Borrar a historia, controlar o futuro

Estamos nunha época de retroceso e aceleración. Non é un paradoxo. A suma de retroceso reaccionario e de aceleración depredadora é un movemento no mesmo sentido. En atinada imaxe de Andrea Rizzi, esta é unha era de vendeta histórica na que «tiranos, demagogos, tecno-oligarcas enróscanse como as fibras na dobre hélice do ADN». Os plutócratas queren facerse co mundo e están a conseguilo. E dino con descaro. Xa non se esforzan nin en mentir ben. Todo é chularía e xactancia. Para a historia da ironía, fica como excepción o super-rico Warren Bufet: «Hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos». Nunca un mandatario acadara nun par de anos semellante multiplicación exponencial da súa fortuna, como é o caso Trump, familia e compaña. Un amoreamento feito con fachenda, arrasando con calquera límite, regulamento ou control democrático. Na práctica este é xa un réxime onde o que está a trunfar é o Decisionismo: as palabras (ou tuits) do Xefe, e os seus feitos, equivalen á lei.

Trolas a esgalla, xa non importa o estilo. Mesmo semella que unha falta de estilo, unha desmesura, un descaro, un fanatismo brután, resulta eficaz para excitar o Partido do Algoritmo e acaparar a atención. Unha das tarefas máis importantes nesta enxurrada é o borrado da historia e sobre todo a memoria das revolucións positivas que supuxeron un avance en liberdades e dereitos.

Por que tanto interese en borrar a historia? Porque dominar o relato do pasado é un xeito de apreixar o futuro. Un exemplo de atropelado borrado da historia témolo en Galicia, en tempo ben recente que semella que non existiu. A experiencia de Goberno de Coalición, o chamado Bipartito, entre agosto do 2005 e abril do 2009, veu romper o tabú de que en Galicia nunca gobernaría a esquerda. A suma de socialistas e o nacionalismo progresista superou en máis de cen mil votos a unha dereita fosilizada no poder. Foron catro anos complexos, que se deberan analizar con ollo crítico. Pero non borrar. Foron moitas as iniciativas fértiles que, de saír adiante, suporían un avance no benestar social, na atención medioambiental, no eido dos recursos culturais e na proxección internacional de Galicia.

Mais había que borrar esa historia. E borrouse cunha eficacia incendiaria.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail