En tempos tan remotos como 1989, ou por aí, cando Fernando González Laxe era presidente da Xunta, ou acababa de selo, dixo que o AVE, ou as autovías (xa ven que a miña memoria é prodixiosa), que levaban un lustro solicitándose, por moito que correran as obras non ían poder estar rematadas antes de 1993. Case o comen, desde a oposición aos poderes fácticos. As autovías déronse por finalizadas en 2001, case 15 ou 20 anos desde que se comezou a falar delas, e do AVE que lles vou contar, a ver se non pasamos dos 30 anos desde que Laxe aventurase aquela data tan pesimista.
Hai moita xente que considera que era mellor meter os cartos nunha rede ferroviaria rápida que interconectara Galicia que nun AVE a Madrid, porque calquera fai máis viaxes entre cidades galegas que á capital do Estado, e non hai conexión aérea entre elas. Os informes europeos aseguran o mesmo, pero oian, xa que vai indo, e como os demais xa o teñen, porque aquí non.
O malo do AVE é que é, desde os tempos de Laxe, dos poucos argumentos políticos que hai en Galicia, e nos últimos anos, o único. Mentres noutras comunidades reformaban os estatutos e asumían competencias, aquí os gobernos do PP daban a matraca co AVE se o Goberno central era socialista ou, en caso contrario inauguraban promesas, tramos de 1,5 km e cambios de agullas, entre cantos á cooperación entre administracións e rendidas mostras de agradecemento á comprensión e xenerosidade do Goberno Amigo. Así tres décadas.
Desde os tempos de Laxe o AVE é dos poucos argumentos políticos que hai en Galicia, e nos últimos anos, o único. Agora aínda vai ser peor. Estamos en situación de «Goberno Non Amigo» e queda un ano para as municipais e dous para as xerais
Agora aínda vai ser peor. Estamos en situación de «Goberno Non Amigo», e queda un ano para as municipais e dous para as xerais, no mellor dos casos (ou sexa, que técnica e practicamente estamos en precampaña). E o que é peor, xa non estamos no tradicional escenario da alternancia, vixente desde 1982, de que manda A ou B, con maiorías absolutas ou cómodas maiorías parlamentarias.
Así que a pelexa vai ser corpo a corpo, trincheira a trincheira e casa por casa. O AVE volverá ser obxecto de debate teolóxico e non unha obra pública máis ou menos cuantificable en investimento e prazos. Mentres tanto, nun mundo paralelo (o real), o Tribunal de Contas Europeo criticou en días pasados que a Comisión Europea gastara 23.700 millóns de euros desde o ano 2000 na construción dunhas liñas sen case valor engadido europeo, porque non conectan as redes ferroviarias nacionais entre si. Practicamente a metade dese presuposto (11.232 millóns) gastouse na alta velocidade en España, sen conexión con Portugal, e sen conexión atlántica con Francia. Os auditores da UE aseguran que os investimentos deron como resultado «un mosaico fragmentado e incoherente que non responde ás necesidades de integración das redes de transporte no continente senón a intereses políticos locais carentes da mínima análise de coste-beneficio». Non só iso, senón que non é xustificable que se invista en transporte de pasaxeiros e non no de mercadorías, e que non se potencien as cercanías, a intermodalidade e unha rede reticular, e non unicamente de ida e volta a Madrid.
Pero que saberán na UE, Tribunal de Contas incluído, do proveito que lle sacamos como argumento político-electoral…