Venezuela ispe a Europa

Ao octavo día, España recoñeceu a Guaidó. E xunto a ela, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal. Dezanove países europeos. Todos os grandes, agás Italia, recoñeceron o presidente da Asemblea Nacional venezolana como mandatario interino do país ata novas eleccións. A UE como bloque non o fixo, gardou silencio, e a política exterior común escachou de novo.

Oito días durou o «pacto de cabaleiros» entre os socios comunitarios sobre que facer finalmente con Venezuela, porque a súa presenza nos medios ou entre a tolemia de políticos, xa non se aturaba; porque a Casa Branca e os Bolsonaros latinoamericanos non ceden no seu empeño de derrocar ao réxime bolivariano; porque hai moito petróleo en xogo e moita importancia como potencias rexionais.

A posición común da UE sobre Venezuela rompérona dezanove países que agora recoñecen a Juan Guaidó como «presidente encargado do Venezuela, a fin de que convoque eleccións presidenciais libres, xustas e democráticas». Hai nove que non. A UE amosa as súas vergoñas nun taboleiro internacional onde xogan poderosos pezas como Trump, Putin ou China. Menos de dúas semanas dende que Guaidó se autoproclamase e obtivese inmediatamente o respaldo dos Estados Unidos, de Bolsonaro dende Brasil ou de Colombia.

A posición común sobre Venezuela rompérona dezanove países. Hai nove que on recoñeceron a Guaidó

Entón, a UE viuse apremada por un movemento controvertido constitucionalmente e potencialmente arriscado por canto de desestabilizador en para o país. Ningún goberno europeo, menos aínda o español e tampouco Bruxelas, desexa un conflito civil en Venezuela, posibilidade real pola presión e as ameazas que están a facer os Estados Unidos e a meirande parte dunha América Latina virada cara a dereita. Entre os grandes, só a Bolivia de Evo e o novo México de Obrador negaron a Guaidó.

Ese risco de implosión de Venezuela estivo na mente dos mandatarios comunitarios cando a UE freou a confirmación de Guaidó e pediu ao presidente Nicolás Maduro que convocase eleccións. Nin o sucesor de Chavez nin o opositor afrouxaron e, logo duns días, as grandes potencias europeas esixiron en Bruxelas que se recoñecese a Guaidó. Negáronse a Grecia do antigo esquerdista Alexis Tsipras ou Austria, tradicionalmente neutral en canto a inxerencias estranxeiras.

Ningún goberno europeo, menos aínda o español e tampouco Bruxelas, desexa un conflito civil en Venezuela, posibilidade real pola presión e as ameazas que están a facer os Estados Unidos e a meirande parte dunha Latino América virada cara a dereita

Non houbo acordo e España, Francia, Reino Unido ou Alemaña deron oito días a Maduro para convocar eleccións ou apoiar ao opositor. Puñada na mesa. A UE, con vergoña, sacou unha segunda posición sobre Venezuela que pedía de novo «a celebración de eleccións presidenciais libres, transparentes e cribles» e engadía «en próximos días».

Ultimato a medias, aposta débil ante xogadores que van forte, prazo aberto e impreciso… Papel mollado se os máis duros con Caracas non afrouxaban. Non o fixeron os catro grandes europeos. Agora ábrese na Venezuela divida unha crise institucional aínda máis grande. Un presidente ten as armas, o outro o apoio internacional.

Falamos de Venezuela porque esta últimas semanas resumen a debilidade exterior da UE. Ante unha crise política internacional, pacta unha posición común entre os membros do club segundo a variedade de intereses, sexan económicos ou enerxéticos, pola proximidade histórica ou cultural dos países ou o impacto nas súas fronteiras… Francia lidera as intervencións de Europa no Sahel porque ten o músculo militar e porque nun pasado recente foi territorio colonial seu e quere manter a influencia. Así Aznar puido presionar nos noventa pola posición común da UE sobre Cuba, condicionando calquera colaboración europea a unha democratización da illa.

As visións e intereses vitais dun socio comunitario poden ser compartidas por outros, favorecendo os pactos en Bruxelas, co apoio tácito daqueles aos que nin lles vai nin lles ven o asunto, nun troco de favores para vindeiras ocasións. A UE non é dura cos aiatolás de Irán porque hai un desexo común de obter un rico doce petrolífero vetado a Washington.

O requisito de unanimidade entre os 28 socios provoca casos como o da República Checa que freou durante un ano algo tan básico como que un xornal dixital pagase o mesmo IVE que un impreso

Os intereses dun poden chocar cos de outro e aquí é onde se negocia ata acadar un acordo de mínimos ou paralizar o debate. Se un grande como Alemaña rexeita unha cuestión, pode darse por morta durante meses ou anos. Merkel non quere que os seus bancos poñan diñeiro nun instrumento común europeo porque tamén o porían os italianos «mal xestionados». E a Garantía de Depósitos para evitar que os pequenos aforradores europeos perdan o seu diñeiro ante unha quebra bancaria leva bloqueada dende o 2015.

Isto é así grazas ao requisito da unanimidade entre os 28 socios (ou 27 logo de brexit) nas cuestións importantes da UE, o que axuda tamén aos pequenos por un tempo. Hai casos como o da República Checa, teimuda como ela soa, que freou durante un ano algo tan básico como que un xornal dixital paguese o mesmo IVE que un impreso.

Velaquí a feira do Consello Europeo, unha das tres institucións políticas da UE, se cadra a máis importante. Con Venezuela, mentres o país navega á deriva, acaba de deixar núa a UE.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail