Xustiza poética / xustiza cósmica

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

4 DE DECEMBRO OU NADAL

  • Tras os primeiros alborexares arredor das 8:17, o Sol ergueuse ás 8:48 da mañá. Algúns humanos, máis impacientes, levabamos xa unha hora iluminados por pantallas máis pequenas. O Sol despedirase ás 5:59 da tarde, coas últimas luces ás 6:30.

 

  • O día durará 9:11 minutos: tempo xusto para dar cousas por feito e, asemade, non dar feito.
  • Se as nubes nola permiten saudar, a Lúa parecerá «chea» durante toda a noite do día 4, malia que tecnicamente non alcanzará o 100% até pasar a medianoite. Ao ser Lúa Chea temos Mareas Vivas. Isto significa que a amplitude entre a baixamar e a preamar é máxima (mareas moi altas e moi baixas). Ollo se pescas ou mariscas.
  • En Astronomía, a Lúa Chea é Lúa Chea. Podemos, como galegas, poñerlle nomes máis bonitiños, como de vaca: Moufuda, Bochecha, Arrumbada…, pero o de Lúa Fría é unha obviedade, e Súper Lúa…si, estará en perixeo (fase máis cercana á Terra) e pode verse algo máis grande…alá onde non chova.
  • Planetas: Esa estrela que ves uns minutos antes do amencer pode que estrela non sexa, senón Mercurio. Se non pestanexa, é planeta. Pero tanto ten: vai chover.
  • O Ceo Profundo: a nosa galaxia irmá, Andrómeda, M31, unha espiral maxestosa que se pode albiscar con binoculares, veríase moi ben estes días co inverno petando na porta. Se non chovesen chuzos de punta, claro.
  • Cometas e Meteoros: Dentro de pouco será visible un cometa con brillo moderado, o cometa 24P/Schamausse, que transitará na madrugada polos campos de galaxias de Leo.
  • kō xaponés: As follas da árbore Tachibana comezan a amarelear (Tachibana hajimete kibamu )橘始黄 たちばなはじめてきばむ 
  • Hoxe celebramos a Santa Bárbara, que dá nome ao almacén da pólvora nos barcos, por ser patroa de artilleiros, mineiros e bombeiros. Hoxe alguén seguro a lembra, e non só porque trona. Parabéns ás Bárbaras e tamén aos Melecios, Sigiramnios e Heraclas que seguro nestes intres cursan infantil nalgún centro galego.
  • Di o refraneiro: Se o Nadal nada, sinal de boa anada. Por favor, que non sexa un simple xogo de palabras.

Andromeda Nebula. Étienne Trouvelot, 1872

Xustiza poética/ xustiza cósmica

Para a amiga María M.Q., de xustiza 

Gústanos pensar que o mundo ten un guión, sen moita gralla e con moito karma. A xustiza poética é a nosa editora favorita: esa forza riquiña que as físicas inexplicablemente non contan entre as 4 forzas elementais do Universo (nuclear forte, nuclear feble, electromagnética e, baixo sospeita, a gravidade); unha forza brava e boa que asegura que, se no primeiro acto aparece un tirano, no terceiro vai rematar devorado polas súas propias carrachas ou, cando menos, perdendo o tren un día que chova coma hoxe.

Curiosiña é, a xustiza poética. Vaille o ritmo trocaico, a rima de cando en vez, a simetría. Se alguén sementa ventos, debe recoller tempestades; é unha cousa de gramática moral. E reconfortante, porque converte a vida nunha ecuación onde o resultado sempre é un número enteiro. A lóxica das fábulas, onde o lobo nunca gaña e a formiga traballadoriña sempre ten a despensa chea.

Porén, a xustiza cósmica ten un sentido do humor moito máis seco, se é que tiver algún. O Universo, sinto dicilo, non nos le. Non nos le para nada. Non coñece nin a Tom Gauld nin ao Bichero nin a Samuel L. París nin a Amélie Nothomb.

Á xustiza cósmica tanto lle ten a biografía da vítima. Un meteorito non se detén a preguntar se o dinosauro ao que vai esmagar era unha amorosa nai monoparental ou un depredador cruel. O virus da gripe non comproba o noso currículo moral de hóspedes antes de usarnos de furancho. É unha xustiza de estatística, de placas tectónicas, de puro azar. O raio cae sobre a árbore senlleira e non sobre quen eucaliptiza a saco ou deixa o monte ás invernadas sen xestionar – alimentando futuros lumes de verán- porque o raio entende de física, non de ética.

Así vista, a xustiza poética pode ser a nosa pequena vinganza humana contra o aleatorio. É o noso xeito de dicirlle ao Universo: «Perdoa, esqueciches darlle aquí un punto ecuánime, permíteme corrixilo a lapis vermello». A ver se semellante inxenuidade che vai ter algo de virtude.

*

A idea de que a arte se paga a si mesma coa satisfacción de ser compartida é unha xustiza poética fake. Na literatura clásica, a xustiza poética é un recurso narrativo onde a virtude é recompensada e o vicio, castigado. Martha Nussbaum ampliou a idea e sinala que a xustiza poética implica a imaxinación literaria, o cal suma unha compoñente emocional e ética ao razoar xurídico. É un final feliz, un equilibrio moral amalloado cun lazo.

Cando unha administración pública pide «altruísmo» a unha creadora autónoma para «facer país», está apelando a unha falsa xustiza poética. A xustiza poética rompe a chorar cando observa a folla de gastos dun evento cultural. Que cosmicómico paradoxo. Págase a electricidade, págase o papel dos folletos, págase o alugueiro do local ou da seguridade e páganse soldos do técnico e o político. Pero o que dá sentido ao acto —o enxeño, a idea, a creación—, iso considérase un recurso natural gratuíto, coma o vento ou a chuvia.

Cando como escritora reclamei cobrar igual que a imprenta ou o técnico que me poñía o micro, non estaba pedindo un luxo; estaba pedindo que se restaurase unha forza como a da gravidade. E non só: reclamo a abolición do clasismo literario que propende a recompensar máis a quen xa vén máis recompensado da casa. É o tema do efecto Mateo, do que xa falara noutro artigo, en Luzes.

A conclusión é que construír unha cultura baseada no voluntarismo dalgúns que a crean non sostén o país; iso sostén a precariedade, a desigualdade e o clasismo. Que son máis doados de soster, claro.

A vaquiña polo que vale. Se queredes que lle poñamos nome, discurso, narrativa, unha égloga, un cómic e un videoxogo, claro.

**

Hai case 10 anos escribín unha das moitas respostas a propostas con este esquema: «eu organizo algo, algo vistoso e de moda, chámote a ti para que interveñas co teu traballo, collas o teu coche, pagues a AP-9 ou a AG-55, a gasolina, invistas entre 4 e 6 horas do teu día, para que o fagas ben ou moi ben, saias na foto comigo cos ollos abertos, escribas unha recensión xeitosiña nas túas redes, e ti non cobres un can e eu si, que son quen che convida e quen logo sairá no titular como Gran Dinamitzador/a Cultural de moita proeza do Concello de Xis.»

E ollo, porque non quen máis se queixa ou se vitimiza neste campo é quen artellou iniciativas de retribución xusta e ecuánime. Quen máis se queixa non ten, per se, máis talento ou máis razón. Só máis recursos de vítima, seguramente máis poder e con certeza máis morro. E non temos máis que botar un ollo a xeopolíticas internacionais xenocidas.

Naquela ocasión, aínda que non o especifico no email, eu estaba grávida de 20 semanas do meu 2º herdeiro. Non me colleu con moito tempo, abofé, pero si co cerebro abondo mutante -o embarazo muta o encéfalo, isto é así e demostrado está- como para ceibarlle varias paragrafadas.

Carta do 2 de Maio de 2016 enviada a un técnico de cultura dun dos 313 concellos galegos tras convidarme a un evento meu pagando eu

Ola, XY, bo día, e moitas grazas pola resposta.

Permítame dicirlle que son da opinión completamente contraria a que esta frase súa «considerando que a situación económica actual do noso concello e do país en xeral necesita de políticas e accións que respeten e valoren os intereses de toda a cidadanía» se sustente con actividades de balde.

Por desgraza, a súa actitude non é a excepcional nos concellos e outras institucións sostidas con diñeiro público, senón moito me temo que a tópica, cando menos nos 20 anos de experiencia que acumulo nese sentido: organizar actos que contan con escritoras/es que pagan (gasolina, tempo, esforzo) por asistiren a un recital delas mesmas. Iso, con todos os meus respectos, non considera os valores da cidadanía, nin supón unha política cultural coherente. Por suposto, sempre haberá quen estea disposto a acudir, porque vive de rendas, é a condesa de Pardo Bazán, conta con outro traballo ou simplemente non o pensou moito.

Para as que levamos traballando anos neste eido, de balde, poñendo cartos, ás veces non recibindo nada a cambio, e inda por riba estamos no paro ou vivimos por debaixo do limiar de pobreza ou temos fillos/as que manter ou tan só queremos que a profesión de escritor/a se dignifique dunha vez… isto supón máis do mesmo. Non é o que a política deste país precisa, sinto contradicilo. É precisamente o que xa non necesita.

O que a política deste país necesita, humildemente llo digo, é que o traballo, todo tipo de traballo, se pague con obxectividade. Que os grandes salarios da política, os grandes dispendios municipais -que habelos, hainos- se reduzan para deixar paso a actividades dignas e de sostén cultural (como poden ser un recital, unha ilustración, un deseño, unha charla de ciencia ou filosofía) remuneradas na súa xusteza. Se hai quen quere facelo gratis pode ofrecerse esa posibilidade, canda a posibilidade de cobrar. Pero verá como, quen máis e quen menos, vai agradecer traballar por este país cobrando como cobran outros e outras que din traballar moito a prol do país.

Por suposto, élle unha opinión persoal. Pero agardo non caia en saco roto. Se hai orzamento para a Romaxe poética, se vai haber cartaces, son, anuncios… todo iso non se vai pagar? Igual que se paga a unha imprenta que imprime ou a un xornal que anuncia, tamén se ha pagar aos creadores/as que concorren. O resto son argumentos de perogrullo. Non digo isto con ánimo de ofender, senón de facer recapacitar. Creáme que temos que facelo de continuo e, moito máis, cos concellos ou con institucións públicas que queren organizar unha actividade cultural vistosa contando co traballo alleo dando por feito que é unha responsabilidade de «facer país» non darlle un peso a cambio. Míreo desde fóra: os cartos públicos empregados para darlle resonancia ao concello e para entreter e agradar aos seus habitantes a cambio de explotar a uns poucos alleos, baixo o argumento do altruísmo.

Que vostede renuncie ao seu soldo, como di, non é exemplo. Igual vostede pode permitirse ese luxo. Igual vostede ten rendas ou vive doutro traballo ou dos seus proxenitores. Non cre inxusto agardar dos demais a mesma actitude? De verdade cre que iso é altruísmo? De verdade cre que traballar gratis pode denominarse a estas alturas «altruísmo»? Se Marx e Gramsci levantan a cabeza! Eu estou facendo unha mudanza. Unha mudanza soa. Lévame moito tempo. Aceptaría ir recitar a Z. se a Concellería de Cultura de Z. se achega a C. en contrapartida a realizar esa mudanza de varias horas ou días comigo. E non pido altruísmo. Sería un troco, un intercambio de bancos de tempo.

Educar os políticos e políticas deste país a que entendan que «facer país» non significa traballar de balde en segundo que eidos (nomeadamente o cultural, que semella o que ha sacrificarse sempre non sei moi ben por que), é un traballiño en si mesmo. Eu estou roubando horas do meu tempo para tratar de facelo entender con argumentos sinxelos e de primeira man. Non o vou chamar «altruísmo», creáme que me soa pretensioso. Fágoo porque quero concienciar disto aos que estades do outro lado e pedides e pedides en nome do país.

Todas e todos traballamos de balde en mil frontes (axudando a familiares e amigos, poñendo en marcha proxectos incipientes, con iniciativas pequenas e sen moito orzamento, en destinos benéficos…), pero un concello que de certo paga aos que van animar as festas coa súa música, aos que adornan con luces de Nadal a praza, aos que imprimen a varias tintas cartaces anunciando eventos… que pida altruísmo a un sector de escritores ou escritoras e que ese altruísmo sexa ir traballar de balde ao seu concello polas Letras Galegas… non se sostén con ideoloxía política ningunha, nin de dereitas nin de esquerdas. Tampouco con sensatez nin sentidiño.

Outra cousa é que haxa xente que se ofreza para facelo (imaxino: alguén que coñecedes e se ofrece…). Pero pedilo de antemán e dirixirse expresamente á Asociacións de Escritoras/es deste país xa non me parece ético.

Estou visibilizando e denunciando ese tipo de argumentos porque creo que non hai maior altruísmo, nos tempos chantaxistas, sobornados e panameños que corren, que darlle o que se merece a quen o traballa. Aínda que sexa escritor ou escritora, fíxese ben.

Por favor, se non hai cartos, non o artelledes. Ou recitade vós mesmos ou os vosos familiares. Se hai cartos, repartídeos ben: hai para todas, seguro. Recapacitade sobre o que estades pedindo. E revisemos o concepto de altruísmo.

Grazas e un saúdo,

 Estíbaliz…

curiosidade

abra la cápsula, por favor

Río

@criaturamecanic

Boa noite, gaiolas baleiras para sempre pic.twitter.com/RU4A5u9Fuw

2 mai 2016

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail