Esterqueiras

«A min quédame claro que, por moitos millóns que lles legasen os seus avós, por moitas casas que lles deixasen en herdanza, por moitos apelidos compostos, vostedes son unha esterqueira moral». Así remataba Íñigo Errejón a súa intervención viral no Congreso dirixida á bancada de Vox (como cando Andrea Fabra dirixía os seus «que se jodan!» á bancada socialista, pero esta vez de verdade e dende a tribuna de oradores).

Federico Jiménez Losantos.

A primeira vez que escoitei esa expresión (estercolero moral, en español no orixinal) foi en boca de Jiménez Losantos e tiña como destinatario o sucesor de Manuel Fraga á fronte do PP galego: «¿De qué estercolero moral sacaron a este individuo…?», preguntábase Federico a conta de non sei que parvada. Eu non a lembro, pero el seguro que a esqueceu moitísimo antes ca min: apenas uns días despois, Feijóo abandonaba temporalmente o estercolero moral para plantarse no estudio da Cope. Alí non agardaba por el nin unha rifa, nin un improperio… nin sequera unha pregunta incómoda. O que apenas uns días atrás ladrara coma un dóberman, ofrecía agora un xabonoso exercicio de xenuflexión digno do López Vázquez de «un admirador, un amigo, un escravo, un servo…». Dende entón, entre outras moitas cousas, Losantos sempre me pareceu, sobre todo, un covarde.

Federico volveu á actualidade, coincidindo coa resposta de Errejón, grazas á declaración de Luis Bárcenas, o que ergue catro dedos para saudar o seu Módulo (o 4) como quen celebra catro maiorías absolutas. Segundo o ex tesoureiro do PP, a finais de 2004, os cartos da caixa b do partido empregáranse para comprar accións de Libertad Digital, o medio de Losantos, por valor de 140.000 euros. Se hoxe buscades na Galipedia esRadio –a emisora que montou cando o largaron os bispos– atoparedes que a definen, non sei se con certa ironía, como «unha cadea de radio española creada e xestionada con capital privado».

Precisamente, os problemas xudiciais derivados dun financiamento ilegal, neste caso, de campañas electorais, son o pistoletazo de saída de Baron Noir, a serie francesa que tanto lles gusta a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. O protagonista é Philippe Rickwaert, deputado e alcalde socialista de Dunkerque, man dereita do candidato á Presidencia de República, que –SPOILER ALERT– remata a primeira tempada no caldeiro como un Bárcenas calquera. A partir de aí, veremos a súa peripecia por reinventarse, acadar a unión da esquerda –algo que semella aló tan milagreiro como acó– e mesmo loitar el mesmo pola Presidencia.

Kad Merad, no papel de Philipe Rickwaert, e Niels Arestrup, florentino presidente da República.

Acabei de vela xusto despois de coñecer o arquivo do Caso Garañón, o que levara da política polas malas a Gómez Besteiro, a gran esperanza branca do PSdeG. Casualidade ou causalidade, a xuíza Pilar de Lara imputárao xusto o día despois dunha visita de Pedro Sánchez. As fotos dos dous –riseiros, altos, guapos– estaban aínda nos xornais cando chegou o teletipo que o anunciaba…

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, acompañado polo entón secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en 2016.

A Rickwaert o seu pasado como convicto pásalle ben pouca factura para o que sería de agardar. Faime pensar no que podería ter sido o percorrido de Barreiro Rivas se fixese caso dos cantos de sereas que agardaban por el unha vez rematada a súa inhabilitación, aínda que a súa figura non sería tan necesaria: en Galicia, se hai algo unido de verdade, iso é a dereita.

Besteiro ten aínda outra fronte xudicial aberta: o Caso Pulpo (eu tiven que tirar hoxe de hemeroteca para lembralo). Se se arquivase coma o Garañón, o seu historial quedaría aínda máis limpo que o de Rickwaert (e que o de Barreiro, que agora anda facéndolle a competencia a Federico polas mañás). Por iso, eu non sei a quen recomendarlle Baron Noir: se ao propio Besteiro ou a Gonzalo Caballero.

Gonzalo Caballero nun intre dunha entrevista con Praza.gal (CC-BY-SA) Praza Pública.

O motor de Rickwaert é frear a extrema dereita, esa Fronte Nacional que en Francia é unha auténtica ameaza electoral. Os do estercolero moral –ao igual que os de Errejón, by the way– por esta esquina noroeste seguen formalmente desaparecidos, neste caso, por esa unidade da dereita que permite ao PP ter nas súas filas «a Trump e a Merkel», é dicir, «a Ayuso e a Feijóo». Isto díxoo un tertuliano na radio e eu escoiteino con estas orellas que algún día comerán os vermes.

Merkel

Merkel enfrontouse claramente á extrema dereita, mentres aquí ata Pedro Sánchez lle gaba a Vox o «sentido de Estado» cando lle convén á súa estratexia. Ao contrario que os franceses, nós, para estas cousas, aínda non temos a vacina. E, de habela, seguro que xa lla terían posto a Josefina. Pero non á de Napoleón, senón á de Domus VI.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail