Galeusca 2020

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Pode parecer unha marca publicitaria para facerlle competencia ao Xacobeo, pero en realidade Galeusca pode acabar converténdose no mellor aliado para o novo goberno do PSOE e Unidas Podemos se é que se pon en marcha algún día.

Galeusca foi un acrónimo co que se bautizaron os primeiros pactos entre partidos cataláns, vascos e galegos nos anos 20 asinados entre outros por Maciá e Vicente Risco e que tivo certo eco de novo nos anos 80 e 90.

Galeusca volve aparecer no escenario de 2020 porque as circunstancias políticas poden propiciar que se celebren no mesmo ano eleccións nas 3 nacionalidades históricas que recolle a agora tan discutida Constitución.

Anagrama de Galeusca.

Por certo, hoxe sería moi difícil para os partidos da dereita, e tamén para os independentistas aceptar a distinción entre rexións e nacionalidades que alguén ideou no 78 para desatascar os debates da Carta Magna. Un signo máis de preocupantes pasos atrás.

Sexa como sexa, se o abrazo entre Sánchez e Iglesias serve para que saia adiante unha investidura co apoio, entre outros do PNV e do Bloque e a abstención de Esquerra, este primeiro goberno de coalición de esquerdas da democracia terá as súas primeiras probas de lume nas urnas en Cataluña, Euskadi e Galicia e a todos os seus protagonistas convenlles aprobar ese exame.

Se ERC acaba aceptando as teses de Tardá e abre unha nova etapa apoiando a Sánchez, e logo gaña as previsibles e de novo adiantadas eleccións catalás, na Generalitat poderíase formar un novo goberno entre os republicanos, o PSC e os comúns; un tripartito xemelgo ao de Madrid que podería romper o discurso único do secesionismo e afastarse do unilateralismo.

Este escenario sería sen dúbida un balón de osíxeno para a coalición en Madrid; como o sería que o PNV e o PSOE vasco revalidasen o seu acordo de goberno tralas autonómicas en Euskadi que en principio terían que celebrarse en setembro, aínda que o máis probable é que se adianten e sexan antes do verán se é que non hai terceiras eleccións xerais en abril.

Capa da revista Galeuzca, editada por exiliados cataláns, vascos e galegos.

O terceiro partido de Galeusca xogarase en Galicia onde tamén se celebran autonómicas, probablemente o mesmo día que as vascas. Aquí é onde o ten máis difícil a nova coalición de esquerdas. O PSOE galego, Galicia en Común e o Bloque teñen que sumar maioría absoluta para xubilar a Feijóo quen podería apoiarse en Vox ou Ciudadanos para seguir gobernando. Será unha batalla a cara de can.

Case como unha premonición, unha deputada de Esquerra plantouse na constitución do Congreso cunha camiseta que reclamaba independencia sobre as tres bandeiras de Galicia, Euskadi e Cataluña.

Eses tres escenarios poden decidir o ano que vén o futuro do goberno non nato aínda de Sánchez e Iglesias. Se os astros electorais se alinean poden darlle estabilidade en Madrid; en caso contrario, o experimento pode saltar polo aire en poucos meses.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail