de esculturas de reis –Isabel de Castela, Carlos I, Felipe II–, altos mandos do exército e heroes de guerra.
A do tirano está na porta de sala adicada a María Pita, a heroína coruñesa que en 1589 participou na batalla contra a Armada Invencible inglesa capitaneada por Francis Drake.
En canto ao retrato, mostra a Franco con uniforme de gala e está noutro gran salón que garda unha inxente colección de armas, xunto a outros dous cadros: un de Juan Carlos I e outro de Alfonso XIII, avó deste, e que aparecen con similar indumentaria á de Franco. O autor da pintura deste último é Fernando Álvarez de Sotomayor, artista e xestor cultural amigo íntimo do ditador, director o Museo do Prado entre 1922 e 1931 e quen recuperou ese cargo tras o triunfo dos golpistas na Guerra Civil e o ocupou ata a súa morte en 1960.
Franco encargou a Sotomayor outros retratos similares tanto del mesmo como da súa esposa, Carmen Polo, algúns dos cales colgaron nas paredes das Torres de Meirás, o palacete que o ditador roubou durante a guerra e rebautizou como Pazo de Meirás para convertelo na súa residencia, e que os seus herdeiros seguiron gozando ata que o Estado o recuperou en 2020.
O artigo 35 da Lei de Memoria Democrática obriga á Administración a retirar dos edificios públicos os obxectos e símbolos que exalten ou conmemoren o franquismo e os seus dirixentes, e establece que «carecerán de visibilidade os retratos ou outras manifestacións artísticas de militares e ministros asociados á sublevación militar ou ao sistema represivo da ditadura», que «non poderán mostrarse en lugares representativos».
Luzes-Público dirixiuse ao Ministerio de Defensa, titular do Museo, para obter unha valoración oficial sobre o caso e para saber se o Goberno ten previsto retirar esas obras. En conversación telefónica con este medio, un portavoz ministerial asegurou que se está efectuando «un inventario» dos elementos conmemorativos do franquismo nos edificios oficiais e se está a avaliar se a súa exposición nun museo público é compatible coa lei. Ese portavoz engadiu que non existen unha data nin un prazo previstos para proceder á súa retirada, pero, tras pedir por escrito as preguntas de Luzes-Público, o departamento que dirixe Margarita Robles respondeu que non ten «ningún comentario que facer respecto diso».
O Museo Militar coruñés está situado no casco antigo, na zona nobre da cidade, entre a sede da Universidade da Coruña e o Arquivo do Reino de Galicia. Está levantado sobre o antigo convento de San Francisco, un lugar con reminiscencias históricas porque nel reuniu Carlos I ás Cortes de Castela na primavera de 1520 para financiar a súa viaxe a Alemaña e converterse en emperador do Sacro Imperio Romano Germánico.
Convento, arsenal, presidio e cuartel
Tras funcionar sucesivamente como convento, arsenal de munición, cárcere, cuartel da Garda Civil e sede da comandancia de artillería, a partir de mediados do século XIX o centro foi acumulando unha colección de obxectos militares e restos arqueolóxicos que engrosou sobre todo a partir da Guerra Civil. En 1988, o Goberno outorgoulle a categoría de Museo Rexional Militar.
Defensa destaca na súa páxina web que «a diversidade» do seu contido «mostra a heteroxeneidade propia da contorna castrense»; a Xunta publicítao como «un museo de historia (…) que ofrece a posibilidade de aproximarse a unha comprensión máis integral e realista do pasado», e o Concello da Coruña destaca o valor histórico da súa localización e a riqueza do seu contido. Ningunha das tres institucións, con todo, alude á presenza nel de símbolos franquistas, que tampouco aparecen nas coleccións fotográficas que ofrecen, nalgunhas das cales mesmo non aparecen nos lugares onde agora están situados.
Entre os fondos figuran maquetas, uniformes e recreacións de batallas, ademais de obxectos míticos, como unha das máquinas Enigma coas que o exército de Hitler encriptaba as súas mensaxes, e a bandeira do Castillo de Olite, o mercante da Armada de Franco afundido en marzo de 1939 pola defensa naval republicana en Cartaxena.
Destaca unha inmensa colección de armas de fogo de varias épocas, desde os revólveres Colt e as carabinas Winchester típicos da conquista do Oeste ata os fusís de asalto Mauser e Remington da Primeira e a Segunda Guerra Mundial, os AK soviéticos, os mauser españois e as metralletas Thompson typewritter de cargador circular, asociadas ás mafias de Chicago nos anos vinte do século pasado.
Tamén hai unha pistola Jolgar usada polo xeneral Millán Astray, figura destacada do golpe de estado do 36, e o mosquetón de Benigno Andrade, Foucellas, o lendario guerrilleiro antifranquista executado no garrote vil por Franco en 1952. Está na mesma sala onde o retrato do ditador.
En setembro de 2018, e a petición do deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán-Vello, o primeiro goberno de Pedro Sánchez eliminou os textos baixo o retrato e o busto de Franco que se referían a el como «militar de gran prestixio», despois de que o Executivo de Mariano Rajoy se negara a facelo considerando que esa expresión non constituía encomio nin loa algunha que vulnerase a entón vixente lei de memoria histórica.
Desde entón, xunto aos símbolos referidos no Museo ao que fora xefe do Estado entre 1939 e 1975 só hai mencións á importancia dos autores das obras, sen referencia algunha ao papel do homenaxeado nin á súa relación con outros personaxes históricos, como o propio Juan Carlos I, a quen se atribúe un papel esencial na democratización de España sen advertir que foi designado, precisamente, polo ditador.
Así se recolle no cartel que se exhibe baixo o seu retrato: «Hoxe pode parecer tópico referirse á transición española como un proceso modélico, pero esta afirmación segue sendo certa. Logrouse pasar dunha ditadura a un sistema de goberno constitucional e democrático, de forma pacífica e notablemente rápida. Unha parte esencial de tanto mérito débese, sen ningunha dúbida, á determinación de Juan Carlos I».
O texto lembra que, tras a súa abdicación en 2014, o anterior monarca «só desenvolve funcións protocolarias», aínda que obvia calquera referencia ás circunstancias da súa abdicación e á súa situación actual e ás polémicas que provocou durante ese tempo, nin moito menos ao feito de que poidan considerarse modélicas as democracias de países cuxos museos públicos seguen homenaxeando aos ditadores.