Catro meses da morte de Samuel. Cambiou algo?

Apenas uns días despois do peche da investigación policial polo homicidio do mozo enfermeiro coruñés, polo que tres adultos e dous menores permanecen recluídos, o actor Alberte Bello sufriu unha brutal agresión con insultos homófobos en Vigo

A Coruña.- Catro meses despois do linchamento de Samuel Luiz na Coruña, fontes próximas ao caso consideran que a investigación policial ten desvelado carga probatoria suficiente para argumentar diante dun xurado a culpabilidade de quen están detidos pola súa morte. Pero evitan aclarar se esas probas demostran unha motivación de odio nos feitos.

Samuel faleceu tras unha brutal malleira, a patadas, puñadas e mesmo un botellazo na cabeza, na madrugada do pasado 3 de xullo. Os seus presuntos asasinos executárono entre insultos homófobos á saída do pub El Andén, nunha zona céntrica fronte ao paseo marítimo da cidade. A agresión foi captada por varias cámaras de tráfico e polas dos teléfonos móbiles de varios particulares. Samuel e unha amiga súa mantiveran no interior do pub unha discusión con varias das persoas que logo o mataron.

Coa investigación policial pechada, pero coa instrución xudicial aínda aberta, o xuíz mantén en prisión a tres dos catro homes adultos detidos pola súa morte, e nun centro de menores a outros dous mozos. Todos están acusados de participar no linchamento. Unha das posibles evidencias de que se tratou dun crime homófobo foi que varios dos acusados reuníronse posteriormente nun parque coruñes onde, segundo unha testemuña que non os coñecía, un deles xustificou así a agresión: «Puto maricón! Se era un maricón de merda!».

Fotomontaxe coa imaxe de Samuel e co memorial improvisado no lugar da súa morte

Outras dúas testemuñas do caso serán os mozos senegaleses Ibrahima e Makate, os únicos que tentaron auxiliar a Samuel. Luzes- Público tentou contactar con eles en reiteradas ocasións a través dunha ONG local que colabora coa colonia senegalesa da Coruña, pero tanto a policía como os xuíces pedíronlles que non fagan declaracións públicas antes do xuízo.

O martes pasado, o xuíz decretou a liberdade provisoria dun dos encarcerados, detido a finais de setembro e a quen a investigación policial atribúe unha posición «de apoio», e non «de ataque», na malleira. En xullo, a primeira xuíza que empezou a instruír o caso xa deixara tamén en liberdade a unha moza de 19 anos, amiga dos anteriores, a quen non considera partícipe directa nos feitos.

A principios de setembro a Audiencia Provincial da Coruña desestimara unha petición similar da defensa doutro dos mozos adultos detidos. Os maxistrados consideraron que existían «indicios racionais» da súa participación «nunha agresión brutal» que podería chegar a ser cualificada como asasinato, o que podería conlevar para el «unha petición de pena de ata 25 anos de prisión».

Tamén alertaron de que a súa permanencia no cárcere era unha medida «necesaria e proporcional», atendendo á «solidez» da base inculpatoria respecto da súa participación nos feitos e ao risco de fuga e alteración de probas que podería supoñer poñelo en liberdade, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Por iso, os xuíces da Audiencia consideraron necesario «extremar as precaucións para garantir a súa enjuiciameiento».

«O que queremos é que a xustiza sexa xusta con todo o mundo», afirma Ana García Fernández, presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) da Coruña, que se presentou como acusación particular no caso. García prefire non pronunciarse sobre se a investigación policial ten podido demostrar que se tratou dun crime homófobo: «O xuízo vai ser con xurado popular e non queremos influenciar a ninguén nin aparecer como protagonistas de nada. O único que queremos é que a ninguén lle suceda o que lle sucedeu a Samuel», engade. «Ninguén neste mundo debería morrer mallado ao berro de maricón de merda».

Alas presta servizos de apoio e asesoramento ás persoas que sofren agresións homófobas, e hai tres anos constituíu o Observartorio Coruñés contra a LGTBIfobia, que recolle as denuncias de quen as sufra. Só no primeiros seis meses deste ano, case ata a morte de Samuel, rexistraron 43 incidentes, dos que vinte e dous, máis da metade, foron agresións verbais ou físicas. E seguen sumando.

Imaxe da manifestación polo asasinato de Samuel na praza de María Pita da Coruña / Foto: Aitor Neira.

A última foi a sufrida o pasado sábado polo actor coruñés Alberte Bello, quen reside na a localidade coruñesa de Cerceda pero que sufriu outra brutal malleira en Vigo, onde prepara un espectáculo. Un home tirouno ao chan dunha puñada e logo pateouno mentres o insultaba: «Maricón de merda! Maricona!». A denuncia de Vello está mans da área especializada en delitos de odio da Fiscalía de Pontevedra, pero a policía aínda non puido deter a ninguén polo caso.

Ana García recoñece que o crime de Samuel permitiu visibilizar que a violencia homófoba é unha realidade que sofren a diario miles de persoas. Segundo o informe anual do Observatorio relativo ao 2020, un 8% das persoas LGTBI enquisadas en España sufriron agresións físicas ou verbais, e un 20% padecen ou padeceron discriminación no seu ámbito laboral. Dentro do colectivo trans, un 63% síntense disriminadas dalgunha u outra forma na súa vida cotiá.

«Fai falta máis compromiso das institucións, porque o discurso do odio está a campar ás súas anchas por elas, e o de Samuel foi a máxima expresión desa violencia. Podía ternos pasado a calquera de nós», advirte a portavoz de Alas. «O que queremos é a morte de Samuel non fose en balde», conclúe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail