A Coruña.- O Partido Popular vén de iniciar unha campaña promocional do seu presidente e candidato á Xunta, Alfonso Rueda, que cheira de lonxe a adianto electoral. E aínda que o presidente do Goberno autonómico nega que teña intención de facelo, tanto no seu partido como na oposición prepáranse para que os comicios autonómicos, previstos para xullo do ano que vén, se celebren antes desa data.
Segundo unha fonte do PPdeG que prefire gardar o seu anonimato, a investidura errada de Feijóo «trastornou» os plans de Rueda, que barallaba celebrar as eleccións este mesmo outono se o partido tivese obtido unha vitoria rotunda o 23J que lle permitise aproveitar a previsible onda ao seu favor que supoñería ter a Feijóo na Moncloa. «Non foi así, e agora o máis probable é que espere [Rueda] a ver que sucede coa investidura de Sánchez e a se hai ou non repetición electoral», engade esa persoa.
Á espera do que suceda na investidura do líder socialista, Rueda xa tomou posicións. O pasado domingo iniciou un roteiro en autobús co que, baixo os lemas «Galicia non para!» e «Caña con Rueda», pretende percorrer varias localidades da comunidade para manter encontros informais coa cidadanía, cervexa sen alcol mediante, e coñecer así de primeira mans os «problemas reais» dos seus gobernados.
«O máis probable é que Rueda espere a ver que sucede coa investidura de Sánchez e a se hai ou non repetición electoral»
Ese mesmo día pola tarde, o presidente da Xunta deixouse fotografar xunto a Juan Carlos I e Elena de Borbón no Náutico de Sanxenxo na entrega de premios a regatistas. O luns á primeira hora, o seu equipo puxo en marcha a web rueda.gal, na que os internautas poden enviarlle suxerencias e, supostamente, optar a tomarse esa caña sen alcohol con el.
Ademais, o presidente da Xunta leva semanas anunciando medidas típicas dos períodos electorais, por exemplo bonos para descontos en comercios e axudas de 120 euros para que as familias con fillos deportistas poidan adquirir equipamento ou financiar gastos federativos. Este mesmo martes anunciou desde un concesionario de vehículos de ocasión unha rebaixa do 8% ao 3% no imposto autonómico que grava a compra de coches de combustión de segunda man.
Ana Pontón (BNG): «É propaganda electoral ineficaz»
«É outro anuncio propagandístico máis», asegurou pouco despois a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para cuestionar que Rueda pretenda «tapar a súa ineficacia contra a crise económica con medidas de moi pouco alcance» e, afirmou, carácter máis populista que de verdadeira utilidade.
As enquisas auguran que o Bloque é a única forza con representación parlamentaria que subiría nas autonómicas, e o seu líder a única candidata con posibilidades de disputarlle a Rueda a Presidencia da Xunta no caso de que este non fose capaz de revalidar a maioría absoluta que herdou de Feijóo.
Fontes do seu partido engaden ademais que un adianto electoral non lles collería por sorpresa, porque xa tiñan «preparado ese escenario» se Feijóo alcanzase a Presidencia do Goberno, e engaden ademais que o Executivo autonómico está «esgotado, amortizado e finiquitado».
As enquisas auguran que o Bloque é a única forza con representación parlamentaria que subiría nas autonómicas
O PP, pola súa banda, responde que a data das autonómicas «fixarase en función das necesidades de Galicia», e subliña que se Rueda quixese mirar só polos seus propios intereses tería feito «coincidir as autonómicas coas xerais, o pasado 23 de xullo: polas perspectivas do noso partido e pola situación dos outros». «Pero só era o momento do PPdeG, non de Galicia», destacan as fontes oficiais do partido, que critican «as urxencias que parecen ter o Bloque Nacionalista Galego e o PSOE, no caso dos Socialistas sen contar sequera cun candidato».
Mal momento do PSdeG de González Formoso
O certo é que un adianto electoral si que collería ao PSdeG nun mal momento. O partido aínda arrastra unha seria división interna e aínda non designou un cabeza de cartel tras o paso atrás de facto do seu secretario xeral, Valentín González Formoso. En maio pasado preferiu revalidar os seus cargos de alcalde das Pontes e presidente da Deputación Provincial da Coruña. A lei electoral galega veta expresamente que os alcaldes, presidentes de deputación e deputados provinciais poidan adquirir a condición de deputados autonómicos e, por tanto, optar á Xunta.
As quinielas dan por feita a alternativa de José Ramón Gómez Besteiro, exsecretario xeral do partido e exdelegado do Goberno, a quen se lle supón o respaldo de Pedro Sánchez sen que, con todo, este ofrecese en público ata a data ningún xesto explícito que sustente esa aposta. Outro dos candidatables é o ministro de Sanidade e exalcalde de Ames (A Coruña), José Miramontes.
De celebrarse primarias poderían xurdir nomes da contorna do antecesor de Formoso, Gonzalo Caballero
Luzes-Público tratou de obter da executiva do PSdeG unha valoración das circunstancias anteriores, pero non obtivo resposta. Tampouco sobre a posibilidade de que se reabra o proceso de primarias anunciado por González Formoso para o pasado mes de setembro e suspendido pola dirección federal ata a investidura de Sánchez.
De celebrarse primarias poderían xurdir nomes da contorna do antecesor de Formoso, Gonzalo Caballero, quen si respondeu a Luzes-Público. «Debemos entender a mensaxe que nos deron os cidadáns nas municipais e nas xerais [o PSOE perdeu en Galicia un 3,7% de voto nas locais de maio con respecto a 2019, case o triplo que a media do partido no Estado; e caeu un 1,65% nas xerais mentres o voto socialista en España crecía un 3,45%]».
«Temos que acertar e recuperar os avances que rexistramos na etapa anterior», sostén Caballero, quen aventura que o proxecto socialista na comunidade debe articularse ao redor de cinco eixos: «Ética, esquerda, galeguismo, ecoloxismo e feminismo». «E debemos armalo canto antes, porque o adianto electoral é unha posibilida certa», conclúe.
A Xunta non dá pistas
Quen se atreve aventurar unha data para a celebración anticipada das autonómicas galegas apostan polos meses de xaneiro ou de marzo –o PNV tamén baralla este último mes se o lekendakari Íñigo Urkullu decide adiantar as de Euskadi, e xa é case unha tradición que as dúas comunidades voten o mesmo día–. Pero as fontes oficiais da Xunta non dan pistas sobre iso e inciden no argumentario do partido.
«A oposición pide eleccións pensando nos seus propios intereses partidistas e dilemas internos, pero Galicia votará cando máis conveña aos intereses das galegas e galegos», indican, subliñando a necesidade de que «fronte ás turbulencias e incertezas do panorama nacional», Galicia se blinde «como esa illa de estabilidade que é desde hai anos».
«Galicia votará cando máis conveña aos intereses das galegas e galegos»
As mesmas fontes engaden que Rueda está centrado «en gobernar», en preparar o debate sobre o Estado da Autonomía que se celebra a próxima semana e en sacar adiante os orzamentos galegos para 2024, tarefa para a que, aseguran, non están a contar coa «información básica para elaboralos que debería remitir, e non remite, o Goberno central».
Ademais de todas esas tarefas, con todo, Rueda tamén ten tempo para deseñar a súa imaxe política para un electorado fronte o que non goza do carisma, o coñecemento e a valoración da que gozaba Feijóo. Por iso, quizá, comezoua usar as mesmas armas que tan exitosas lle resultaron ao seu antecesor.
«A pintar a mona» na TVG
O pasado luns, Rueda fixo público na súa conta de X, o antigo Twitter, que este xoves irá pintar «a mona» a Land Rober Tunai Show, un dos espazos de maior audiencia da canle pública autonómica, a mesma cuxos traballadores levan anos denunciando represalias por denunciar que os medios públicos foron postos ao servizo dos intereses do PP.
Trátase dun programa de humor, espectáculos e entrevistas amables e desenfadadas nas que o entrevistado ten oportunidade de ofrecer unha imaxe próxima e divertida, e que Feijóo tamén frecuentaba. O curto promocional da Televisión de Galicia copia a idea e a estética doutro similar que o PP distribuíu en decembro pasado, e que presentaba a Rueda percorrendo Galicia en moto para felicitar as festas á parroquia que se ía atopando, con cameo incluído de Mariano Rajoy.
Quen dixo medo? 😏 https://t.co/SvJixvcTlQ
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) October 2, 2023