A administración paralela de Feijóo deixou en Galicia unha débeda de 558 millóns

O informe do Consello de Contas do exercicio 2020 alerta de que a Xunta xestiona máis de 1.700 millóns de euros con organismos –consorcios, fundacións e axencias– opacos e menos rigorosos e transparentes en materia de control, contratacións, persoal e límites de endebedamento

A Coruña.- As entidades instrumentais da Xunta –os entes con personalidade xurídica propia que xestionan diñeiro público autonómico, moitos cualificados como «chiringuitos» pola oposición galega– acumularon unha débeda de 558 millóns de euros durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo.

Así o asegura un informe do Consello de Contas de Galicia, o organismo encargado da fiscalización económica, financeira e contable da Administración galega e da prevención da corrupción no sector público autonómico.

O documento foi publicado o pasado venres 29 de xullo, só un día antes de que o expresidente da Xunta e líder do Partido Popular asegurase nunha entrevista ao diario El Mundo que o goberno de Pedro Sánchez ía deixar «un pufo a cada español de 6.000 euros en débeda».

En Galicia dependen da Xunta 29 fundacións públicas, dezasete axencias, quince sociedades mercantís, once organismos autónomos e entidades de consulta, nove consorcios, catro fondos de capital risco e dúas entidades públicas empresariais. En total son 87 entes de administración paralela que, sen contar a grandes organismos como o Servizo Galego de Saúde, xestionan 1.737 millóns de euros. É dicir, o 14% do orzamento do goberno autonómico.

Cando Feijóo accedeu á presidencia da Xunta en 2009 prometeu acabar co que el mesmo denominou «chiringuitos». E aínda que é certo que baixo os seus gobernos o número desas entidades se reduciu nun 15%, o informe do Consello de Contas alerta de que o relevante non é cantas son, senón o diñeiro que custan, e que as transferencias e subvencións da Xunta seguiron crecendo e, con elas, o peso deses organismos na xestión do orzamento público.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na súa toma de posesión / Xunta.

«O argumento empregado para xustificar a creación de entidades instrumentais foi conseguir unha maior eficiencia no uso dos recursos públicos», di o documento, que tamén recolle a tese de que a súa proliferación está ligada «á fuxida do dereito administrativo nos procesos de contratación, á maior discrecionalidade nas políticas de persoal, á relaxación dos controis e á elusión dos límites ao endebedamento».

Con respecto a isto último, o informe detalla que a débeda deses entes alcanzou en 2020 os 557,8 millóns de euros. O Consello de Contas matiza que se trata dun nivel baixo de endebedamento, pero advirte que as entidades instrumentais galegas se alimentan case en exclusiva do orzamento público dada a súa incapacidade para xerar recursos propios e cumprir cos seus acredores, o que obriga á Xunta, de novo, a inxectarlles máis capital para amortizar esas débedas cando non poden pagalas.

O Consello de Contas matiza que se trata dun nivel baixo de endebedamento, pero advirte que as entidades instrumentais galegas se alimentan case en exclusiva do orzamento público

Os maiores debedores son o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que xestiona a política de vivenda da Xunta; a sociedade anónima Xestur, promotora inmobiliaria e para a xestión do solo industrial e na que participa o IGVS; a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que xestiona os medios públicos da comunidade, e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), a empresa pública mixta de xestión ambiental participada ao 51% pola Xunta e ao 49% pola eléctrica privada Naturgy.

O informe móstrase crítico coa falta de transparencia e de control financeiro e contable do que adoece a administración paralela da Xunta, con máis de 8.000 traballadores cun custo medio por empregado de máis de 37.700 euros ao ano. No caso das fundacións públicas, o custo por traballador elévase a máis de 57.200 euros anuais, e a case 50.000 euros no caso das sociedades públicas.

O Consello de Contas cuestiona especialmente a proliferación de axencias, unha aposta dos gobernos de Feijóo que «se afasta da liña seguida pola Administración do Estado e outras comunidades autónomas», segundo o Consello de Contas. Boa parte das políticas públicas da Xunta, explica a institución fiscalizadora, aplícanse a través de axencias, unha figura reservada por lei para a execución de programas específicos ligados ao cumprimento de obxectivos pretederminados.

Feijóo e Miguel Corgos / Xunta.

En Galicia, con todo, eses organismos executan estratexias tan diversas e de carácter tan xeral como a promoción económica, a construción e o mantemento de infraestruturas, os servizos sociais, o desenvolvemento rural, as industrias culturais e forestais, as emerxencias, a modernización tecnolóxica, a innovación, o turismo, a calidade alimentaria, as doazóns de sangue, órganos e tecidos, a calidade alimentaria…

No caso das empresas públicas, o Consello subliña que o seu «escaso nivel de xeración de ingresos propios» cuestiona que as actividades que desenvolven «sexan realmente empresariais ou mercantís». E en canto ás fundacións, lembra que a súa dependencia do Tesouro autonómico é superior ao 75%, o que «evidencia a incapacidade para usar o modelo segundo a súa verdadeira esencia, que non é outra que a de incentivar a participación do financiamento privado en actividades de interese xeral».

No caso das empresas públicas, o Consello subliña que o seu «escaso nivel de xeración de ingresos propios» cuestiona que as actividades que desenvolven «sexan realmente empresariais ou mercantís»

Por último, o informe reprocha que a Xunta non puxese en marcha o rexistro de entidades de administración paralela doce anos despois da aprobación da lei de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público de Galicia, coa que Feijóo dixo cumprir a súa promesa de regular os «chiringuitos».

O Consello de Contas advirte de que a carencia de rexistro non só «converte a Galicia nunha excepción» no Estado, senón que dificulta ademais o control das entidades instrumentais «e introduce un risco potencial derivado da falta de aplicación das súas obrigacións legais».

Luzes-Público preguntou á Consellería de Facenda e Administración Pública sobre estas cuestións para obter unha valoración da Xunta sobre o informe do Consello de Contas de Galicia, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail