Rosalía, Maldonado e Jesús Gil

Hai que ser moi valente para escribir unha columna chamando machista a Rosalía (xa sabedes, a cantante) nun mundo onde semella que criticala é ter ciumes, frustración, envexas de veleno negro e un pésimo gusto musical. Lorena G. Maldonado fíxoo porque ela, aínda sendo millenial, non ten eses problemas do que dirán e aventurouse a abrir un melón con moitos argumentos que, permítanme a opinión, son dunha contundencia irrefutable. Rosalía é Jesús Gil. Non o digo eu, que o di a Maldonado, pero voume enganchar ao discurso porque unha milita nisto do feminismo e acaba moi cansa de que se pretenda disfrazar de feminista a ofensiva machocasposa de sempre simplemente porque quen protagoniza as accións machirulazas son mulleres.

Rosalía foi á gala dos Grammy, triunfou e foino celebrar a un club de striptease con outra artista de letras feministas, Dua Lipa, onde alegremente, e para non desentoar no ambiente, dedicáronse a ciscar billetes sobre corpos de mulleres semiespidas que movían o cu como se fai durante unha relación sexual. E a conclusión no marabillosamente entrañable mundo das redes sociais é esta: que as mulleres fagamos as mesmas machiruladas que os homes, mesmo se iso atenta contra a dignidade doutras mulleres, iso é igualdade real. E tratrá.

A min non me veñan dicir que Rosalía practica a apropiación cultural no referido á música, porque se dalgunha cousa se está a apropiar ultimamente é da cultura do macho ibérico

Non entendo a finalidade dunha acción propia da cultura dos putañeiros aderezada con gotas de empoderamento feminino da MTV. Non entendo por que é feminista e progre que quen lance billetes sobre un cu con tanga incómodo cravado no perineo dunha muller non sexa unha man mollada de alcohol e esperma, senón unha adornada con unllas de xel de dez centímetros cubertas de esmaltes e purpurina.

Por iso tampouco entendo as críticas, insultos incluídos, a unha Lorena G. Maldonado que manifesta o seu punto de vista, argumentado –ollo con isto, porque a argumentación no xornalismo ultimamente escasea– e sen entrar a valorar o talento e a calidade musical de Rosalía. Lembrei entón o acoso orquestrado á compañeira Marta Corral cando publicou un artigo crítico co videoclip dunha banda ferrolá que fora filmado nun puticlub. Como se os personaxes famosos que tanto inflúen no público –en moitos casos, moi novo– non puidesen ser valorados nada máis que pola súa faceta profesional.

A min non me veñan dicir que Rosalía practica a apropiación cultural no referido á música, porque se dalgunha cousa se está a apropiar ela ultimamente é da cultura do macho ibérico. O feminismo non é un postureo de letras politicamente correctas, e as feministas temos a responsabilidade de dicilo. E se alguén ten dereito a meter dólares no tanga dunha muller porque ten diñeiro, nós tamén de denuncialo. E gratis. O feminismo ou é activista ou é Jesús Gil.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail