Membros peludos da familia

A Pipa, que me fixo tan feliz sen eu sabelo.

 

O pasado venres comezou a operación saída do verán 2023: por momentos, escoitando, lendo e vendo os medios de comunicación, pintábase o asunto coma o txupinazo dos San Fermíns. Xornalistas en estacións de tren e aeroportos cubrindo o evento, e tamén abordando a incautas asalariadas polas rúas cuxa máxima aspiración era ir á aldea para escapar do formigón. Tardei un par de días en decatarme de que había algo que me faltaba.

Este artigo é froito dun proceso de dó.

    O pasado luns tivemos que deixar marchar a Pipa. Sei que non sufriu: no momento en que o seu padecemento comezou a ser o mero feito de seguir viva tivemos que tomar a decisión. Aguantamos mentres os tumores se estendían das mamas á perna, pero podía aínda recibirnos movendo o rabo cando chegabamos á casa. Agardamos mentres ela babexaba do gusto cada vez que nos observaba poñerlle unha lata de comida húmida, aínda que a maior parte do día o pasaba deitada. Resistimos levándoa á praia unha última vez, onde puido nadar e rebozarse na area e, por suposto, non deixar nin unha das catro toallas que levamos limpa. Esas cousas que antes me tiraban do xenio: que deixase o chan pegañento, a roupa sucia, que me espertase no medio da noite cos seus ronquidos, que matase as galiñas ao “xogar” con elas, que me puxese sempre a pata enriba, a pata dun animal de 32 quilos… É curioso como todo iso se esquece. Como chegou mesmo a gustarme neses últimos días. Como o boto de menos. Como a boto a ela de menos.

En marzo a Luzes publicou outro artigo meu falando de perdas, neste caso as de meus avós, no que afirmei que medrar era dicir adeus. Xa levo uns cantos adeuses, aínda que tiven sorte e non comecei a despedirme ata case facer a trintena. Escribir verbas así cando me falta alguén non é algo que faga como homenaxe. As homenaxes en morte só as desfrutan os vivos. Escribo porque é unha das poucas cousas que (coido) fago ben. Polo menos, mellor que expresar sentimentos en voz alta*. As despedidas son para quen fica, non para quen marcha. É unha forma de aprendermos a continuar, a lembrar intentando que manque o menos posible. É un xeito de adaptarnos á nova realidade, a ese oco que queda baleiro.

Con Pipa marchou outro membro da familia, tanto dá que tivese dúas ou catro patas. Cando escoitei as reportaxes do inicio da operación saída do verán, sabía que ela me faltaba, que levaba case unha semana botándoa de menos. Do que tardei en decatarme era de que me faltaban tamén as noticias estivais de sobre abandono de animais.

Segundo o estudo Él nunca lo haría 2023 da Fundación Affinity, cos datos extraídos do Estudio sobre Abandono y Adopción de animales de compañía del año 2022, as protectoras españolas recolleron (a min gústame máis o verbo salvaron) o pasado ano máis de 288.000 cans e gatos, unha cifra das máis altas de Europa. No segundo cuadrimestre, que coincide co verán, é cando se abandona o 43% dos gatos e o 35 % dos cans. A principal causa de abandono son as camadas non desexadas (19 %), pero as seguintes son os problemas de comportamento dos animais (12 %), a perda de interese por eles (12 %) ou a fin da tempada de caza (11 %). Tamén aparecen outros «motivos» como a falta de tempo ou espazo (3 %) ou o nacemento dun fillo ou filla (3 %). Porén, non entendo ben o de que o 6 % dos cans e gatos abandonados o fosen por ingresos en centros hospitalarios ou de defunción. Contará Pipiña como un abandono?

Entendo que hai motivos fundados para separarse dun can ou un gato, igual que os hai para ingresar a algún ancián ou anciá nunha residencia. O que non entendo é que sexan abandonados, como quen tira o colchón vello ao contedor ou leva o sofá cotroso ao punto limpo. Non son posesións, son seres vivos. Pouco a pouco, a visión da sociedade a este respecto está a cambiar, pero queda moito por facer. Son membros peludos da familia. Son familia. E a xente que os abandona non merece respecto nin compaixón. E diría moito máis, pero non quero que me leven presa.

Mentres agardo, con terror, que comecen as novas do 2023 sobre xente que marcha á praia e deixa o can ou o gato atrás, como se pechase a auga ou o gas, ou lle dese dúas voltas á chave da casa, eu seguirei lembrando as veces que Pipa me poñía de mala gaita e botándoa de menos, tanto o bo como o malo. Porque niso consiste o amor, aínda que eu non lle devolvese nin unha mísera porción do que ela me daba.

Oxalá volvese espertar pola noite cos seus ronquidos.

Aquí vos deixo unha serie de protectoras que sigo e/ou coñezo e ás que podedes acudir se queredes que un ser vivo peludo forme parte da vosa familia, ou simplemente apoialas no que poidades. Hai moitísimas máis:

  • Bigotes Burela – @bigotesburela
  • Protectora de Animales de Foz – @aapafoz
  • Protectora de Lugo – @protectoralugo
  • Apadan (Culleredo) – @apadanprotectora
  • Gatocan (Coirós) – @gatocanprotectora
  • Refuxio de Bando (Santiago de Compostela) – @refuxiodebando
  • Vacaloura Santuario Animal (Santiago de Compostela) – @santuariovacaloura
  • Progape Ourense – @progape_ourense

 

*Toda a miña solidariedade coa recua de psicólogos e psicólogas que levan anos acompañándome. Un biquiño, raíñas da paciencia!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail