O Goberno de Sánchez apela agora unha norma xa derrogada para defender aquela decisión, que regalou 25 anos máis á concesionaria da vía e que motivou un procedemento de infracción que a Comisión Europea vén de abrirlle a España
A Coruña.- O Goberno de José María Aznar sabía que a prórroga de 25 anos que concedeu no ano 2000 á concesionaria da Autoestrada do Atlántico para que seguira cobrando peaxes, e que motivou un expediente de infracción da Comisión Europea, era ilegal e contraria non só á lexislación europea, senón tamén á española. Por esa razón, modificou a lei que impedía estender a concesión só catro días antes de privatizala, e tras garantir que as empresas que ían explotala -hoxe faino Itínere- poderían manter as peaxes ata o ano 2048.
A AP-9 vertebra o eixo atlántico de Galicia desde Ferrol ata a fronteira portuguesa, con tarifas que os seus usuarios consideran abusivas tendo en conta que a estrada xa esta máis que amortizada. Empezouse a construír con Franco aínda vivo e o seu primeiro tramo (A Coruña-Santiago) inaugurouse en 1979. Segundo o acordo inicial de explotación, estaba previsto que fose liberada de peaxes no 2012. Pero o Goberno de Adolfo Suárez ampliou o prazo ata o 2013, o de Felipe González ata o 2023, e o de Aznar ata o 2048.
O Executivo do PP, con Rafael Arias Salgado dirixindo o Ministerio de Fomento, fíxoo amparándose na suposta necesidade de compensar á concesionaria, a antiga Empresa Nacional de Autoestradas ( ENA), polas obras de ampliación dun tramo de pouco máis de 9 quilómetros -a autoestrada ten 200- entre Fene e Ferrol.
Bruxelas considera que as prórrogas de González e Aznar contraviñeron as normas comunitarias porque se adxudicaron sen sacar de novo a concesión a concurso, ao que estaban obrigados pola a directiva europea de 1993 sobre procedementos de adxudicación de contratos públicos. Pero é que ademais a decisión do Goberno do PP vulneraba tamén a lei española de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión. Tras ampliar os prazos ao 2048, cun informe favorable do Consello de Estado que, sorprententemente e sendo vinculante, obviou referencia algunha á norma que debía telo impedido, e mentres planeaba a venda da concesionaria a Sacyr, o Goberno de Aznar derrogou aquela norma.
O apartado 25.2 da citada lei, que data de 1972, pero que foi modificada en 1996, en 1997 e no 2003, establecía no 2000 que só se podería prorrogar a concesión da explotación da autoestrada «excepcionalmente» e coa condición de que, entre outros requisitos, se garantise que a ampliación se adxudicaba «mediante un concurso aberto».
O 24 de maio do 2003, sábado, con Francisco Álvarez Cascos á fronte do Ministerio de Fomento, o Boletín Oficial do Estado publicou a Lei 13/2003 do 23 de maio, reguladora do contrato de concesión de obras públicas, que na súa disposición derrogatoria única eliminou dunha plumada ese artigo 25.2 sen motivar, argumentar nin dar publicidade á decisión.
O mércores 28 de maio, apenas catro días despois, o presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, Ignacio Ruiz-Jarabo, anunciou a venda de ENA a un consorcio liderado por Sacyr, a construtora de Luis del Rivero, quen acabaría imputado pola Audiencia Nacional na trama Gürtel por financiar ilegalmente ao PP.
O máis rechamante do caso, con todo, é que o Goberno de Pedro Sánchez segue defendendo agora a decisión de Aznar, e mesmo mentindo para xustificala.
Aínda que Bruxelas non comunicou oficialmente a apertura de expediente sancionador a España ata a semana pasada, o Executivo sabíao desde hai case un ano, cando a Comisión Europea emprazouno a explicar as condicións da prórroga das peaxes. Así llo recoñeceu o Goberno ao deputado de Unidas Podemos-Galicia en Común-En Comú Podem Antón Gómez Reino, nunha resposta parlamentaria datada o pasado 2 de febreiro. Na súa pregunta, o deputado alertaba de que a decisión de Aznar vulneraba a normativa europea, e que a concesión debería ser anulada e as peaxes, suprimidas.
O Ministerio, que en febreiro aínda dirixía José Luis Ábalos, recoñece na súa resposta que coñecía desde novembro do 2020 a intención da Comisión Europea de tratar co Goberno «posibles procedementos de infracción relacionados coa AP-9». Por ese motivo, celebrouse unha reunión en decembro pasado con técnicos da Comisión, a quen o Ministerio remitiu mes e medio despois un informe que «viña concluír que a Administración Xeral do Estado adecuouse en todas as actuacións» sobre a autoestrada ás leis españolas e europeas.
Di o Ministerio que a prórroga do ano 2000 axustouse «á lexislación vixente do momento», e cita expresamente aquel artigo 25.2 que o Goberno de Aznar derrogou no 2003. Pero o certo é que é que o apartado a) dese precepto, precisamente o que xustificaría a ampliación da concesión a condición de que a autoestrada non tivera sido «obxecto dunha ampliación anterior», como xa sucedera coas decisións de Suárez e González, fóra derrogado en 1997 por Arias Salgado.
Así o recolle unha disposición adicional da Lei de Medidas Fiscais, Administrativas e da Orde Social dese ano: «Suprímese o apartado a) do artigo 25.2 da Lei 8/1972, do 10 de maio, na súa redacción dada na Lei 13/1996, do 30 de decembro, de Medidas Fiscais, Administrativas e da Orde Social». De novo, a redacción obvia os argumentos que deberían xustificar a decisión na exposición de motivos da norma, á que non se lle deu máis publicidade que a aparición no BOE dese pequeno párrafo perdido entre as centos de disposicións dunha lexislación que, por certo, nada tiña que ver coas concesións das autoestradas públicas.
É dicir, que nin o Goberno de Aznar nin o Consello de Estado no seu ditame o ano 2000, nin o Goberno de Sánchez na súa respostas do pasado mes de xaneiro á Comisión Europea e de febreiro a Gómez Reino, aplicaron as normas europeas e españolas vixentes que deberon ter liberada de peaxes a autovía.
Desde o ano 2013 os galegos pagaron máis de 1.100 millóns de euros en peaxes que poderían ser reclamados, segundo defenden os partidarios da liberación da autoestrada
Aínda por riba, o Ministerio alega agora na súa resposta parlamentaria ao deputado que no que se refire a «recuperar a xestión da Autoestrada do Atlántico cando finalice a concesión en 2023, debe indicarse que o prazo da citada concesión non finaliza nese ano senón no ano 2048, polo que obviamente non pode preverse cal será a intención do goberno existente nesa data». De non ser pola seriedade que se presupón ao tema tratado, podería intepretarse o ton do Ministerio como inxustificadamente irónico e socarrón.
O certo é que desde o ano 2013 os galegos pagaron máis de 1.100 millóns de euros en peaxes que poderían ser reclamados, segundo defenden os partidarios da liberación da autoestrada, por aqueles usuarios que aínda conserven recibos ou facturas dos seus dispositivos electrónicos de pago que proben que os abonaron. E que, dado que as ampliacións das concesións en moitas outras autoestradas de pago privatizadas en España durante os gobernos de Aznar fixéronse seguindo o mesmo modus operandi que coa AP-9, as reclamacións poderían multiplicarse se a Comisión Europea tamén os declara ilegais.