A alternativa de despavimentar e renaturalizar

Hai un movemento que se vai estendendo polos países e cidades onde existe maior sensibilidade ante o quecemento global que está a desecar e esfolar os espazos naturais de vida. Ese movemento é o da despavimentación ¶

Haberá, de entrada, xente que se alporice e logo faga chanza desta proposta. O asfaltar as vías públicas foi, e segue a ser, a política estrela de moitas corporacións públicas. Farois e pavimentación tradúcense en votos case automaticamente. E até hai nada, o asfaltado e ampliación dunha rúa ou avenida podía xustificar a tala brutal das pasaxes de sombra concibidas polos bos antepasados ¶

Tampouco foron poucas as cidades onde os políticos fósiles sepultaron con asfalto as liñas de tranvías, esa saudade de futuro. Mesmo houbo cidades, e foi o caso da Coruña dos anos sesenta, onde se fixo desaparecer o único río «urbano», o río Monelos, que atravesaba campos, hortas e históricos arrabaldos, até desembocar na baía. Coa hipócrita desculpa de que estaba moi contaminado e provocaba cheas en inverno, entubárono e convertérono en invisíbel. O que estaba «contaminada» era a política urbanística. O río «rexurdiu» no filme Esquece Monelos, de Ángeles Huerta. As salas onde se proxectou estaban ateigadas por xente moza que ía ver o río roubado. Agora hai un movemento para conseguir que o río underground volva á luz, aínda que sexa en parte ¶

É inquedante que dende a Xunta se fale de facer máis encoros, cando o que cómpre facer é protexer de verdade os mananciais, regatos e ríos, que están a desaparecer desecados pola masa forestal do partido único do eucalipto ¶

En poucos anos, e en cidades pioneiras, como é o caso de Portland, en Estados Unidos, o movemento Depave conseguiu despavimentar miles de metros cadrados de asfalto e formigón e substituír e renaturalizar eses espazos públicos con terra, vexetación e humidais. Hai moita inacción ante o cambio climático, debido ao poder intimidatorio do negacionismo, do directo ou dos poderosos lobbies camuflados ¶

A humanidade non pode perder máis tempo. Estase a piques de sobrepasar todos os límites planetarios. En 2026, segundo o Instituto de Resiliencia de Estocolmo, xa se sobrepasaron nove dos dez baremos principais. Mais o poder fósil tampouco está disposto a perder o tempo. O capitalismo impaciente é cada vez máis impaciente. E como di Santiago Alba Rico, o capitalismo pasou de ser un sistema optimista a un sistema «túzaro», enfurruñado. Non só se define polo que pretende, senón por aquilo que odia, como é o ecoloxismo. Por iso ten un gran valor simbólico, de potencia politica e poética, cada metro cadrado de despavimentación ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail