No estado español hai 13 millóns de mascotas. A maioría son cans, pero o máis sorprendente desta cifra é que supera o número de crianzas menores de 15 anos.
Neste episodio acompáñanos Iris Gestoso, bióloga, vexetariana e a maquilladora máis riquiña do TikTok en galego. Coñecemos as razóns que levaron a Iris a decidir apostar polo vexetarianismo e tamén o seu punto de vista sobre o que implica convivir con animais de estimación.
Aprendemos como algúns animais se converteron en compañeiros pola súa evolución da man dos seres humanos ao longo da historia, así como por diversos elementos culturais.
Falamos das nosas mascotas, dos vínculos afectivos que se poden xerar cara a elas e tamén analizamos como pode afectarlles a humanización á que algunhas veces son sometidas, tanto positiva coma negativamente.
Por outra banda, debatemos acerca dos problemas de convivencia que poden xerar os animais nas cidades, tales como o ruído ou a acumulación de excrementos en zonas coma parques ou beirarrúas.