A viaxe do Beagle, un libro para entender a natureza

Hai libros necesarios para o coñecemento da natureza. Constitúe ledicia inmensa que existan, en particular nesta época que nos tocou vivir, onde a ignorancia acadou límites extremos até o punto de algúns negar a redondez da Terra. Un deses libros é Journal of the Researches into the Geology and Natural History of the various countries visited during the Voyage of HMS Beagle round the World, de Charles Darwin, tamén chamado Adventure of the Beagle: A Naturalist’s Voyage. Isto é, A viaxe do Beagle.

Na edición que eu teño (J. Dent & Sons Ltd, London, 1906), o seu autor comeza coa cita en destaque «Hoc solum scio, quod nihil scio» («só sei que non sei nada»), de Sócrates. Unha cita ben axeitada, pois cando Darwin deixa as costas de Inglaterra, o 27 de decembro de 1831, non é senón un mozo naturalista que, aos seus vinte e tres anos, ten moito que aprender e poucas certezas.

Este libro, de lectura entretida para alguén que coma ti mostra interese xenuíno na compresión da natureza no seu conxunto, ten unha importante compoñente autobiográfica. Representa a Darwin na súa mocidade coma un naturalista novato, antes de el chegar á concepción da teoría coa que revolucionou o método científico e a interpretación da natureza: o darwinismo, coñecido tamén como a teoría evolutiva por selección natural.

O libro explica os moitos motivos de abraio e reflexión que Darwin encontrou na súa viaxe a bordo do HMS Beagle. Chega a dicir que nada pode haber máis conveniente para un naturalista mozo que a viaxe a civilizacións afastadas, pois iso estimula e alivia en parte esa necesidade e afán que experimenta o home, aínda cando todos os sentidos corporais estean satisfeitos. Darwin recoméndalles aos viaxeiros que atesouren en particular coñecementos de botánica e xeoloxía e variadas lecturas naturalistas, pois así o seu gozo será maior.

Nesta relación poderás tamén coñecer os seus métodos de traballo cando, embarcado a bordo do Beagle (nunha viaxe de circunnavegación que se prolongou nada menos que durante catro anos, nove meses e cinco días), realiza unha observación da natureza sistemática e tenaz. Poderás acompañalo, por descontado, no seu periplo pola costa africana até o arquipélago de Cabo Verde, atravesar despois o Océano até Rio de Janeiro, Montevideo, Baía Branca, Terra de Fogo, e pasar os Estreitos de Magallanes para entrar no Pacífico. Logo, ascender pola costa e illas de Chile, Perú e mais Ecuador até chegar ás Illas dos Galápagos, onde el observaría as especializacións nos bicos dos pimpíns, cruciais no desenvolvemento da súa teoría.

Despois visitaría Tahití, Nova Zelandia, Australia e as formacións coralinas da Gran Barreira, para mudar outra vez de océano até as illas Mauricio e regresar a Inglaterra. Mais, alén de visitar as costas, Darwin intérnase nos continentes e illas que visita, moi en particular para estudar as formacións xeolóxicas, os fósiles e os volcáns.

A súa teoría, que perdura no tempo, aínda que, iso si, matizada e completada polas novas achegas da ciencia, non é algo que se produza por xeración espontánea. Darwin non chegou ás illas Galápagos, observou varias tartarugas xigantes e uns pimpíns, e deseguido bosquexou a súa teoría da selección natural, da diverxencia evolutiva e da necesidade da existencia de organismos ancestrais comúns para explicar a creación de novas especies. Darwin precisou de paixón e coñecemento, de paciencia e colaboración con outros científicos que o axudaron no seu empeño.

O libro é, pois, de interese xeral para quen guste de viaxes e moi concretamente para quen goce cos relatos autobiográficos de expedicións científicas do século XIX. Conto con que estimule a túa paixón e coñecemento.

Charles Darwin (1809-1882) foi un naturalista inglés, recoñecido por ser un dos científicos máis influentes dos que propuxeron a idea da evolución biolóxica por medio da selección natural (xunto a Alfred R. Wallace). Darwin explicaría a súa teoría na obra «A orixe das especies» (1859).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail