Feijóo pecha 600 camas de hospital coa pandemia agravándose

As asociacións que defenden a sanidade pública cualifican a decisión de «imprudencia» e advirten de que provocará un notable aumento das mortes evitables

A Xunta planea pechar este verán centenares de camas nos hospitais públicos, a pesar do aumento das listas de espera durante a emerxencia sanitaria, de que a epidemia de covid-19 parece ter rebrotado nalgunhas zonas da comunidade e de que o propio Goberno autonómico prevé millóns de visitantes durante o Xacobeo 2021, que se estenderá ademais durante o 2022.

As asociacións galegas de defensa da sanidade pública advirten de que a medida provocará un incremento da mortaldade evitable por enfermidades graves que poden conducir a un desenlace fatal se non son diagnosticadas e tratadas a tempo.

Desde que Feijóo preside a Xunta desapareceron definitivamente máis de 800 camas do sistema público de saúde en Galicia

A Consellería de Sanidade do Executivo de Alberto Núñez Feijóo, que dirixe Julio García Comesaña, eludiu facilitar en público as cifras concretas das camas que pechará durante xullo e agosto, pero si informou ás xuntas de persoal e aos sindicatos de que deixarán de funcionar 135 camas na área sanitaria de Vigo, 131 na da Coruña, 128 na de Lugo, 91 na de Santiago, 67 en Pontevedra e 36 en Ferrol. Un total de 588, é dicir preto do 9% do total. Desde que Feijóo preside a Xunta, á que accedeu no 2009, desapareceron definitivamente máis de 800 camas do sistema público de saúde en Galicia.

Habitación do hospital Álvaro Cunqueiro / Foto: Sergas

O anuncio dos peches estivais provocou a indignación da oposición, do persoal sanitario e das asociacións que defenden a sanidade pública, que alertan ademais de que é unha medida contraproducente dado o colapso ao que están sometidos moitos servizos, que padecen o aumento das listas de espera provocado polos peches e a redución de recursos aos que se viron sometidos durante os peores momentos da epidemia de covid-19.

«É unha imprudencia que terá consecuencias moi graves», asegura Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública de España. «A emerxencia derivada do covid-19 paralizou o sistema sanitario en Galicia, detraéronse persoal e recursos, nalgúns casos innecesariamente porque chegaron a pecharse servizos de oftalmoloxía e traumatoloxía», di. A consecuencia foi que deixaron de atenderse moitísimos casos, e as listas de espera aumentaron un 25%. «Calculamos que debe haber unhas 60.000 persoas nesa situación, e se se pechan camas asistiremos a un aumento das mortes por patoloxías como cancro, cirrose e enfermidades cardiovasculares e respiratorias», advirte.

A suba do gasto na sanidade pública neste exercicio debeuse á compra de vacinas e equipos de protección, non ao investimento en recursos humanos ou médicos

Tamén critica á Xunta pola «falta de transparencia» á hora de facilitar información sobre o número de persoas que esperan a ser atendidas para facerse unha proba ou recibir un diagnóstico, un tratamento ou ser sometidas a unha intervención cirúrxica. Martín lembra ademais que Galicia xa parte dunha situación moi complicada, coa atención primaria «colapsada» polos sucesivos recortes orzamentarios que executou desde o 2009 o Goberno de Feijóo.

Hospital Universitario de A Coruña / Google Maps

O portavoz de SOS Sanidade subliña que aínda que no pasado exercicio e no actual houbo un aumento do investimento en sanidade, débese á adquisición das vacinas contra a covid-19 e dos gastos derivados da emerxencia sanitaria, como a compra de equipos de protección e respiradores, entre outras. «Pechar camas agora é unha barbaridade. Imos saír deste verán peor do que saímos o verán pasado, que xa foi complicadísimo», alerta. Tamén lembra que o persoal sanitario está nunha situación límite, despois de máis dun ano sometido á tensión da epidemia e sen que variase a política dos exercicios anteriores de non repoñer ao persoal que se xubila e de non cubrir na súa totalidade as baixas médicas ou de descanso de médicos e técnicos de enfermería.

O anuncio do peche de case 600 camas en Galicia prodúcese cando, a pesar de que a campaña de vacinación permitiu que se administraron máis de 2,8 millóns de vacinas –para unha poboación de 2,7 millóns de habitantes–, o número de casos de covid está a incrementarse sostidamente desde hai días. Hai activos 2.136, cando a semana pasada non superaban os 1.500. A incidencia acumulada a catorce días xa supera os 105 por cada 100.000 habitantes.

A Xunta, que non quixo facilitar información sobre os motivos que lle levaron a pechar o 9% das camas da comunidade, segue doutra banda insistindo en promover o Xacobeo 2021, que se estenderá ata decembro do 2022 porque o propio Executivo autonómico pediu ao Vaticano que prorrogase o evento para paliar os danos que a epidemia causou ao o sector turístico. O Goberno de Feijóo calcula que o Xacobeo traerá a Galicia dez millóns de visitantes, é dicir máis do triplo da súa poboación, dos cales ao redor de medio millón farano camiñando polos distintos roteiros xacobeos.

O alcalde de Vigo, a cidade que máis camas verá pechada este verán, criticou abertamente a decisión da Xunta. «Non se poden pechar camas se hai listas de espera. Non parece o momento de relaxar a atención sanitaria», dixo Abel Caballero, quen esixiu a Feijóo que resolva o problema «con dilixencia».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail