A nova era do lume: os días de risco extremo de incendios duplicáronse desde 1981

A Coruña.- As lapas que este verán arrasaron decenas de miles de hectáreas entre Ávila e Madrid no maior incendio rexistrado no Estado español desde que existen estatísticas —unhas 50.000 hectáreas calcinadas só nesta última provincia, case cinco veces a superficie da cidade de Barcelona— non foron unha desgraza illada. Nin o incendio da Vall d’Uixó, que devorou preto de 96 quilómetros cadrados en Castelló; nin o xigantesco incendio da Gironda francesa, que abrasou ás portas de Burdeos unha extensión equivalente a catro veces a superficie urbana de París. Non foron, segundo a ciencia, froito dunha serie de desgrazas catastróficas inconexas, senón dun cambio moito máis profundo que está a transformar o clima do sur de Europa.

Esa é a conclusión dun estudo científico internacional publicado na revista Scientific Reports, asinado por investigadores das universidades de Santiago de Chile, Groningen (Países Baixos) e Colorado Boulder (Estados Unidos), da Axencia Xaponesa para a Ciencia e a Tecnoloxía Mariño-Terrestre e da Axencia Estatal de Meteoroloxía de España, entre outras institucións. Tras analizar máis de catro décadas de datos meteorolóxicos e estatísticas oficiais de incendios en Portugal, España, Francia, Italia e Grecia, os autores conclúen que o sur de Europa «está a entrar nunha nova etapa caracterizada por un risco extremo de incendios».

A mensaxe máis contundente do estudo baséase nun dos seus achados máis inquietantes: o número de días de verán con condicións meteorolóxicas extremas para a ignición e a propagación do lume duplicouse desde 1981 en amplas zonas da península Ibérica e do resto do Mediterráneo occidental. É dicir, aínda que os incendios sigan comezando por unha faísca, un raio, unha neglixencia ou un accidente, atopan cada vez un escenario moito máis favorable para converterse en catástrofes difíciles ou imposibles de controlar.

A advertencia chega apenas uns días despois de que o xefe da Unidade Militar de Emerxencias (UME), o tenente xeneral Francisco Javier Marcos, resumise cunha frase o cambio de paradigma que describen os científicos: «Os grandes incendios forestais non se poden atacar, só nos podemos defender». Para os autores do estudo, esa sensación compartida por quen combate o lume sobre o terreo ten unha explicación obxectiva: o clima está a empurrar os incendios cara a unha nova dimensión.

Menos incendios, pero moito máis destrutivos

O paradoxo que describen os investigadores é que, ao contrario do que podería pensarse ao ver as imaxes de Ávila, Madrid, Zamora ou Burdeos, no sur de Europa prodúcense hoxe menos incendios ca hai corenta anos. As campañas de prevención, a mellora dos sistemas de vixilancia, o endurecemento da lexislación, a redución das queimas agrícolas e a profesionalización dos dispositivos de extinción conseguiron diminuír de maneira sostida tanto o número de lumes como, en moitos países mediterráneos, a superficie media queimada. Porén, eses avances empezan a quedar neutralizados por un clima que converte calquera incendio nunha ameaza potencialmente descontrolada.

Os autores do estudo atribúen esa transformación ao aumento sostido das temperaturas provocado polo cambio climático, á maior frecuencia e intensidade das ondas de calor e á diminución das precipitacións estivais. A súa análise conclúe que en amplas zonas de España, Portugal, Francia, Italia e Grecia, incendios que hai unhas décadas podían ser contidos hoxe rematan escapando a calquera capacidade de extinción.

Imaxe de arquivo dunha manifestación celebrada en Vigo polos incendios forestais / M. G.

O ocorrido o verán pasado en Galicia e León foi outro sinal dese novo escenario. O incendio de Larouco, entre Ourense, Lugo e o Bierzo leonés, converteuse no maior da historia de Galicia e nun dos máis extensos xamais rexistrados en España, cunha superficie afectada superior ás 35.000 hectáreas. Xunto cos grandes incendios de Chandrexa de Queixa, Oímbra e outros focos na provincia de Ourense, aquel verán converteu 2025 nun dos peores anos da serie histórica.

O mesmo patrón repetiuse no Bierzo e en Estremadura, onde varios grandes incendios se propagaron baixo condicións extremas de calor, seca e vento. Pero non foi só unha cuestión de superficie queimada. Os equipos de extinción describiron comportamentos do lume pouco habituais: lapas de decenas de metros de altura capaces de xerar a súa propia dinámica con independencia do vento; enormes focos secundarios a centos de metros da fronte principal; cambios bruscos de dirección que rompen as regras tradicionais coas que os operativos levaban décadas traballando… Esa perda de capacidade de predición é, precisamente, unha das consecuencias que o estudo vincula ao incremento dos episodios de meteoroloxía extrema favorable aos incendios.

Unha paisaxe preparada para arder

Para chegar a esas conclusións, os investigadores recorreron a un dos indicadores máis utilizados polos servizos meteorolóxicos e os organismos de protección civil de todo o mundo: o fire weather index (FWI), ou índice meteorolóxico de risco de incendios. Este parámetro combina variables como a temperatura, a humidade do aire, a velocidade do vento e as precipitacións para calcular ata que punto unha paisaxe está preparada para arder e se pode facelo sen control. Non mide a probabilidade de que alguén provoque un incendio, senón as condicións que atopará o lume se chega a iniciarse. E o resultado que ofrece para o sur de Europa é inequívoco: esas condicións son hoxe moito máis favorables ca hai catro décadas.

Os mapas elaborados polo equipo de científicos amosan un patrón practicamente continuo desde o oeste da península Ibérica ata Grecia. En amplas zonas de España, Portugal, Francia, Italia e da península helénica, o número de xornadas estivais con valores extremos do FWI duplicouse, e nalgúns lugares mesmo máis, desde comezos da década dos oitenta. Para os autores, non se trata dunha sucesión de veráns excepcionais, senón dunha tendencia persistente que reflicte un cambio de fondo no clima mediterráneo.

Un axente forestal traballa na extinción dun incendio, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Esa mudanza ten unha explicación física relativamente sinxela. O aumento das chuvias durante o inverno e a primavera dispara o crecemento da vexetación secundaria; o incremento sostido das temperaturas acelera a perda de humidade do solo e desa flora; a redución das precipitacións durante o verán prolonga os períodos de acusada seca… O resultado é un combustible forestal —os equipos de rescate xa falan directamente de «gasolina» cando se refiren a el— cada vez máis inflamable durante máis tempo. Se a ese escenario se suma unha onda de calor e un episodio de vento intenso, o comportamento do lume cambia radicalmente: os incendios propáganse con maior rapidez, acadan intensidades moito máis altas e xeran situacións nas que os medios de extinción apenas poden conter o seu avance. Esa é a dinámica que o estudo identifica como a principal ameaza para o sur de Europa nas vindeiras décadas.

Os investigadores engaden un elemento máis que axuda a comprender por que unhas campañas son peores ca outras. Xunto ao quecemento global, fenómenos de variabilidade climática como a chamada «Oscilación do Atlántico Norte» (NAO, polas súas siglas en inglés) e «El Niño–Oscilación do Sur» (ENSO) inflúen nas condicións meteorolóxicas do Mediterráneo e poden aumentar ou reducir o risco de incendios nun ano concreto. Pero eses ciclos naturais non contradín a tendencia principal observada no estudo: sobre esa variabilidade impóñese un aumento sostido do risco asociado ao cambio climático, que fai cada vez máis frecuentes os días con condicións extremas para a propagación do lume.

Un cambio de paradigma

A consecuencia de todo isto vai moito máis alá dunha estatística sobre incendios forestais. O que describe o estudo é un auténtico cambio de paradigma. Durante as últimas catro décadas, os países do sur de Europa investiron miles de millóns de euros en mellorar os dispositivos de prevención e extinción, profesionalizaron os operativos, incorporaron medios aéreos cada vez máis sofisticados e conseguiron reducir de maneira notable o número de incendios. Mais, ao mesmo tempo, o quecemento do clima está a modificar as condicións nas que eses incendios evolucionan. O resultado é que un único lume pode chegar a escapar de calquera capacidade de resposta e destruír en poucos días o que antes ardía ao longo de toda unha campaña.

Os autores non sosteñen que todos os incendios vaian converterse en catástrofes nin que cada verán vaia ser peor ca o anterior. O que advirten é que a probabilidade de que se produzan incendios extremos é hoxe moito maior ca hai 40 anos e que esa tendencia continuará se seguen aumentando as temperaturas e prolongándose as secas estivais. Por iso consideran que reducir as ignicións xa non abonda: será preciso adaptar a xestión forestal e a planificación do territorio a un escenario climático completamente distinto do que deu forma ás políticas de prevención e extinción de incendios de finais do século XX.

O estudo non di que todos os incendios vaian converterse en catástrofes nin que cada verán vaia ser peor ca o anterior. Do que advirteç é de que a probabilidade de que se produzan sinistros extremos é moito maior ca hai 40 anos e que esa tendencia continuará

Entre as medidas que propoñen figura o emprego de ferramentas de predición estacional baseadas en indicadores como o Fire Weather Index (FWI) e en grandes patróns de variabilidade climática como a «Oscilación do Atlántico Norte» (NAO) ou «El Niño–Oscilación do Sur» (ENSO). Coñecer con varios meses de antelación a probabilidade de que un verán reúna as condicións propicias para grandes incendios permitiría reforzar a vixilancia, planificar mellor os recursos de extinción e actuar antes sobre o combustible forestal acumulado. A adaptación, conclúen, deberá converterse nun elemento tan importante como a propia loita contra o lume.

A advertencia científica chega, ademais, nun momento no que o Mediterráneo encadea veráns marcados por incendios de dimensións inéditas. De Larouco ao Bierzo, da Serra de Gata a Ávila, de Castelló ás Landas francesas, os grandes lumes dos últimos anos parecen responder a un mesmo patrón: menos incendios, si, pero incendios moito máis intensos, rápidos e imprevisibles. A investigación coordinada por científicos da Universidade de Santiago de Chile, a Universidade de Colorado Boulder, a Universidade de Groningen, a Axencia Xaponesa para a Ciencia e a Tecnoloxía Mariño-Terrestre e a Axencia Estatal de Meteoroloxía achega agora unha explicación sólida a esa intuición compartida desde hai tempo por bombeiros forestais, técnicos e servizos de emerxencia: o cambio climático xa non só aumenta o risco de incendio; está a cambiar a propia natureza do lume.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail