Na miña próxima vida quero ter un fillo como Pablo Alcaide. Se non é posible entón querería vivir nun lugar onde os políticos actúen coma este mozo. Mentres nas rúas de moitas cidades do país os matóns da ultradereita estiveron facendo practicas de fascismo, que parecen sacadas dos libros elementais cos que se instruían os camorristas franquistas; chega este raparigo e déixaos en zapatos castellanos e calzóns cun par de frases. As palabras deste rapaz explicando que quixo limpar as rúas porque a súa nai é barrendeira e sabe o que é dobrar os cadrís para poñer un prato na mesa, conteñen máis coraxe e patriotismo que todas as bandeirolas rojigualdas que Abascal, Ayuso e os seus secuaces poderán izar no seu patético teatro político polos séculos dos séculos. A lección exemplar deste rapaz parece sacada de Momo ou de Harry Potter. Diríase que só os mozos que aman a súa terra comprenden o poder inmensurable dunha vasoira.
Abascal utiliza o abecé que levou a Hitler ao poder. Un día encomia o vandalismo dos que deciden queimar mobiliario urbano e enfrontarse á policía; e horas máis tarde eloxia a esa mesma policía que trata de manter a orde e arrestar aos seus cachorros.
Primeiro enunciado (toma nota Abascal): cando non se pode ter algo que se ama, non hai que destruílo senón coidalo, por iso se ama. Enténdase que para os fascistas «algo» pode ser substituído invariablemente polas palabras: muller, goberno ou España. Abascal e os seus pandilleros abanderados parecen rexerse por aquel vello slogan de «mateina porque era miña». (Os fachas e o machismo son como a fotosíntese e a clorofila.) Mentres a maioría dos medios de comunicación refusan chamar ao fascismo español polo seu nome, Abascal utiliza o abecé autócrata que levou a Hitler ao poder, coma se puxese as zapatillas de andar por casa. Un día encomia o vandalismo dos que deciden learse a tirar lastras, romper e queimar mobiliario urbano e enfrontarse á policía; e horas máis tarde eloxia a esa mesma policía que trata de manter a orde e arrestar aos seus cachorros.
Iso mesmo xa o fixeron os ditadores dos anos 30, igual que logo o fixo Milosevic na guerra dos Balcáns e tamén o estivo facendo Trump, durante o últimos catro anos. Dividir, disfrazar a verdade, enfrontar, sementar odio, mentiras e medo son as vogais do totalitarismo. Rachar o balón de fútbol ao que non che deixa xogar con el é a solución que usa o ignorante cando non consegue articular palabra. A charlatanería da ultradereita daría risa senón dese tamén medo. Os camorristas son o machito malcriado que explota cando a súa noiva se farta de escoitarlle sandeces e decide agarrar a porta. «Mateina porque era miña». A confusión de Vox é que se cre que España lle pertence e que a bandeira é súa. E se non, navallada. Con todo, neste país non viven só privilexiados de apelidos amidonados. Neste país tamén viven persoas solidarias, construtivas, bruxas e barrendeiras, xentes con sentido común, como este rapaz, Pablo Alcaide, que cun xesto e un discurso tan sinxelo alumounos o futuro máis brillante e esperanzador ao que puido aspirar España no últimos oitenta anos: que un adolescente se erga cedo un domingo pola mañá para limpar as rúas da súa cidade arruinadas polo fascismo disfrazado de patriotismo, quere dicir que por fin, alguén ama a este país. Grazas Pablo! Habemus futuro.
Este ano mercáronse 17 millóns de armas nos Estados Unidos. A cifra de venda máis alta na historia do país disparouse, debido ao medo que os asolagou, grazas a un presidente que utiliza o terror como principal medio de sustentar a súa popularidade e gañar votos.
As bandeiras que usan Ayuso e Abascal coma se fosen variñas máxicas non lles pertencen. Son bandeiras de España e pertencen a este país, ao que representan e non a unha cuadrilla que nos quere reducir a un chovinismo cheirento, implementado por un puñado de matóns pendencieiros. Patriotismo é amar a terra dun. Os camorristas fachas son como eses toureiros que aman tanto aos touros, que os matan torturándoos lentamente. Vox insiste no seu programa de destrución e barullo social igual que o trumpismo estadounidense. Fai un intre lin que durante este ano se mercaron 17 millóns de armas nos Estados Unidos. Segundo os expertos, a cifra de venda máis alta na historia do país disparouse, debido ao medo que os asolagou, grazas a un presidente que utiliza o terror como principal medio de sustentar a súa popularidade e gañar votos. Oxalá que en España sexamos bruxas audaces e só nos toque apañarnos con millóns de vasoiras.