Rafael Louzán denuncia o líder de Podemos en Galicia por relacionalo coa corrupción

Rafael Louzán, hoxe presidente da Federación Galega de Fútbol pese á sentenza que o condena a dous anos de cárcere por fraude e prevaricación, reclama 15.000 euros a Antón Gómez Reino por vinculalo con ese caso no debate das autonómicas do ano pasado.

A Coruña.- O expresidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen hai menos de sete meses foi condenado a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude no marco da operación Patos, denunciou nos tribunais o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, por vinculalo, precisamente, con eses casos de corrupción polos que foi investigado, xulgado e declarado culpable.

Os feitos remóntanse a xullo de 2020, cando Gómez Reino, candidato á Presidencia da Xunta, participaba no debate electoral das eleccións autonómicas galegas retransmitido en directo pola Televisión de Galicia. Nun momento do mesmo, o deputado dirixiuse nestes termos ao presidente da Xunta e aspirante do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo:

«Vou ler unha serie de casos de corrupción: caso Baltar, caso Campión, caso Carioca, caso Gürtel co señor Pablo Crespo, vostede coñéceo ben. Naseiro, Orquestra, caso Patos, Rafal Louzán, caso Pokémon, Zeta, Pémex… Coñece vostede todo isto? Estes son casos de corrupción. Casos de corrupción e de portas xiratorias do PP. Non coñece ao señor Pablo Crespo? Non coñece vostede a Rafael Louzán? Agora non o coñece! Igual que ao señor Marcial Dorado».

Na demanda de conciliación previa á querela criminal que os representantes legais do expresidente provincial do PP de Pontevedra presentaron nun xulgado da Coruña, e á que tivo acceso LuzesPúblico, aseguran que as afirmacións vertidas por Gómez Reino «son rotundamente falsas e atentan gravemente contra o señor Louzán, a súa dignidade e a súa honra, imputándolle delitos polos que nunca foi condenado (nin xulgado)».

Gomez Reino tras o debate electoral de 2020 / Foto: TVG.

«En síntese, acúsao de ser un corrupto. Acúsao de ser un delincuente da mesma clase que Pablo Crespo e Marcial Dorado», aseguran os avogados de Louzán, en referencia ao extesoureiro do PP de Galicia condenado a 28 anos de cárcere por varios casos de corrupción, e ao narcotraficante encarcerado por tráfico de drogas con quen Feijóo compartiu en máis dunha ocasión vacacións e viaxes en iate.

O certo é que, a pesar do que di a súa representación legal na demanda, Louzán si foi xulgado e condenado pola operación Patos, na que a Fiscalía os acusou a el, cando era presidente da Deputación de Pontevedra en 2011, e á entón alcaldesa de Moraña e posteriormente delegada da Xunta na provincia, Luisa Piñeiro, tamén do PP, de conceder unha subvención para realizar unhas obras que xa foran executadas previamente.

Segundo a xuíza, a Deputación aceptou, con coñecemento de Louzán, dar unha subvención de 86.618 euros para a mellora dos vestiarios e as bancadas do estadio, unha obra que xa se realizara, para compensar así o sobrecusto no que a adxudicataria incorrera, en idéntica cantidade, noutro proxecto distinto: a instalación de céspede artificial, cuxo custo, por tratarse tamén dunha obra tamén subvencionada, non podía exceder o orzamento inicial.

Louzán e o resto dos condenados, segundo a sentenza, idearon «un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar á empresa o importe que reclamaba». A maxistrada subliña que Louzán «sabía de primeira man, por visitar o campo con motivo do anterior proxecto, tamén subvencionado pola Deputación, que canto menos a maioría das obras para as que aprobou unha nova subvención xa estaban executadas». Iso, di a xuíza, «evidencia unha vontade manifesta en contra da legalidade, sabendo que a subvención que concede é claramente arbitraria e contraria a dereito».

Louzán chegou a ser un dos baluartes do PP en Pontevedra na época en que algunhas das máis altas institucións do Estado e de Galicia estaban en mans de membros do PP naturais desa provincia: o presidente do Goberno, Mariano Rajoy; a presidenta do Congreso e exministra Ana Pastor; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o seu vicepresidente, Alfonso Rueda; Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia… Tras as eleccións municipais do ano 2015, o PP perdeu a Deputación de Pontevedra, pero Louzán atopou abrigo á fronte da Federación Galega de Fútbol ( FGF).

Imaxe previa ao debate de 2020 / Foto: TVG.

Tras a sentenza do xulgado de Pontevedra, Luisa Piñeiro anunciou que dimitía do seu cargo á fronte da Delegación da Xunta, pero Louzán negouse a deixar a Federación alegando que tiña recorrida a súa condena. Ten «o convencemento claro», segundo manifestou nun comunicado en febreiro, de poder demostrar a súa inocencia na apelación, sobre a que debe pronunciarse agora a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Louzán e Gómez Reino veranse as caras este luns nos xulgados da Coruña. Será no acto de conciliación previo á presentación da querela criminal que o expresidente da Deputación de Pontevedra presentará se o secretario xeral de Podemos Galicia non acepta, entre outras cousas, admitir que as súas declaracións no debate electoral sobre a súa implicación na operación Patos «son falsas e carentes de todo rigor»; enviarlle a Louzán unha carta manuscrita pedindo desculpas; facer o mesmo en directo e en horario de máxima audiencia na TVG; e, ademais, indemniazalo con 15.000 euros.

Fontes próximas a Gómez Reino, quen tamén ocupa a Presidencia da Comisión de Traballo do Congreso dos Deputados, indicaron que non ten intención algunha de acceder a esas reclamacións, e que se reafirmará en que cando as fixo Louzán estaba a ser investigado por un caso de corrupción polo que posteriormente foi xulgado e finalmente condenado.

LuzesPúblico tentou contactar con Rafael Louzán para que puidese explicar por que considera que non foi xulgado e condenado por un asunto polo que efectivamente si foi xulgado e condenado; para saber por que tardou máis dun ano en presentar a súa denuncia; e se os custos do seu asesoramento legal os asume el ou a Federación. Pero non puido obter resposta a esas preguntas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail