Buscavidas

Buscamos vida no sistema solar, alén do celofán da nosa atmosfera. Indicios de auga, talvez bacterias ou quensabequé. Procurámola en Marte, no casquete polar do Sur. E deducimos océanos de auga líquida en Encélado (lúa de Saturno) e Europa (lúa de Xúpiter).

Mentres tanto, nesta Europa terrestre nosa a vida péscase con outras artes. Nun planeta superpoboado e cunha distribución moi desigual en todo, tamén nas taxas de fecundidade, ás veces temos que buscarnos a vida.

Ben, iso sempre. Quero dicir que ás veces queremos buscarnos outra vida que coidar, esa cousa estraña e natural (definamos natural) á que chamamos fillos, cousa que todos somos. Realmente, a vida non a producimos nós: a vida comezou unha soa vez, hai 3.500 millóns de anos, e flúe a través de nós. Dende as algas e os estromatolitos ata ti, que les isto nun pestanexo. E se queremos transmitir o fluxo desa vida baixo certas circunstancias, podemos acabar recorrendo á moi lucrativa rama da ciencia da reprodución humana.

Uterus, Camila Carlow, 2013

Sabemos que hai moitas cousas acontecendo neste intre, cousas que definen esta época á que alguén chamou «evento Antropoceno»: asteroides aos que igual lles cadra extinguir algo, algunha alcaldía acendendo bombillas a esgalla para o Nadal, a sonda Voyager a miles de millóns de quilómetros da especie que gravou ese disco que leva, unha primeira pinga esvarando nun glaciar á deriva, 100.000 millóns de neutrinos a través do teu maimiño mentres les isto, o espiráculo dun narval lanzando un chorro de microplásticos…

Unha muller picándose hormonas no cuarto de baño.

Soa ou en parella ou en poliamor ou en Valdoviño. Está diante do espello cunha xiringa na man. Crávaa do bandullo, conta 1, 2, 3… ata 10. Mañá cedo, unha transferencia embrionaria, en 15 días unha proba de embarazo: a denominada, en argot, Beta, xa que mide en sangue e con fiabilidade a unidade Beta de hCH (hormona gonadotropina coriónica humana, sintetizada pola placenta).

Está diante do espello cunha xiringa na man. Crávaa do bandullo, conta 1, 2, 3… ata 10. Mañá cedo, unha transferencia embrionaria, en 15 días unha proba de embarazo

Nas gabetas da casa amoréanse caixas de folitropina alfa, menotropina menopáusica humana (si, menopáusica, esas ironías da farmacopea), proxesterona ou estradiol. Tamén tiras reactivas de ouriños. Pode levar anos intentándoo, igual é a súa primeira vez.

Imaxe creada pola autora con intelixencia artificial.

A posibilidade de traer criaturas a este mundo foi, durante milenios, motivo de lerias, namoros, escravitude, abortos clandestinos, ruda cabreira e pirixil, mortes, trocos entre liñaxes dinásticas, sacrificios e figuriñas votivas. Foi cuestión de Estado e cuestionamento público.

A cuestión é que xestar debería caer sempre no lado dos acontecementos desexados por parte de quen xesta. Tivo que chegar unha nova perspectiva, unha revolución do público e do privado, e tiveron que chegar liberdades encapsuladas ás farmacias e procedementos aos laboratorios biomédicos.

En privado xa o era hai séculos, pero no eido público a maternidade pasou de ser un feito case incuestionable a esculcarse, discreparse, analizarse, negarse e reivindicarse no espazo duns poucos decenios. Dende unha perspectiva sociolóxica é algo vertixinoso, porén entrou nun xardín necesario a abrir un melón que o pedía: o xénero desvincúlase da idea de proxenie, e a reprodución, do sexo. A nivel tecnobiolóxico suscita investigacións necesarias: Ata cando dura a fertilidade humana? Que podemos facer para optimizala? E tamén preguntas no íntimo: Se non quero fillos agora, poderei cambiar de idea?

Dende unha perspectiva sociolóxica é algo vertixinoso, porén entrou nun xardín necesario a abrir un melón que o pedía: o xénero desvincúlase da idea de proxenie, e a reprodución, do sexo. A nivel tecnobiolóxico suscita investigacións necesarias: Ata cando dura a fertilidade humana? Que podemos facer para optimizala? E tamén preguntas no íntimo: Se non quero fillos agora, poderei cambiar de idea?

*

Aquilo de «crecede, multiplicádevos»que segundo o Xénese Iavé ordenou á parella primordial no Edén– na nosa especie non caeu en saco roto. Pero amodiño. Levounos 70.000 anos (dende a catástrofe volcánica de Toba) pasar dos circa 5.000 exemplares aos 1.000 millóns en 1.800, pero logo apenas 220 anos sumar os 8.000 millóns de (disque) sapiens que somos hoxe.

Quizais por ese mandato bíblico, houbo quen interpretou que crecer era ter fillos e que ter fillos é multiplicarse. No entanto, significa máis ben dividirse. É xusto unha primeira división celular de moitas e non só a nivel celular (as células, ao contrario que as matemáticas, divídense para multiplicárense e viceversa). Desengánate, futura nai na betaespera: a atención, o corazón, a mente, a vida quedarán escindidas. Durante o embarazo o teu cerebro experimentará cambios: a materia gris reducirase, como na adolescencia, o cal pode implicar maior especificación e foco, o hipocampo minguará para logo recuperar o seu tamaño. Pero a singradura e a odisea facédela os dous. Dous cerebros falándose química pura, pura poesía.

Tendo en conta estes últimos 200 anos de subidón demográfico, poderiamos concluír que os sapiens somos bombas sexuais. Ben, non quero quitarlle a ilusión a ninguén, pero en termos de fertilidade a especie humana non é para botar foguetes. Só un 25% dos encontros sexuais finalizan en embarazo, de media. Comparados con corais, coellos, pulgóns do repolo ou peixes lúa (Mola mola) non temos nada que facer. Por sorte. Vivimos moito máis do que podemos ser fecundos. Pasamos menopausias e aí nos tendes, tan ricamente. A «hipótese da avoa» sostén que vivimos sen ovular tantos anos (unha anomalía biolóxica que compartimos con candorcas e belugas) porque nos especializamos en coidar fillos doutras (netos). Vivimos máis porque coidamos máis? Era esa a ecuación da lonxevidade?

A nosa vida prolóngase moito máis do que o mandato reprodutivo esixía. Tan distintos das efémeras (Ephemeroptera), libeliñas transparentes que como adultas abrollan un día de sol, tintinan, poñen ovos e se opacan co solpor. Non só temos unha vida para ter fillos. Podemos coidar a outros, a outras especies animais, vexetais, coidar ou descoidar de nós mesmas sen cambiar un só cueiro na vida. E iso é unha fortuna.

Tal versatilidade de atencións ao longo dunha existencia, fai que a idade das mulleres para ter fillos sexa progresivamente máis serodia. É razoable. Na nosa sociedade de Instagram e falsos autónomos, quen pensa en biberóns aos 25 anos, xusto no noso cumio fértil? Tampouco eu pensaba.

Na nosa sociedade de Instagram e falsos autónomos, quen pensa en biberóns aos 25 anos, xusto no noso cumio fértil? Tampouco eu pensaba

Pero logo, xa preto dos 40, quixen darlle un irmán a un fillo, e facelo solta (solteira). Aí comezou ese «mestrado involuntario» en fertilidade humana da que, aos poucos, fun sabendo.

*

Fonte: This isn’t happiness.

Nos datos do INE de 2021 vemos que en Galicia a taxa de fecundidade é das máis baixas (1,01 fillos por muller) e a idade media dun primeiro fillo en España rolda os 32 anos. E en curva ascendente.

Debido a esa progresiva demora, moitas mulleres e parellas acaban pedindo cita en unidades de reprodución humana de hospitais públicos (ata os 40 anos ou segundo a comunidade autónoma) ou de clínicas privadas (cun límite tácito de 50) para teren un fillo. Actualmente, preto dun 10% de nacidos en España nacen grazas a técnicas de reprodución asistida e todo apunta a que esa cifra aumentará. Entre outras razóns, porque a idade na que nos asalta a alegría de cambiar cueiros anda cada vez máis preto dos 40 que dos 30. A bioloxía e os hábitos sociais non sempre van sincronizados e o que a nós nos resulta comprensible (con esperanzas de vida roldando os 80 anos, a metade da vida, nel mezzo del cammin dantesco, semella racional para plantexarse descendencia), en bioloxía bate coa evolución darwiniana, que vai ao seu galápago ritmo.

Con outro compás vai o que chamamos «idade reprodutiva social», nun arco máis amplo cá biolóxica.

Son nai dun fillo nacido do amor en parella e dun fillo nacido do amor soa, dun fillo da ciencia. No segundo, tiven que enfrontarme a ese proceso (ou odisea ou calvario ou peregrinatio ad loca «clinica») pasando por moitas das peaxes.

Son nai dun fillo nacido do amor en parella e dun fillo nacido do amor soa, dun fillo da ciencia. No segundo, tiven que enfrontarme a ese proceso (ou odisea ou calvario ou «peregrinatio ad loca» «clinica») pasando por moitas das peaxes

Varias son as técnicas actuais en reprodución asistida. Todas caracterízanse polo mesmo: concibir sen sexo. Algo inconcibible para o teu avó alá en Sarria e para Lucy, a australopitheco, con certeza. En ocasións e dependendo do caso, tamén se caracterizan polo seu alto custo en estrés, cartos, tempo e saúde mental. As máis comúns son:

A inseminación artificial é unha das máis simples, menos intrusivas, mais, a partir de certas idades (35/38 anos), non das máis eficaces. Tras unha estimulación hormonal previa, insírese seme da parella ou de doante (un Tinder cunha cánula, algo común nas nosas vacas). Ao ter preparado con mimo de ferreiriño o niño da matriz, se fecunda algún óvulo o embarazo segue normalmente.

A fecundación in vitro ten maiores taxas de éxito cando hai algún problema asociado, malformacións uterinas, endometriose, baixa reserva ovárica, baixo reconto de espermatozoides… ou directamente a idade avanzada (que en reprodución humana rolda os 38 anos).

Hai un ano, compartía coche cunhas poetas máis novas. Falabamos de cartos, sobre todo de cartos, xa que o tema era a literatura, pero tamén de maternidade. Lembro recomendarlles que, de querer ser nais, conxelasen os óvulos. Logo pensei que talvez non fixera ben. Vitrificar óvulos é un proceso invasivo e caro. Os gametos dunha muller de 25 anos son mellores que os de unha muller de 40, isto é indubidable: quere dicir que terán mellores taxas de fecundación, que darán lugar a embrións máis viables, co que a probabilidade de alteracións cromosómicas ou abortos, diminúe. A diferenza dos espermatozoides, que se producen ao longo da vida –e por tanto poden mellorarse con hábitos alimentares ou deporte– os óvulos parten do total ao nacermos e van nunha conta atrás. Chegamos á adolescencia cuns 300.000, pero axiña quedarán uns poucos centos. Non producimos máis. Só nos desfacemos deles (armando esa festa estilo Carrie á que normalmente non vén ninguén e á que chamamos menstruación).

Unha vez, un xinecólogo –se cadra o mesmo que a moitas nos dicía que aos 40 podiamos ter a carrozaría dun Porsche pero o motor reprodutivo dun Seiscentos– explicáramo coa metáfora das laranxas na froitería: a primeira hora da mañá velaí tes as máis fragrantes e boas. Se chegas a última hora, van quedando as que ninguén elixiu, as medio pochas, medio denegridas. Os óvulos aos 40 anos son esas laranxas. As menos laranxas de todas as laranxas. Era un médico dado ás metáforas, que lle imos facer, a min fíxome chiste. Tamén vin mulleres saír con bágoas daquela consulta; entón desexeille un quiste por cada chiste.

Unha vez, un xinecólogo –se cadra o mesmo que a moitas nos dicía que aos 40 podiamos ter a carrozaría dun Porsche pero o motor reprodutivo dun Seiscentos– explicáramo coa metáfora das laranxas na froitería: a primeira hora da mañá velaí tes as máis fragrantes e boas. Se chegas a última hora, van quedando as que ninguén elixiu, as medio pochas, medio denegridas

Se alguén ten claro o de preservar a súa fertilidade, tamén en casos de enfermidade ou tratamentos como a quimioterapia, a vitrificación é un procedemento útil para burlar as leis do tempo. Logo eses oocitos desconxelaranse e seguirán o proceso de fecundación in vitro ou ICSI (inxección intracitoplasmática, coller un espermatozoide das orellas e dicirlle: «Pasa para aquí, fai favor, este é o teu óvulo»).

Fonte: reproduccionasistida.org.

A fecundación in vitro é un proceso caro e máis complexo. Extrae mediante punción os oocitos da muller. É unha especie de colleita de amoras, só que se normalmente producimos 1/2 por ciclo, aquí nos picamos hormonas para ter acios e optimizar a vendima. A punción faise baixo sedación. 15 ou 20 minutos. Na última das varias ás que me sometín, espertara falando noutra lingua (klingon?). Noutra vomitei grazas á anestesia. Non deixa de ser unha intervención en quirófano, entre os misterios sinápticos do propofol e a ketamina.

Os óvulos extraídos en fresco deixaranse nunha placa de cultivo co esperma da parella ou de doante. De aí que se denomine in vitro (no vidro da placa de Petri). E así e todo, apagando as luces e deixándoos sós nun laboratorio, pode que ningún óvulo fecunde. E iso é normal na nosa especie, contrariamente á narrativa popular. Cando fecundan, por certo, disque hai microscópicas ceibas de zinc, como explosións ás que chaman zinc fireworks, fogos artificiais de zinc. No luscofusco interior das nosas anatomías non poden verse.

Cando os óvulos da nai non se poden usar, queda recorrer a unha técnica máis custosa aínda, a ovodoazón: óvulos dunha doante nova que pasou por esa angueira de estimulación/punción oocitaria (cos riscos que comporta e moitas veces con cartos como pago, o cal abriría outro debate). España é un país aberto na lexislación reprodutiva –en Alemaña ou Francia restrínxese a doazón de óvulos– e de aí que devise un destino de «turismo de preñez»: parellas europeas, moitas do colectivo LGTBI, por exemplo, viaxan ata aquí para teren fillos xa que no seu país sería case imposible.

Pensemos agora nunha paisaxe algo Matrix: neste país, a día de hoxe, hai máis de medio millón de embrións conxelados. Sobrantes da técnica in vitro, os pais/nais deciden se se brindan á ciencia, se os manteñen en espera ou se os doan, anonimamente, a outras parellas. Un bosque de blastocistos de 5 ou 7 días, fecundados, vitrificados a -196º C, en tanques e tanques de nitróxeno líquido por toda a xeografía occidental. A adopción de embrións ou embriodoazón é unha alternativa pouco coñecida, bastante máis económica, e con bos resultados.

Disque se pasa un dó: o dó xenético. Na embriodoazón o blastocisto que transferen ao útero non leva ADN dos pais. Mais, cómpre que nos vinculemos a criaturas que compartan xenes connosco? Acaso non amamos cans, amigos, veciñas, árbores senlleiras ás veces máis que a un curmán que nin coñecemos ?

Fonte: ovodonante.com.

A tiranía do ADN fainos pensar e querer en termos xenéticos, pero as familias con nenos en acollida, fillos adoptados, saben que esa é unha das moitas xogadas da nosa psique. De feito, namoramos de persoas ás veces moi afastadas de nós xeneticamente. Iso é o saudable, como ben saben as monarquías. A familia, as filiacións, non son os xenes.

A tiranía do ADN fainos pensar e querer en termos xenéticos, pero as familias con nenos en acollida, fillos adoptados, saben que esa é unha das moitas xogadas da nosa psique

Os embrións destas doazóns desvitrifícanse e transférense ao útero da nai xestante. Hai estudos que sosteñen que, malia non compartiren ADN, si existe unha comunicación química entre embrión e útero, e moléculas de micro-ARN segregadas poden alterar as manifestacións xenéticas, no que se coñece como epixenética (non exenta de escepticismo científico, por certo).

Nos Estados Unidos existe todo un movemento de raíz relixiosa para «salvar» eses embrións: familias xa con fillos de seu, adoptan un, como favor cristián para salvar unha suposta alma. Chámanlles snowflakes (folerpas). Pero non son nenos. Son embrións. E si existen nenos en adopción que precisan familia. De novo unha cuestión bioética.

En embrioloxía «esa bóla de células non é exactamente o núcleo dunha persoa», como nos lembra Philip Ball en Como crear un humano. Ten que acontecer algo case máis delicado que unha fecundación: a implantación dun blastocisto nas paredes do útero, o seu diálogo a soas.

*

A Virxe fiando e a silueta de Xesús non nato, Mestre de Erfurt, c. 1.400.

Cando me atopaba, como Exeria, peregrinando a lugares pouco santos coa pouco santa idea de parir soa, matinaba no bo que sería que parellas e mulleres soubesen algunhas cousas, e que outras se fosen incorporando nos protocolos de saúde reprodutiva.

A primeira cuestión que habemos ter clara é que a fertilidade feminina, é dicir, a probabilidade de ter fillos, desce drasticamente a partir dos 35 anos (non tanto nos varóns). Pode haber casos de mulleres >45 anos dando a luz tras un embarazo natural, pero son esporádicos e, nunha estatística, pouco significativos. Os casos de celebrities grávidas aos 40, aos 45, aos 50 anos… habitualmente agochan técnicas de reprodución asistida que, como xa advertín, non están ao alcance de todas. Implican cartos, tempo, unha férrea disposición e a posibilidade de aceptar un non biolóxico sen que signifique unha derrota. Coñecín mulleres desesperadas, tras 7, 8 anos de tratamentos, arruinadas. Non hai garantía. Isto debe saberse. Hai outras opcións, iso si. O soporte psicolóxico para elas, queden finalmente grávidas ou non, sería esencial. A taxa de abortos tamén é maior, incluídos os bioquímicos (non viabilidade nos primeiros días, tras un positivo). A presión cando se está nun tratamento, con todo o que te xogas, pode ser moi grande.

Coñecín mulleres desesperadas, tras 7, 8 anos de tratamentos, arruinadas. Non hai garantía. Isto debe saberse. Hai outras opcións, iso si. O soporte psicolóxico para elas, queden finalmente grávidas ou non, sería esencial

No meu caso, quedei grávida aos 41 anos e dei a luz con 42, cunhas probabilidades entre un 5-12%. Pasara 2 anos e medio en tratamentos. E gastei emocional e non digamos economicamente todo canto tiña. Fun soa todo o proceso, sen apoio. Xamais recomendaría a ninguén ir así.

En canto a procedementos: un que podería incorporarse a unha rutina xinecolóxica, ben simple, é o reconto de folículos antrais nos ovarios. Nunha exploración con ecografía transvaxinal faise sen problema, só leva uns minutos máis. Ese número é un indicador da reserva ovárica dunha muller e non é habitual que teñamos acceso a tal dato.

Outros serían a medición dalgunhas hormonas en sangue: a FSH (hormona folículo-estimulante), o estradiol, a LH (hormona luteinizante), a prolactina, pero sobre todo a hormona antimülleriana (AMH), un indicador que seica se correlaciona coa taxa de fecundidade, é dicir, as probabilidades dun embarazo a término. Pode solicitarse nunha analítica de rutina e compararse con outros indicadores.

Fonte: AgedPixel, Etsy.

É fundamental atopar un profesional de saúde reprodutiva que nos trate con certa calma, nos infunda confianza como para facer preguntas. Porque sempre temos moitas. O sexo xa non é un tabú dende hai lustros. A fertilidade si.

Virgin Mother, Damien Hirsch, 2005

*

Somos raros. Somos rarísimos. Vivimos neste Antropoceno no que temos o dereito (e é básico) a decidir non termos descendencia cando non a desexamos, e a posibilidade de elixir o momento exacto para tela, mesmo cando os nosos corpos xa din que nanai.

Neste planeta baixo o fráxil celofán da atmosfera, podemos medir o CO2 nun exoplaneta a 700 anos-luz e, asemade, decidir que facer cos nosos corpos. E cando. Non todas, non, depende das coordenadas nas que nazas. Este é un planeta de vida no que o sexo separouse da procreación e a procreación, do sexo. Un mundo que investiga a opción de úteros artificiais para, por exemplo, mulleres sen útero, parellas homosexuais. Úteros etéreos. Maternidade sen nai? A bioética lévanos a deter o paso ante certas perspectivas. Todo vale? Nun mundo aínda cun termo espantosamente inmobiliario para unha realidade triste: os ventres de aluguer, que son tamén úteros da necesidade, escravos.

A bioética lévanos a deter o paso ante certas perspectivas. Todo vale? Nun mundo aínda cun termo espantosamente inmobiliario para unha realidade triste: os ventres de aluguer, que son tamén úteros da necesidade, escravos

Somos raros. E somos moitos. Temos o poder (e a responsabilidade) de traer criaturas a este planeta efervescente no momento oportuno para coidar delas e aprenderlles a coidar doutros seres vivos; incluído o ecosistema no que somos pequena célula nunha inmensa placa de cultivo.

Moitos azos ás mulleres/parellas que coñezo e non coñezo que andan ás voltas cunha FIV. Azos a esa valente que mañá irá cedo, como unha buscavidas, a desprenderse de si, a aferrarse a unha faísca de neve no ventre.

Fonte: Cinco semanas de embarazo. Foto: MYA Network.

E como escribiu a poeta inglesa:

Había unha muller do norte

apañou unha pedra do chan

cando a pedra deu en soñar

foi unha flor pechada nela

 

cando a flor deu o seu froito

foi un círculo cheo de luz

[…]

Alice Oswald

La sorpresa del trigo, Maruja Mallo, 1936

Imaxe da cabeceira: a autora, grávida baixo a Vía Láctea. Foto de Óscar Blanco, 2016

Estíbaliz…Espinosa, Novembro 2022

Escritora. Astrónoma amadora. Nai

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail