A gran dimisión e o cansazo democrático

Fálase moito da «gran dimisión». Mais fálase en diferentes sentidos, mesmo contrapostos. O primeiro en popularizar esta expresión, «The Great Resignation», foi o psicólogo e profesor de Xestión en Texas Anthony Klotz para definir unha especie de revolución social silenciosa: o abandono do traballo por millóns de persoas nos Estados Unidos. Un número que vai a máis: calcúlase catro millóns de insatisfeitos que deixaron o seu posto de traballo cada mes do ano 2021. E ese proceso estase a dar tamén, con diferente intensidade, no Reino Unido e Francia. No noso ámbito ibérico, con moito maior índice de paro, aínda non hai tal abandono masivo, pero si que se rexistra un grande malestar, sobre todo nos eidos onde se dan condicións máis precarias e de sobre-explotación: hostalaría, construción, servizo doméstico e coidados… Dende logo en aqueles denominados bullshit-jobs ou traballos de merda, con horarios de escravitude e salarios de miseria. Pero dáse tamén en sectores onde hai algún tempo sería estraña esta fuxida liberadora: a sanidade, a educación ou o xornalismo, onde se espalla a síndrome burn-out. Como se di na fala cotiá, «o estar queimado». Un grande incendio psicolóxico que se deriva dunha gran frustración polo xeito de traballar e pola valoración dese traballo. Hai voces no mundo empresarial que falan de «desbandada». Como hai quen botaba pestes contra os inmigrantes e agora andan a lostregar porque non teñen «man de obra». A «desbandada» non deixa de ser unha revolta, cun fondo común que latexa no corazón do ser humano: «Non queremos vivir para traballar, senón traballar para vivir» Mais o concepto da «gran dimisión» tamén se pode empregar noutro sentido referido, neste caso, á participación política, e que no Estado español se manifesta de xeito máis notorio no eido das esquerdas ou nas posicións con denominación de orixe progresista. As eleccións de Andalucía, como antes as de Castela e León, veñen ser moito máis que unha chamada de atención. Algo serio, de fondo e non ben analizado, está a ocorrer para que cun Goberno de coalición de esquerdas haxa esta «dimisión», malia ter tomado algunhas medidas sociais e laborais importantes perante a pandemia e despois. Está a fallar algo máis que a gobernación. Hai un cansazo democrático. Un desacougo. Unha desactivación. Quizás coa excepción das nacionalidades históricas, onde se mantén a pulsión democrática por forzas autóctonas e organizacións sociais. Mais, no resto, que está pasar? En parte, poden influír o estado de cousas mediático e a irrupción da política groseira de extrema dereita que enlama o campo e causa estupor. Pero o principal problema está na casa. No medio da seca, alguén terá que encargarse dos depósitos de esperanza.  

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail