Un linchamento que prende todas as alarmas

Europa, século XXI. Nunha rúa céntrica, chea de lugares de diversión nocturna, dunha cidade burguesa, un rapaz é linchado por unha manda de mozos da súa idade. ¶ O rapaz, Samuel Luiz, foi mallado entre berros de «maricón», segundo as declaracións das testemuñas presenciais, e as das compañeiras da vítima. O crime da Coruña provocou un shock colectivo, un abaneo das conciencias, porque leva a marca do horror máis aló do horror e deixa un ronsel de «mal de aire», un dó cheo de interrogantes. ¶ A Coruña non é un paraíso pintado por Lugrís dentro dunha redoma, mais tampouco é a Poisonville de Colleita vermella. Trátase dunha cidade cun baixo índice de criminalidade. Lugar «tranquilo», con «boa xente». En lugar de relativizar o ocorrido, iso mesmo debería levarnos a unha maior inquedanza e servir de máxima alerta. Que está a pasar para que nunha sociedade así, nun espazo público e concorrido, se produza un linchamento con xeitos de tormento? ¶ Deseguida se puxo en marcha a maquinaria de deconstruír a realidade, ese mundo paralelo e falso no que a violencia non ten xénero e os inmigrantes teñen máis dereitos que os «nacionais». Deconstruír a realidade para tentar demostrar que, do feito de que o morto fose homosexual e os homicidas usaran a súa condición sexual como insulto, non se podía inferir que se tratase dunha agresión homófoba. ¶ Despois, circulou o bulo de que os agresores eran «mulatos» (ergo, suramericanos), segundo unha testemuña que asegurou cruzarse con eles cando atendía o ferido. Unha desas noticias «guadiana», que aparecen e desaparecen nas edicións dixitais, afirmaba que, ademais de suramericanos, os agresores constituían unha banda latina. A seguinte teoría deconstrutora era que algún era simpatizante da esquerda nacionalista e outro (ou o mesmo) próximo aos Riazor Blues. Posteriormente, aclarouse que a relación de proximidade cos Blues consistira en que, nunha ocasión, un lle zoscara. ¶ Mentres, as fontes oficiais que fan de voceiros fieis das fontes oficiais aseguraban que non se tratou dunha agresión homófoba, citando como argumento de autoridade as declaracións dos detidos. E o dato de que non o coñecían, como se os delitos de odio se cometesen por «quen é» a vítima e non polo «que é». Segundo os presuntos autores, pasou o que pasou porque ían borrachos, e tamén malmeteu a moza dun. A tríade clásica Sex & Drugs & Rock & Roll, (neste caso, o rocanrol parece ter coartada). ¶ Mentres os expertos de garda debullan as causas, o porqué un grupo de xente nova se converte nunha banda homicida. Parece ser que agora é cousa do uso desmedido do Fournite na Playstation, como antes tiñan a culpa os debuxos de Shin Chan ou Songoku e despois –ou era antes?– os xogos de rol. ¶ Haberá unha investigación e unha explicación oficiais para o crime de Samuel, pero non a haberá para as agresións que decote sofren persoas de aspecto ou gustos sexuais «non normativos». As verbais e as físicas. Porque as palabras, discurso a discurso, titular a titular, grupo de Whatsapp a publicación de Facebook, constrúen realidades, sinalan anomalías, pechan puños, exculpan golpes. Pavimentan o camiño do odio. Como o pavimentan sentenzas do estilo da que ditou a Audiencia Nacional en Madrid dándolle carta de legalidade ao cartel mentireiro e de fasquía racista da ultradereita sobre os menores inmigrantes. Por certo, algo debería dar que pensar a certa xente que as únicas dúas persoas que tentaron defender a Samuel Luiz fosen dous inmigrantes africanos «sen papeis». ¶ Ante feitos así, cómpre tomar como mandamento a palabra de Primo Levi: «ficou unha facultade e debemos defendela con todo o noso vigor porque é a última, a facultade de negar o noso consentimento». Por iso, ademais da investigación policial, o linchamento de Samuel Luiz debería dar lugar a unha investigación e informe estatal sobre as verdadeiras causas que están detrás deste «mal de aire»: o incremento dos delitos de odio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail