Onda de indignación polo brutal asasinato na Coruña de Samuel Luiz Muñiz

Este luns haberá manifestacións en varias cidades e pobos de Galicia e España convocadas por asociacións LGTBI, mentres a policía investiga o suposto móbil homófobo do crime

A Coruña.- O asasinato de Samuel Luiz Muñiz na madrugada do sábado na Coruña levantou unha onda de indignación en toda Galicia que se estendeu ao resto de España, en protesta polo que moitas persoas consideran un crime homófobo. A policía non desvelou se a condición sexual de Samuel, de 24 anos, morto dunha malleira nunha zona da cidade onde se sitúan numerosos locais de copas, está relacionada co móbil do crime. A xuíza que leva o caso decretou o segredo do sumario. O que si transcendeu, é que varias testemuñas declararon oír insultos homófobos no lugar dos feitos, mentres os seus asasinos a emprendían a patadas e puñadas con el. Esas declaracións, e as gravacións de varias cámaras, poderían servir para aclarar as circunstancias do caso.

Este luns están convocadas manifestacións en, polo menos, trece cidades e pobos galegos (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Allariz, Monterroso, Camariñas, Noia, Ribeira e A Estrada) baixo os lemas #XustizaParaSamuel e #JusticiaparaSamuel –os hashtag baixo os que se agruparon as reaccións de condena nas redes sociais- e Xa abonda de LGTBFobia. Hai tamén convocatorias en Salamanca, en Logroño e na Porta do Sol de Madrid.

A concentración da Coruña, na Praza de María Pita fronte ao Concello, está auspiciada pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas), que onte condenou o crime e relacionouno coa crecente sensación de impunidade coa que se transmite o argumentario homófobo da ultradereita. «Quen alentan o discurso do odio, aínda que queden en segunda fila, son cómplices deste crime e de todas e cada unha das agresións que padecemos», afirman as súas voceiras, que tamén piden aos medios de comunicación que respecten «o duro transo que todo isto está a supoñer» para a familia de Samuel.

Alas creou o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, que ofrece na súa páxina web axuda e asesoramento ás persoas que sufriron unha agresión, sexa do tipo que sexa. A semana pasada rexistrou unha a un matrimonio que se dirixía a casa dun familiar no barrio de Monte Alto. Un home achegouse a eles e, mentres lles chamaba «maricóns», empezou a golpealos cunha porra extensible. Apenas dúas semanas antes, un menor de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) denunciou que recibira unha malleira por confesarse gai fronte aos seus agresores.

O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia realiza cada ano un completo informe sobre as agresións que se producen na cidade, e deses estudos dedúcense dúas cousas. A primeira, que, lonxe de minorar, a violencia homófoba crece ano a ano, e que cada vez son máis as persoas que deciden denunciala. En 209, Alas tramitou peticións de axuda de 61 persoas agredidas. En 2019 subiron a 91. E o ano pasado, a 114.

Segundo contan quen o coñecían, Samuel era un mozo pacífico e de carácter tranquilo. Era técnico auxiliar de enfermería e traballaba na residencia para maiores dunha ONG local. Estaba a estudar para obter o título de protésico dental. O sábado sobre as tres da madrugada atopábase cuns amigos na céntrica Avenida de Buenos Aires, xunto ao paseo marítimo da Coruña, cando os seus agresores comezaron a darlle patadas e puñadas ata que viron que non se movía e apenas respiraba. Os servizos de urxencia que o atenderon tentaron reanimalo durante varias horas na rúa. Lograron trasladalo vivo ao Complexo Hospital Universitario da Coruña, onde faleceu pouco despois.

Fronte á versión de quen sostén que o motivo do asasinato foi a condición sexual de Samuel, circula a dalgunhas testemuñas que sosteñen que os agresores crerían que el ou algún dos seus acompañantes os estaban gravando ou facendo fotos cun teléfono móbil, que lles terían roubado antes de fuxir. No lugar dos feitos apareceu onte unha mensaxe escrita en castelán en varios folios pegados con cinta adhesiva transparente ao chan da rúa, escrito por quen se identifica como o pai de Samuel e adornados cunha rosa vermella:

«Quero primeiramente agradecer o excelente traballo dos equipos do 061, por todo o esforzo realizado en canto á pronta atención do noso fillo. Quitáronnos a única luz que iluminaba a nosa vida. Sabemos que imos ter un camiño moi longo por percorrer, estaremos apoiados na nosa familia, amigos e compañeiros, que nos axudarán a saír deste camiño escuro. Agradecemos todas as vosas oracións e mostras de agarimo. Agradecer á nosa marabillosa cidade A Coruña. Grazas de corazón. Que Deus poida recompensar todo o agarimo que nos estades brindando. Un abrazo moi forte a todos. Desexamos que nunca chegue a ocorrer outro día tan negro como o que estamos a vivir. Non á violencia».

Nas redes sociais rexistráronse entre onte e hoxe centenares de mensaxes de condena e repulsa, incluídos varios membros do Goberno. Un dos últimos, o da vicepresidenta terceira e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz: «non hai peros fronte a esta violencia mortal que creba a nosa idea de liberdade, de convivencia e de diversidade. Hoxe, este país chora por Samuel e pide saber o que pasou. Non podemos calar, nunca, diante de quen alimenta o odio e quen o executa. Todo o meu agarimo e apoio á súa xente».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail