Miguel Tellado, o tiburón galego de Feijóo para preparar un Goberno con Vox

A Coruña.- As festas de nadal de 2015 foron insospeitadamente convulsas no PP galego. Feijóo levaba dúas maiorías absolutas e tiña asentada a sensación de que quedaban moitas máis: conducira exemplarmente a transición do postfraguismo, os medios de dentro e fóra de Galicia vendían con fervor a súa imaxe de xestor amable e moderado, superara a crise das súas fotos con Marcial Dorado e era o neno consentido de Mariano Rajoy, tanto que moitos o aventuraban xa como o seu sucesor.

Pero nas xerais de novembro dese ano ocorrera algo preocupante: por primeira vez en moitos anos, a oposición –as mareas, o PSOE e o BNG– superara o PP en 220.000 votos –827.000 fronte a 605.000, case un 37% máis–, e ao ano seguinte había autonómicas. A Feijóo non lle saían os números e pensou seriamente que ía perdelas.

O hoxe presidente do PP confiara había anos as rendas do partido en Galicia a Alfonso Rueda, a súa man dereita na Vicepresidencia da Xunta, un tipo intelixente, amable e leal que respondía perfectamente a ese perfil. No nadal de 2015, con todo, deuse conta de que a pelexa que se aveciñaba non se podía gañar con sorrisos de delfín. Facían falta cairos para librala a dentadas ou , se non, perdían. Así que en maio de 2016, relevou a Rueda na secretaría xeral do partido e encargou ao seu substituto a dirección da campaña das autonómicas de setembro daquel ano convulso. O PP acabou renovando a súa maioría absoluta e sacoulle máis de 30.000 votos ao conxunto da oposición.

Miguel Tellado (Ferrol, 1974) gañouse a dentalladas a fama de quenlla que o acompaña desde que Feijóo lle entregou todo o poder orgánico do PP de Galicia e designouno como o seu portavoz no Parlamento autonómico, onde as súas liortas coa oposición, como lle sucede agora no Congreso, estaban á orde do día. Directo, incisivo, brusco e lingoreteiro, as súas intervencións tamén ían a matar, máis aínda se cheiraba sangue. Coa política estatal convertida nun arrecife indómito no que só sobreviven os depredadores máis voraces, a súa confirmación como secretario xeral en Xénova non sorprendeu os seus compañeiros en Galicia.

Preparar o escenario

«Sexamos claros» observa unha fonte dos populares galegos: «Feijóo vai ter que gobernar con Vox, e para preparar ese escenario, tanto internamente como de fronte ao electorado, non necesita un Rajoy, un [Javier] Arenas ou un [Ángel] Acebes, senón un [Francisco] Álvarez Cascos«, explica, en referencia aos exsecretarios xerais do partido durante a etapa de José María Aznar. «Ademais, Miguel é unha persoa extremadamente organizada, gústalle telo todo controlado e saber todo o que se move. É a persoa ideal para controlar o partido porque é agora ou nunca», sinala esa fonte.

Claro que Tellado non sempre nadou na piscina dos escualos da dereita máis dura. Ao contrario, as súas orixes en política están nas proximidades do BNG, cando se arrimou aos sindicatos estudantís próximos a esa formación cando cursaba Ciencias Políticas na Universidade de Santiago. Logo traballou de xornalista en radios e medio dixitais tamén vinculados ao nacionalismo, ata que en 2003 Juan Juncal, por entón candidato popular á Alcaldía de Ferrol, o contratou como xefe de prensa.

«Tellado xa exercía de secretario xeral. Cando había un problema nun territorio, a quen chamaban non era a Cuca Gamarra, senón a el»

Juncal era un excadeeiro, como se coñecía un grupo de mozos falanxistas que durante as folgas obreiras esperaban con cadeas de bicicleta aos traballadores, sindicalistas e progres que fuxían das cargas dos grises durante as folgas do sector naval. A ese grupo tamén pertencía Manuel Cruz, o chofer da Xunta que presentou a Feijóo a Marcial Dorado, de quen, segundo se soubo co tempo, Juncal fora home de palla na compra dunha das empresas de Sito Miñanco.

Tellado levou o gabinete de comunicación do Concello de Ferrol ata que Juncal perdeu as municipais do 2007. O partido destinouno entón ao departamento de prensa do grupo na Deputación da Coruña, e logo como xefe de gabinete de Beatriz Mato, a primeira conselleira de Traballo de Feijóo. De aí saltou ao Parlamento de Galicia como número catro nas listas das autonómicas de 2012.

Tellado xa exercía de secretario xeral

Segundo asegura unha xornalista que seguiu a información do Partido Popular durante os últimos tres anos, que Feijóo o designara secretario xeral era máis que previsible: «Desde que chegou [como vicesecretario de Organización en Xénova] xa exercía diso. Feijóo mantivo a Cuca Gamarra para facer unha chiscadela ao sector de Pablo Casado e ao partido en xeral, para que non parecese que todo era cortar cabezas. Pero cando nun territorio había problemas, a quen chamaba non era a ela, senón a Tellado».

A mesma fonte coincide en que o principal papel do novo secretario xeral será preparar o camiño para que o PP goberne con Vox: «Tras o fracaso de Valencia [onde o pacto de Carlos Mazón coa formación de Abascal pillou a Feijóo a contrapé] todas as negociacións pasan por Tellado, que ademais é quen mellor relación ten con Vox despois de dinamitar as relacións co resto de portavoces do Congreso», relata.

As fontes consultadas por Luzes-Público destacan o aprecio que Feijóo ten a Tellado pola súa lealdade inquebrantable, sosteñen que o presidente do PP o ten como un dos seus asesores máis próximos e avantaxados e mesmo aseguran que non dubidaría en inmolarse se a estratexia (politicamente) asasina que augura o seu nomeamento chegase a fracasar. É dicir, se, chegado o momento, ao líder lle fixese falta volver mostrar gracietas e sorrisos de golfiño moderado e amable, e non temibles aletas dorsais e mandíbulas repletas de dentes afiados. A fonte do PP citada neste artigo exprésao así: «Ata as quenllas teñen o seu corazonciño».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail