Cousas das que quería escribir

O can sobe á miña cama cun calcetín vello que ten un nó no centro. É unha media deportiva de cor amarelo, mordida e sucia. Xa dende cachorro o can roubaba calcetíns, por iso lle dei os máis vellos. Ponme a media na testa e senta a esperar. Se non esperto, dáme lambetadas. Entón gruño. Xogamos un pouco ata que teño unha idea e busco a computadora. Nas Américas din computadora e eu levo media vida traballando con xente desas terras. Prendo o aparato, mais o can non cede e ponme a baba no teclado. Mentres xogamos a ver quen é o máis forte penso no que vou escribir; as cousas que me andan nesta cabeciña de muller vintage que non acaba de crecer. O can tampouco parece madurar, segue tan a torto ou a dereito, tan a brincos e berros como cando tiña tres meses, o día que o trouxen para a casa. Penso en Katharine Hepburn, que sempre levaba pantalóns e que nunha entrevista dixo que vivira a súa vida coma un home. Penso que eu vivo a miña coma un estudante. En lugar de estudar traballo, pero é un traballo que non me molesta moito e, ás veces, case desfruto.

Vou escribir sobre o mal humor que ten que ter o expríncipe Andrew. Fai falta ser ben inútil e indecente para que te boten da familia real, na que normalmente son todos inútiles e deshonestos. O exrei Juan Carlos foi máis listo e marchou antes de que lle quitaran algún titulo. Din que alguén lle escribiu un libro de memorias onde conta a súa vida coma un rei. Os monarcas debían estar nun museo de cristal, onde fagan as súas cousas e onde a xente común poida «admiralos» como artefactos arqueolóxicos doutros séculos. Así poderiamos mirar para eles e dicir: «Mira ti, teñen todo, e cagan coma nós».

Penso en Greta Thunberg, a activista, que foi presa polo IDF, e penso en como se burlaron dela. Pegáronlle e, cando a soltaron, escribíronlle «puta» na maleta e debuxáronlle un pene. O patriarcado é unha perversidade con tan pouca imaxinación que, só por iso, hai que acabar con el.

O can non para quedo e non é sinxelo non perder o fío. O Trump, pola contra, parece que tivera xa un par de ictus: fala coma min cando fumaba marihuana, mais os plans da nova América Branca execútanos outros supremacistas. A idea é acabar co goberno: starve the beast. Deixar que a besta morra de fame, baixar os impostos, cerrar os departamentos, quitarlles os cartos, sen funcionarios e sen nada que facer polos cidadáns, porque o novo cidadán de Trumpland é autosuficiente. E, se non o é, vai morrer de fame, ou vai ser deportado, ou vai morrer dunha sobredose de fentanilo. Só van quedar os ricos brancos.

E volve o canciño coa súa leria.

Quería escribir que o goberno dos EE.UU. leva pechado un mes, porque non se chegou a un acordo cos presupostos e o desmantelamento do Obamacare. Nese país inmenso, uns 42 millóns de persoas (como toda España) viven dos social welfare benefits, sustentados polos bonos e subsidios do goberno federal. América, como se chaman eles, ten moitos programas de axudas económicas e de alimentos para millóns de cidadáns, pero dende que o goberno pechou, estes millóns de persoas que teñen fillos, enfermidades… non están recibindo os cheques de welfare nin os bonos para comprar comida. E tampouco ningún funcionario está recibindo o seu salario que, normalmente, se paga cada dúas semanas. Por se fose pouco, o Trump dixo que se volve a abrir o goberno, moitos funcionarios non van ser pagados. E punto. Os únicos que recibiron o salario a semana pasada foron os membros do exército. Un millonario regalou uns millóns para pagarlles aos militares, mais os pobres que morran de fame.

Trump quere unha nación branca, heterosexual e que só fale inglés. Quere volver aos anos 50, á muller na casa dos suburbios inflándose a vodka e Valium, os homes fodendo as súas secretarias, a sociedade e a educación segregadas, os marróns facendo os peores traballos, os rapaces cazando persoas gais, trans e negros, e o país invadindo Venezuela ou a terra que lle faga falta. Dende que foi declarado presidente dos EE.UU., este señor fixo tantas cousas ilegais que os xuíces non dan feito. Nas próximas eleccións da alcaldía de Nova York seguramente gañará o candidato socialista demócrata musulmán Mamdani. Este home é coma un oasis nesta ditadura. Espero que teña moita forza e paciencia porque Trump non o vai deixar respirar. Pero a resistencia que amosa medio país, a solidariedade que os veciños brancos teñen cos emigrantes, atacando e denunciando os axentes do ICE (a Gestapo trumpista), non vai desaparecer por moito que Trump saque o exército ás rúas. Máis aínda: se saca o exército dos EE.UU. ás rúas, o ditador firmara súa sentenza. Se algo lles aprenden aos militares estadounidenses é que eles loitan pola constitución do país, non por un goberno. Dáme noxo ter que confiar nos militares, pero hai que recordar que neste continente noso os exércitos mataron miles dos seus compatriotas. Pola contra, o exército dos EE.UU. ten claro que a súa licencia é só para matar no estranxeiro. Esta perversidade é unha boa noticia. Para os estadounidenses, claro. E cando quero poñerme a escribir todo isto, volve o can coa súa leria. Outro día xa lles conto algo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail