O 29 de outubro, á noitiña, metinme no baño para ducharme. A nena xa estaba durmida e a casa, en silencio. Coa billa aberta, dáballe voltas ao tema do próximo artigo. Esta vez a elección resultara sinxela: Errejón. Entre a contradición dese personaxe-persoa que ocupaba todo o meu maxín e o ruído da auga, algún pensamento máis prosaico intentaba facerse oco: teño que comprar larpeiradas para cando as crianzas dos veciños veñan pedir, pero cando veñen pedir? Xoves ou venres? E se teñen algunha alerxia? Intolerancia? Teño que mandarlle unha mensaxe a seus pais. E canto compro? Onde?
Acendín a radio, supoño que por non sentirme soa. Ou por afastar subxectividades tóxicas.
Aínda que ese 29 de outubro era martes, axiña foi domingo 30. Un novísimo Orson Welles radiou A guerra dos mundos, avisando ao comezo, durante e ao final da transmisión que aquilo era unha dramatización da obra de H. G. Wells. Escoitando as testemuñas que a Cadena Ser xa transmitía ás oito, ás nove, ás dez da noite do martes, imaxinei o que sentirían as persoas que naquela fin de semana de 1938 coidaron que os alieníxenas estaban a invadir a Terra. A única diferenza: que a DINA era real. A AEMET tamén enviara os seus avisos con anterioridade, pero non todo o mundo os escoitou. Ou quixo escoitalos.
Porque levo moitos días vivindo nas redes sociais, intentando saber, intentando comprender. Na era da información, nunca tan difícil foi informarse. Observo como o lema de «só o pobo salva o pobo» cobra forza. Como o comparten influencers aos que nunca lles interesou a política, pero que agora son case politólogos; outros aos que sempre lles interesou a (mal)política, e que agora aproveitan para usala contra os outros; a aqueles a quen a traxedia afecta directamente e necesitan culpables.
Pero cómpre saber quen é o «pobo», porque ese «só» implica que hai outros que non forman parte dos salvadores. Ese «só» a quen sinala realmente é aos malos. Quen son os extraterrestres orwellianos desta DINA, pregúntome.
Porque «pobo» son as persoas que se mobilizaron para ir axudar; os voluntarios, si, pero tamén os que traballan nisto: bombeiros, Policía, Garda Civil, UME. «Pobo» son aqueles que din que deberiamos pagar menos impostos, pero hoxe botan as mans á cabeza porque o Estado non manda o exército ao completo a Valencia. «Pobo» é a cidadanía que grava vídeos con música melodramática de película de Hollywood coa lama de fondo, buscando concienciar, bágoas, compaixón, engagement ou o que for; a que comparte carteis de desaparecidos e non perde a esperanza; a que saca fotos coas furgonetas que levaron ata as zonas danadas para que todo o mundo vexa que están alí axudando; a que doa o que pode sen importar se o ven ou non; a que ten un minuto para agradecer a Amancio que ceda o 0,003 % da súa fortuna; a que non ten tempo para subir un story porque só limpa, ou chora os mortos, ou simplemente morreu.
Porque «pobo» son as vítimas, desde logo. As de esquerdas, as de dereitas e as do medio. E o «pobo» elixe os seus representantes dentro do «pobo», polo que o presidente do Goberno e o da Generalitat tamén son «pobo». Como o son as persoas que podían dar a alarma e non o fixeron. As que leron as alertas da AEMET e pensaron que non era para tanto. As que cando a DINA aconteceu en Madrid, en setembro de 2023, acusaron o Estado de inmiscirse na vida dos cidadáns porque lles soou unha alarma no móbil. As que daquela ensinaron a apagar o «molesto pitido» [sic] e hoxe claman porque non se activou antes. As que organizan eventos benéficos e se desgravan as doazóns no IRPF. As que aseguran que os medios nos menten en canto a cifras de mortos e logo din que vai haber máis de dous mil. As que decidiron levar nas portadas dos xornais as pelexas políticas e non a situación do Levante. As que afirman que isto é a proba de que o Estado das autonomías non funciona e que é momento de centralizalo todo. As que eliminaron recursos públicos para emerxencias e agora, desde as institucións que xestionan os cartos de todas, poñen un número de conta para a beneficencia. As que decretaron que o Estado de Alarma da COVID-19 foi inconstitucional e hoxe piden que se aplique. As que din que o Rei, que tecnicamente non é «pobo», é máis «pobo» que os pérfidos políticos que nós, o «pobo» real (ou da non-realeza), nos demos entre todos, sexan ou non da nosa mesma ideoloxía. Porque foi o «pobo» quen elixiu os políticos que xestionaron o Prestige, o Yak-42, o 11-M, a riada do cámping Las Nieves de Biescas, os atentados de Barcelona, a pandemia, o volcán da Palma, o accidente de Spanair, o do Alvia, o do metro de Valencia… Porque foi o «pobo» quen os reelixiu a moitos despois destes sucesos.
Hai xente que ten que asumir responsabilidades, desde logo. Pero non son extraterrestres orwellianos, senón que son tan «pobo» coma nós.
E precisamente porque isto non é A guerra dos mundos, senón o noso mundo, o real e o único que temos, non debería ser tan sinxelo que o odio aos demais, aos que segundo nós non forman parte do «pobo» (agora os políticos, pero noutro momento os negros, os pobres, os xitanos, as feministas, o colectivo LGTBQ+…) agrome tan rápido.
Pero de que me sorprendo, se hai persoas que levan anos sementando para que tal cousa aconteza. Esta lama simplemente é o fertilizante que estaban agardando. Porque Errejón non é o único que saca beneficio de todo isto.