O grande engano

En teoría, o 10 de outubro deste ano fíxose efectivo o alto o fogo en Palestina, un algo ao fogo negociado (e, na súa liña, moi publicitado) por Donald Trump. O presidente dos Estados Unidos, ademais de adxudicarse o mérito do fin do conflito entre Irán e Israel, pretende agora recibir tamén as flores polo fin do xenocidio en Gaza.

Porén, considero que o xenocidio non rematou, nin moito menos. Non, o único que Trump conseguiu é un cambio de ritmo, un lavado de cara á violencia que levamos observando dende outubro de 2023. Agora que xa asasinou un mínimo de 70.117 persoas (a verdadeira cifra aínda non a temos, porque miles de corpos seguen soterrados baixo os cascallos), Netanyahu decidiu cambiar a súa estratexia.

Dos 55 días que pasaron dende a entrada en vigor do alto o fogo, Israel atacou Gaza en 44 deles. 360 palestinos foron masacrados e 922 resultaron feridos neste período. Dos 32.400 camións con axuda humanitaria que terían que entrar en Gaza, só permitiron que pasaran 6.641, un número extremadamente escaso e de ningunha maneira suficiente para sequera comezar a reconstruír o dano causado durante o masacre.

Ao meu ver, máis que o fin do xenocidio, o que estamos presenciando é un intento de continuar con el dunha maneira menos rechamante, posiblemente para evitar que continúen as manifestacións na súa contra ou as posibles ramificacións doutros estados a medida que pasa o tempo. Cando comezou a bombardear Gaza, Netanyahu probablemente pensara que, como adoita ocorrer, a xente esquecería o tema nun par de meses como moito. Creo que levo razón cando digo que pouca xente se imaxinaba, en outubro de 2023, que o xenocidio en Gaza causaría unha reacción tan consistente e alongada por parte do público, incluídos os boicots ás empresas que colaboran con Israel, manifestacións masivas e o rexeitamento absoluto das escusas de Netanyahu.

Ante esta resposta tan clara da opinión pública na maioría dos países, e aínda que a maioría fixeron o posible por ignorar o tema, chega un momento no que a falta de acción comeza a danar o goberno e os seus líderes. É por isto que gran parte destes países recoñeceron o estado palestino nos últimos meses. Unha vez tomada esta acción, resulta moi probable que os mesmos gobernos sexan presionados polo pobo a levalo máis lonxe, ao territorio das sancións. Ante esa posibilidade, Netanyahu tomou a decisión executiva de cambiar a súa estratexia.

A estas alturas do partido, ninguén traga xa a escusa de Hamas, así que Netanyahu utilizou a Trump e o seu ego xigante para negociar un novo alto o fogo (logo de romper o anterior) para crear unha apariencia de que o masacre rematou. Unha vez xa se comunicou isto en todas as noticias, e unha vez xa todos os os países occidentais o usaron para tratar de apaciguar as súas poboacións, agora que a xente apartou a mirada, xa poden seguir co seu plan inicial, aínda que máis amodo e máis indirectamente.

Os ataques son menos obvios, pero igualmente mortais, e nunha poboacióin xa reducida e malnutrida, o impedimento da entrada de axuda humanitaria constitúe un acto de xenocidio, sobre todo á escala na que Israel o está facendo. A poboación gazatí morre igualmente, se ben máis paseniño, e o crime continúa á vez que non se permite ningún tipo de reconstrución ou mellora das condicións dos palestinos.

Gaza xa está en ruínas, morrendo de fame. Para conseguir o obxectivo final de Netanyahu, é dicir, o exterminio da poboación en Gaza e continuar coa expansión territorial de Israel, xa non precisan masacres tan constantes coma antes. Abonda con non permitir que a poboación se recupere. Abonda con impedir a entrada de axuda humanitaria. Abonda con seguir coa matanza, un a un, máis engorde, pero sen parar.

O xenocidio en Gaza non rematou. Só cambiou de ritmo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail