ADVERTENCIA DE CONTIDO: Suicidio, canibalismo
«Vós credes que sobreviviriades nunha apocalipse zombi?», pregunta Samuel no xantar, mastigando coa boca aberta de par en par. Eu poño os ollos en branco, e el sorrí. Todo o mundo que coñece a Samuel coñece ese sorriso zarapelo inmenso que ten. É un sorriso que parece que lle escapa da boca e desborda en toda a cara coma a auga dun vaso derramado na mesa da cociña. Esténdeselle aos ollos ata que el é todo falcatrúa e troula. É un sorriso que coñezo moi ben, porque Samuel é o meu irmán pequeno e, como tal, é o seu deber atopar todas as formas posibles de alporizarme para o seu desfrute persoal. Ás veces o sorriso delátao, outras veces é capaz de agochalo ata que consegue que queira tirarlle dos pelos.
Esta vez non poño os ollos en branco porque sospeite que con esa pregunta Samuel busque irritarme, senón porque sei o que significa: Samuel comezou a ver The Walking Dead. Como sei eu isto? Pois a ver, cando algo novo entra dentro do radar de Samuel, entra nesta pequena rutina na que saca o tema á hora de comer durante un par de semanas a través de preguntas e declaracións cada vez máis absurdas ata que se aburre ou ata que atopa algo novo. A serie favorita de Samuel é Breaking Bad, así que era cuestión de tempo que comezara a ver The Walking Dead (gústanlle as series e as películas angustiosas, aí non nos parecemos nadiña), unha serie sobre un grupo de persoas intentando sobrevivir unha apocalipse zombi. O concepto dos zombis entrou no radar de Samuel, así que poño os ollos en branco porque sei que agora vou ter que reflexionar sobre a miña capacidade de supervivencia fronte a mortos viventes de forma recorrente durante as próximas semanas.
O concepto dos zombis entrou no radar de Samuel, así que poño os ollos en branco porque sei que agora vou ter que reflexionar sobre a miña capacidade de supervivencia fronte a mortos viventes de forma recorrente durante as próximas semanas
Samuel responde a súa propia pregunta. El si, claro. El sempre. A nosa casa sería un bo sitio para sobrevivir. Teno moi claro xa, nótase que lle deu ben de voltas. Xa ten todo o seu plan deseñado. Eu río un pouco, pero a cabeza váiseme á vez que, con 13 anos, vin Resident Evil no cine (outra película sobre apocalipses zombis e a xente que vive neles) e pensei, unha e outra vez: «Se eu vivise esta situación, suicidaríame».
Máis tarde, fórzome a sentar con Samuel a ver a súa serie de zombis, porque aínda que odio estas series, encántame ver o que sexa na tele con el; somos ambes persoas ás que lles gusta falar moito mentres ven unha película. Sento e vexo como estas personaxes loitan e loitan e loitan por unha vida dura, como sofren, como perden persoas que queren, e busco en min o mesmo pensamento que tiven con 13 anos ao ver Resident Evil. Querería morrer se vivise esta situación?
No coche, máis tarde, escoito o meu podcast favorito, You’re Wrong About, de Sarah Marshall. Falan da expedición de Donner. No inverno do 1846, un grupo de pioneiros estadounidenses de camiño á terra prometida do que agora é California quedaron atrapades nas montañas de Sierra Nevada durante meses. Moites morreron. A historia chéganos a día de hoxe porque acabaron por recorrer ao canibalismo para sobrevivir, e a miúdo úsase como exemplo da inherente perversión da natureza humana. Ser capaces de consumir os corpos sen vida daqueles ao noso redor para sobrevivir? A expedición de Donner úsase como exemplo do desapiadado que pode ser o ser humano, pero, por que? Non estaban doentes por comerse unhes a outres, precisamente. Tardaron meses. Non mataron a ninguén a sangue frío, só comeron a quen xa morrera.
A expedición de Donner úsase como exemplo do desapiadado que pode ser o ser humano, pero, por que? Non estaban doentes por comerse unhes a outres, precisamente. Tardaron meses. Non mataron a ninguén a sangue frío, só comeron a quen xa morrera
No desespero da súa situación, co frío e aquela abismal fame, desenvolveron un sistema para que ninguén tivera que lidar con ou consumir os corpos dos seus seres queridos. Esta non é unha sinistra e horripilante historia sobre os peores impulsos da humanidade, di Sarah Marshall. É unha historia sobre o compasionades e coidadoses que podemos ser ata nos nosos peores momentos. Centrámonos tanto nas cousas malas que tiveron que facer para sobrevivir que non pensamos nas formas nas que se axudaron unhes a outres, en como fixeron todo o posible antes de chegar a ese punto. Pero, por que? Por que loitaron tanto? Por que aguantaron tanto?
A metade da expedición Donner eran crianzas. As persoas que máis loitaron por sobrevivir eran as que tiñan alguén ao seu cargo.
«É unha historia que mostra a habilidade sen límites para sobrevivir», di Chelsey Weber-Smith, a invitada do podcast. «Se tes unha razón».
Con trece anos estaba segura de que se vivise unha apocalipse zombi, querería suicidarme. Fágome a pregunta de novo agora, con case 26, e xa non atopo esa convicción en min.
Samuel está ao meu carón, mirando os zombis. Xa non é un neno. É máis alto ca min, corre máis rápido e ten máis forza. É listo coma un allo. Samuel non me precisa para sobrevivir unha apocalipse zombi, pero supoño que loitar por sobrevivir nun mundo hostil é un pouco como sentar a ver esa serie horrorosa de zombis con el. Non quero, non me apetece nada, non o faría soa. Pero si o faría por estar con el.
Samuel non me precisa para sobrevivir unha apocalipse zombi, pero supoño que loitar por sobrevivir nun mundo hostil é un pouco como sentar a ver esa serie horrorosa de zombis con el. Non quero, non me apetece nada, non o faría soa. Pero si o faría por estar con el
O amor que teño polo meu irmán é unha das sensacións máis infinitas que sinto; nos meus peores momentos, sempre tiven espazo na cabeza para pensar nel. Quero coidalo e velo medrar, que me fale dos seus problemas e que me faga preguntas que non me interesan á hora de comer, mastigando coa boca aberta de par en par. Quero verlle o sorriso falcatrueiro. Quero saber que está ben. Quero que se sinta querido e coidado e escoitado e quero que desfrute, que viaxe, que aprenda, que baile. E quero que mo conte. Quero estar con el. E se para estar un anaquiño máis ao seu carón teño que ver unha serie que non me gusta, ou sobrevivir a unha apocalipse zombi, pois nada. Tocará ver The Walking Dead.