Este Nadal, elixe a túa propia aventura

Hai un capítulo de Family Guy (Padre de familia) en que Peter só quere sentarse diante da tele a ver como os Kiss salvan a Santa Claus. Trátase dunha peli ficticia, claro. Non como as que tiveron como protagonistas os Gusiluz (1985), as Baby Bratz (2008) e Os Supermonstros (2018). Ata Kirk Cameron, o mito adolescente dos 80, fixo o seu propio Saving Christmas no 2014, cando xa se convertera nun fanático fundamentalista. O filme mereceu catro premios Razzie.

Os gringos teñen unha auténtica debilidade por salvar cousas. «Save the cheerleader, save the world» era o lema de Heroes, aquela serie que rulaba de man en man en CDs pirateados aló polo ano VIII antes de Netflix («Salva a la porrista para salvar al mundo», dicían aqueles inesquecibles subtítulos). Salvar o soldado Ryan, salvar as baleas, salvar o mundo, a terra, o futuro, o capitalismo e ata a Michael Jackson son só algunhas das posibilidades. Non sei como Lionel Ritchie perdeu a oportunidade de autoversionarse cantando «Save you, save me». Aínda mellor, deberían facerlle unha cover os Save Ferris

Cada vez que escoito o de «Salvar o Nadal», estas son as cousas que me veñen á cabeza. Estas, e a Federer e Djokovick secuestrando a Rafa para poder gañar Roland Garros…

A estas alturas, xa esquecín quen foi o primeiro dos nosos líderes que empregou a frase, como se o coronavirus fose un trasunto do Grinch, tan perigoso para o Nadal como aqueles alcaldes das mareas –lembrádelos?– que, cando chegaba decembro, se facían fortes no seu ateísmo e rexeitaban fundir todo o orzamento municipal en iluminación.

Con este colonialismo cultural que nos ten sometidos, era cuestión de tempo que acabásemos por copiar a fórmula. E así, tras os intensos traballos previos de produción, a rodaxe de Obxectivo: Salvar o Nadal, está a piques de iniciarse. A falta de grandes blockbusters nas pantallas do cinema, os nosos gobernos invítannos a sermos os protagonistas da gran estrea da tempada. Desta vez, Jumanji si que rachou a cuarta parede. O xogo definitivo chegou ao mundo real.

Se es dos que vai pasar as festas cos teus achegados, segue lendo. Se para reunirte con eles tes que cambiar de concello ou de comunidade autónoma, tira os dados. Un resultado impar fará que te paren nun control e unha puntuación baixa que os axentes non crean os teus argumentos para cruzar os límites administrativos. («Da Coruña, vostede? Se acabo de oílo dicir ‘xouba’! Documentación, por favor…»). Se isto acontece, terás que dar volta co peto alixeirado, pero iso non impide que o volvas tentar.

Se superas o obstáculo poderás chegar ao teu destino. Se é na casa dun familiar ou dun amigo avanza ao seguinte capítulo. Se é nun hotel ou nunha casa rural, continúa. Agora tira o dado para ver cantos compartiredes a cea: se sodes 6 ou sodes 10; se esa cifra é contando os nenos ou non; se vos xuntades dúas ou tres unidades familiares; se trouxestes con vós a avoa ou tivo que quedar na residencia…

Se, pola contra, vas pasar as festas só cos teus conviventes, parabéns. Obxectivo conseguido. Remataches con éxito o teu desafío. Vémonos no 2021 para unha nova aventura.

Esa aventura, de momento, xa ten título provisional. Obxectivo: a vacina. É probable que se estree nalgúns festivais antes da primavera pero, pese a toda esa campaña de marketing, non ten pinta de que vaia chegar ás salas de cinema antes do verán…

PROPOSTA MUSICAL:

KISS SAVES SANTA

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail