Antígona e a ira de Trump

Podemos definir o pulso dun período histórico polo tipo de discurso dominante. Vivimos, sen dúbida, un tempo de arenga. No uso común, asociamos a arenga a unha alocución militar e, en concreto, á que procura exaltar os ánimos e acender o espírito de vitoria no campo de batalla. O ardor guerreiro. A arenga sería a versión prosaica do himno bélico. Vai dirixida a fundir as vontades individuais nunha masa colectiva e coa única determinación de vencer. Para iso é fundamental a fixación do inimigo como demo a abater. A primeira munición na guerra, tal vez a máis importante, é a do odio. O encirrar ao máximo, até que as palabras boten fume. Esa é a función da arenga. Frases con mecha curta. Sen interrogantes, sen matices. Estoupando como onomatopeas entre interxeccións. Na célebre arenga ao Terceiro Exército, o xeneral George Patton utilizaba a fusta de cabalgar para marcar a énfase na puntuación. Aínda que, claro, comparado co Queipo de Llano, que puntuaba as arengas radiofónicas con pingas de sangue no coñac, Patton viña a ser un filósofo neokantiano. Agora, a arenga volve a estar de moda.

Mais o trazo singular desta época, como nalgunhas outras no pasado, é que a arenga xa non é exclusiva dun certo estilo castrense. A arenga coloniza a retórica toda, impregna gran parte dos discursos. A diplomacia, por exemplo, foi desafiuzada das tribunas e dos foros. O último diplomático semella ser Dominique de Villepin, un verdadeiro demócrata liberal, a quen oímos como quen oe falar «un bo antepasado». Poderíase dicir con retranca que despois do posmodernismo e do destrutivismo o que chegou foi… A arenga! Todo este cambio histórico ben se podería resumir coa viñeta do presidente do país máis poderoso do mundo, Donald Trump, arengando como un milhomes farfalleiro a esa moza lúcida e indómita chamada Greta Thumberg: «É nova e está anoxada, tan tola. Só é unha alborotadora. Ten problemas para controlar a súa ira. Coido que debería ir ao médico». O que vén sendo un perfecto autorretrato do que el é, un narcisista déspota que non controla a súa ira. A versión contemporánea do que, na obra de Sófocles, o tirano Laertes dille a Antígona.

CREONTE: Tes que saber que xamais o inimigo, nen aínda morto, é amigo.

ANTÍGONA: Tes que saber que nacín non para competir con outros odio, senón para compartir amor.

CREONTE: Entón vaite aló abaixo e, se tes que amar, ámaos a todos eles, que, mentres eu viva, en min non vai mandar unha muller.

Serán elas, as Antígonas, as que poñan fin a este dominio mundial da arenga. ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail